0 Gardados para despois

Paco Reyes

Mentiras, mentiras podrecidas e estatísticas de listas de espera

A lista de espera é un dos aspectos que xera maior insatisfacción no noso sistema sanitario. Nun estudo realizado sobre a percepción dos pacientes sobre a espera en determinados procedementos cirúrxicos programados e en consultas dalgunhas especialidades, o 80% dos pacientes considera que debería esperar menos dun mes para ser atendido na consulta do especialista, e o 74% que o tempo máximo para intervención cirúrxica debería ser inferior a un mes. En Galicia, segundo os datos oficiais do SERGAS, a espera por unha primeira consulta é de máis dun mes (35,2 días) e de case dous meses para unha operación cirúrxica (58,9 días). En xeral, a espera xera sentimentos de impotencia e incerteza, que se ve engadida á propia de toda intervención cirúrxica, como mostra a literatura científica.

Pero ademais da accesibilidade, as Listas de Espera Cirúrxica poden comprometer tamén a equidade e a efectividade do sistema. A equidade, ao propiciar que os pacientes con máis recursos ou máis influentes ou próximos ao sistema sanitario utilicen vías alternativas para axilizar a súa intervención. A efectividade, ao aumentar o risco de que os enfermos sufran un agravamento da súa patoloxía de base e dificultar a fluidez da resposta aos pacientes máis graves. No peor dos casos, a espera pode condicionar a morte do paciente. Comprobouse un exceso de mortalidade entre os pacientes que estaban a esperar para ser intervidos de cirurxía cardíaca ou prótese de cadeira.

En Galicia, as listas de espera oficiais do SERGAS mostran que ao 30 de xuño deste ano 2016 esperan 258.956 persoas por unha intervención cirúrxica, unha primeira consulta diagnóstica ou unha proba complementaria de diagnóstico; isto é, 18.730 persoas máis que o ano pasado pola mesma data. Pódese dicir que o SERGAS mantén en espera a un de cada dez galegos.

As listas de espera e a súa xestión están vinculadas a varios factores. Un deles é a carencia ou redución de recursos. Os recortes que o SERGAS veu sufrindo nos seus orzamentos desde 2009 (últimos orzamentos do Goberno de Emilio Pérez Touriño), supuxeron un escandaloso recorte de máis de 1.590 millóns de euros no período 2009-2016, o que conlevou, entre outras cousas, unha diminución do persoal sanitario do SERGAS de 1.795 prazas. Destas, 513 foron prazas de médicos e 184 de enfermería.

O segundo aspecto a ter en conta é a falta de transparencia do SERGAS no cómputo e a publicidade do número de pacientes en lista de espera. Un informe do Consello de Contas expón que as listas de espera non estruturais supoñen un 43% máis de enfermos en espera cirúrxica, o que significa que en Galicia non esperan 31.261 pacientes por unha operación senón 44.703 persoas, dato que o SERGAS oculta, a pesar de que o Real Decreto 1038/2011, do 12 de xullo, polo que se establecen os criterios marco para garantir un tempo máximo de acceso ás prestacións sanitarias do SNS, no seu artigo 6 dispón que, sexa cal for a causa de inclusión do paciente na lista de espera non estrutural, este continuará no rexistro de lista de espera. O que se fai con estes pacientes a efectos do seu cómputo é envialos a centros privados concertados e considerar que saen da lista no momento da derivación e non cando son realmente intervidos. Igualmente indica o informe do Consello de Contas a práctica  seguida no SERGAS de “pechar as axendas” para non indicar unha data de primeira consulta ata que estea dentro do período de garantía que establece o Decreto de garantías de tempos de espera como máximo; o que significa engadir ao tempo garantido a espera engadida no “limbo”, que pode chegar a supoñer varios meses máis.

Outro aspecto está relacionado coa xestión da demanda e, por tanto, da lista de espera. Calculouse que a depuración administrativa das listas de espera pode chegar a reducilas nun 22%; pero esta depuración ten que ir ligada á seguridade de que o paciente ao que se dá de baixa xa non require ou non desexa a intervención.

Os estudos indican que o número de intervencións de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) sobre o total de intervencións que serían susceptibles de CMA, oscila entre o 8% e o 50%, dependendo do tamaño dos hospitais; dato que reflicte que queda moito por facer na xestión do proceso cirúrxico. Neste sentido hai que apuntar tamén a problemática, non suficientemente abordada, da variabilidade da práctica médica. Nun estudo sobre a variación nas taxas de intervencións de dubidosa efectividade, móstrase que se poderían reducir un 35% das intervencións de proctoloxía, un 37% das de revisión de artoplastia, un 39% das de adenoidectomías e un 29% dos casos de fusión espinal.

Con respecto ás “peonadas”, é dicir as xornadas de tarde con pago por intervención, un estudo mostrou que non reducen a produtividade durante as xornadas de mañá (requisito para establecer o programa), pero o tipo de intervencións seleccionadas tendía a maximizar os pagos aos médicos e era practicamente inverso á prioridade clínica das intervencións. Outro aspecto importante que pode influír na lista de espera é o conflito de intereses xerado en sistemas sanitarios que permiten a compatibilidade da práctica pública e privada. Así, existe evidencia de que os facultativos que compatibilizan a práctica pública e privada teñen tempos de espera no sector público considerablemente máis prolongados que os seus colegas que só operan dentro do sistema público.

Existen exemplos de propostas de políticas de xestión de listas de espera, como o Western Canada Waiting List Project, que permitirían se non liquidar o 100% dos casos, si polo menos desenvolver un sistema útil para o 90% dos casos e xestionar o 10% restante de forma transparente. O primeiro paso para avanzar por esa senda ten un nome: vontade política.

Acerca de Paco Reyes

Voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Santiago de Compostela e coordinador da Sectorial de Sanidade do PSdeG