0 Gardados para despois

Xosé Mª Dios Diz

O uso de agullas de inxección de insulina, un problema importante

A Asociación de Diabéticos de Santiago púxose en contacto coa Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela para denunciar a mala calidade das agullas que usan os pacientes diabéticos para a inxección de Insulina. Non paramos de realizar as xestións oportunas para que a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Recursos Económicos, retirase o contrato da empresa Productos Sanitarios Gallegos, PROSAGA, S.L.

Non entendemos como na Consellería de Sanidade continúan mantendo o contrato dados os defectos que presentan as agullas (o contrato é revisable pero indefinido, segundo o DOG nº 8, do mércores 14 de xaneiro do 2015) e permitindo que miles de persoas diabéticas sofran os defectos tan manifestos deste material: hematomas na zona de inxección, dor, perda da insulina inxectada por mal encaixe na pluma de insulina (co risco de hiper ou hipoglucemias), problemas de tipo psicolóxico (sobre todo nos nenos, xa que algúns teñen que pincharse 3 ou 4 veces diarias, e ca dor que lles provoca, escapan das agullas en canto a ven). Tamén temos a testemuña dunha muller á que se lle romperon as agullas dentro do abdome e no muslo. A proba é unha radiografía que se lle fixo para retirar as agullas. As intervencións cirúrxicas prográmanse (con moito tempo de agarda) pero a paciente ten que seguir pinchándose día a día.

A Consellería de Sanidade di que unha comisión de “expertos” foi a encargada de dar o visto bo a ditas agullas; de seguro que nela non estaba ningún diabético insulín-dependente que usa estas agullas tan desastrosas. Tampouco ningún familiar de algún neno que se ten que pinchar diariamente. Ou algún maior, con artrose ou enfermidades dexenerativas como o Parkinson, que cursan con tremor, co cal se agudizan os seus problemas ao usar unhas agullas con tantos problemas.

Antes de adxudicar as agullas a PROSAGA, S.L. os diabéticos usaban unhas agullas que non tiñan estes problemas.

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela puxo a QUEIXA correspondente no Valedor do Pobo o 26 de maio do 2015. Entregamos unha documentación cas denuncias presentadas ante a Xerencia de Atención Primaria de Santiago (22 de abril do 2015) e ante a Consellería de Sanidade. A resposta da Valedora do Pobo, apoiando as teses da consellería, deixa no desamparo a todos os usuarios de agullas para inxectarse a insulina.

Temos que conseguir que a Consellería de Sanidade rectifique este contrato, e para iso imos ao xulgado, para interpoñer unha DENUNCIA, que a xuíza considera por PREVARICACIÓN ADMINISTRATIVA, ca data de aceptación do caso do 8 de setembro do 2016. Pero a nosa sorpresa é maiúscula cando nos enteramos que a Fiscalía, que se supón é a que ten que velar polos dereitos dos máis desfavorecidos, ponse de parte da consellería e presenta un recurso de apelación, que terá que resolver a Audiencia Provincial de A Coruña. O recurso da Fiscalía, e as súas razóns (parece que defectos de forma, de asignación do xuíz, de datas, etc.) son demoledoras para os intereses dos pacientes afectados. A consellería tamén se persoa, alegando o formulado pola Fiscalía.

Que teñen que facer as persoas afectadas por unha inxustiza tan evidente? Teñen que seguir usando un material que a todas luces se ve defectuoso? Teñen que seguir soportando o dor e as molestias causadas por unha agullas, máis baratas pero moito máis desastrosas que as que tiñan previamente?

Que hai detrás da concesión a unha empresa que presenta un material que as persoas que o usan rexeitan por non cumprir co seu cometido: pincharse a insulina sen molestias?

Estaremos expectantes ante os acontecementos que se aveciñan. Xa sabemos de presións por parte da consellería e a xerencia, pero a razón está da nosa parte.

Sabemos que o Partido Popular se caracteriza por ser moi forte cos débiles e moi feble cos fortes. Pero neste caso, que xa está en mans dunha xuíza, esperamos que a razón e a xustiza estea en mans das persoas diabéticas insulin dependentes e que podan usar as agullas (que son de por vida) sen problemas.

Acerca de Xosé Mª Dios Diz

Dr. Xosé Mª Dios Diz, Médico Especialista de AP de Outes