26S, novo asalto

A poucos días da xornada electoral do 25 de setembro cómpre deterse, levantar a cabeza e dar as últimas estocadas coa vista posta no horizonte, sabendo de onde vimos e cara onde imos.

Estamos ante un punto de inflexión dun ciclo político, tal vez nun fin. Está claro que vivimos un momento histórico, pero non un momento culme dos últimos catro nin oito anos. Atopámonos ante un momento histórico do período político iniciado en 1978.

A crise económica iniciada no 2007 non foi senón unha crise estrutural do sistema que deu lugar a un proceso de crise de Réxime: un proceso no que o conxunto das institucións que manteñen e lexitiman un orde social concreto comezan a ser cuestionadas. Nun momento no que se ve ameazada a taxa de ganancia das elites económicas, dende o poder lévanse a cabo unha serie  de políticas antipopulares co único fin de manter, cando non, incrementar os beneficios empresariais. Isto xera un cambio nas condicións materiais das capas populares, o que se traduce nun cuestionamento do orde político existente.

Ante a incapacidade de manter un equilibrio de intereses entre clases posuidoras e desposuídas, as contradicións do Réxime afloran, chegando a un punto no que deben ser superadas. Para a superación das contradicións actuais só existen dúas vías: ruptura ou recomposición. É dicir, ou as forzas antagónicas inician un proceso de deconstrución do sistema político actual para construír un novo; ou o Réxime se recompón, se adapta á nova situación e restáurase recuperando as posicións privilexiadas das que gozaban con total impunidade antes da crise económica.

No estado español estas contradicións do Réxime materialízanse, entre outras, nun cuestionamento do bipartidismo e da figura da coroa, eixos sobre os que se edificaba o Réxime do 78.

Ante esta fenda, os elementos da esquerda iniciamos un proceso de organización, de unión das diferentes loitas co obxectivo de organizar unha resposta que unise os mínimos comúns.

Nun primeiro momento, como cumio de todos os diferentes movementos sectoriais existentes (a loita contra a sanidade, a loita polo dereito ao aborto, a loita contra os desafiuzamentos, etc)  xurdía o movemento das Marchas da Dignidade. Este movemento aglutinaba a centos de colectivos por todo o estado baixo unha mesma consigna: “Pan, traballo e teito”. Pola contra, dende o réxime executábase unha estratexia de represión, de violencia sistemática contra as protestas.

Posteriormente  entramos nun período electoral que poderiamos dicir se estende ata os nosos días.  Neste período prodúcese un cambio progresivo nas formas de loita. Por un lado, dende a esquerda, ten lugar unha autoorganización nos municipios que cristaliza nas diferentes mareas municipais. As mareas municipais supuxeron un claro avance na Unidade Popular; sobre todo en Galicia, o territorio con máis candidaturas deste tipo de todo o estado. A relevancia destes procesos non reside no feito de fundir as diferentes marcas políticas nun só proxecto, senón no proceso de aglutinamento de novos sectores do pobo dispostos a organizarse na loita institucional para intentar solucionar os seus problemas elas mesmas.

Pero este reforzamento no campo institucional derivou nun trasvase de gran parte da masa activista das rúas ás institucións, destensionándose as rúas cada vez máis. A resposta en forma de mobilización desinflouse totalmente, quedando soamente loitas localizadas, en gran medida invisibilizadas a nivel mediático.

Tras a estocada que supuxeron as mareas municipais, que lle arrebataron ao bloque dominante unha importante cantidade de concellos por todo o país; os diferentes actores políticos da esquerda nacional impulsaron o proxecto de En Marea para as eleccións xerais do 20 de Decembro. Este proxecto non acabou por xerar un novo empoderamento de sectores de clase non organizados, nin sequera aproveitando a estrutura das mareas municipais para xerar novas sinerxías. Aínda así, supuxo a creación dunha fronte de loita institucional amplo que recollese as reivindicacións de moitos colectivos, colectivos que durante anos loitaron por mellorar as nosas condicións de vida en todas as vilas e cidades galegas. A creación dunha ferramenta de unidade popular para todas que lle faga fronte ó réxime, abría unha nova fenda nesta disputa polo futuro: todo proceso parte con carencias, pero quen se non nós para ser o motor que supere as nosas propias contradicións.

Tan importante como analizar os pasos que demos dende a esquerda, é analizar a estratexia levada a cabo polo propio Réxime. A estratexia de recomposición consiste no transformismo: a asunción de reivindicacións populares levándoas aos seus propios fins. É dicir, o bloque dominante asume que o entramado político actual non é suficiente para manter o seu poder; e por tanto ten que disputarlle ao bloque alternativo a dirección deste cambio para realizar un recambio. Non se trata soamente de entrar a disputar reivindicacións comúns, tamén se trata de marcar axenda política, de levar de maneira controlada a crítica cara cuestións superficiais, cuestións que nada teñen que ver coa realidade material das capas populares.

Deixar de falar de precariedade laboral, de emigración da mocidade, de falta dun futuro digno para a mocidade; para falar de corrupción.
Deixar de falar de EREs, de despidos improcedentes; para falar das deputacións.
Deixar de falar de exclusión da clase traballadora do ensino universitario, de bloquear o noso acceso a unha formación digna para converternos en man de obra precaria; para falar de falta de consenso á hora de aprobar as diferentes leis educativas.
Deixar de falar de represión, tanto política como sindical; para falar de salarios públicos.
Deixar de falar de fame, para falar de coche oficiais.

Desprazar, en definitiva, o foco mediático ocultando os verdadeiros eixos de desigualdade. Que pareza que todo cambia, pero que no substancial non cambie nada.

O resultado das eleccións xerais amosa que as contradicións aínda non foron resoltas. O réxime resiste. O bipartidismo resiste contra todo prognóstico. Esta loita non é unha loita dun ano.  Queda aínda disputa por librar.

As eleccións autonómicas en Galicia non son un feito aparte, non é un proceso independente. Todo o contrario: é unha batalla máis que librar, unha batalla onde o réxime pode fortalecerse ou saír debilitado. Sendo Galicia un dos territorios onde a dereita sempre conseguiu unha maioritario apoio electoral; ¿Que maior desestabilización que arrebatarlle un dos seus feudos?

Nos últimos meses as distintas reflexións da esquerda sobre o proceso de En Marea fundíronse nun novo proxecto, ou tal vez nun avance do existente. A síntese superadora dos diferentes espazos políticos xerados, levounos a un proxecto político con capacidade de aglutinar ós elementos máis conscientes de todo Galicia nunha mesma ola, baixo un mesmo ideario. A superación das contradicións no seo da esquerda non foron superadas totalmente, mais si o suficiente como para facer agromar este proxecto de Unidade Popular que ten xa anos de evolución, con diferentes formas, diferentes erros, complexidades e contradicións; pero un proceso suxeito a evolución ao fin e ao cabo.

O 25 de Setembro xogámonos moito. Nada menos que intensificar a descomposición do Réxime no seu plano institucional, de intensificar a crise, de amosar a nosa forza, a nosa capacidade como suxeito político de construír unha alternativa para disputarlle o poder político.

É fundamental plantexar que o resultado da xornada electoral condiciona a maior ou menor intensidade das contradicións do Réxime,  e non como un posible punto de ruptura.

Non podemos plantexar a ruptura como consecuencia dos resultados das eleccións. Pode ser que En Marea gañe as eleccións, pero aínda así seguiría existindo o entramado político-institucional imperante agora mesmo. A ruptura co réxime non é unha cuestión de nomes, de renovar equipos, de cambiar cores; é unha cuestión de desmontar a máquina do estado actual, ao servizo da oligarquía. Isto non é unha cuestión de decreto, nin de boas intensións: é unha ardua loita na que non sirve soamente con que os sectores máis concienciados da esquerda poidan estar no goberno.

A desigualdade pode recrudecerse pola aplicación de decisións políticas, pero a raíz destas reside no poder económico. Non vale entrar no parlamento coa intención de mudar decisións políticas soamente. É preciso que o pobo se autoorganice, que aprenda a solucionar por e para si mesma os seus problemas, que se empodere, que estea disposta a mudar o orde social existente.

Nesta loita necesitamos que as masas traballadoras estean connosco na trincheira, que teñan vontade creadora, que teñan un apoio máis aló do conxuntural. Só así podemos conquistar o poder, só así podemos construír un novo país.

Nestes últimos meses construímos unha nova ferramenta de Unidade Popular, é hora de complementala. Seguir superando os erros, compatibilizando todas as loitas, non focalizándose nunha soamente, ten que ser o obxectivo inmediato da esquerda. O bloque da ruptura xa ten a súa expresión institucional, non o deixemos illado. Dotar de ruptura ten a súa expresión institucional, non o deixemos aquí.  Dotar a este bloque de organización na rúa, de loitas e superación de conflitos, ten que ser o obxectivo estratéxico. 

A partir do 26 de Setembro, comeza a hora da estocada final, o momento de rachar co Réxime. Pero isto non vai pasar espontaneamente, e moito menos vai ser dado. É unha necesidade acuciante estender a nosa loita ás rúas, aos centro de conflito, despertar as loitas esquecidas.  Temos que ensinarnos a nós mesmas a organizarnos, a solucionar os nosos propios problemas materiais, eses problemas que o Estado non é capaz de solucionar. Só xerando contrapoder alá onde se dan as contradicións podemos xerar a suficiente forza para avanzar en forma de ruptura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.