0 Gardados para despois

Xabier Vázquez Pumariño

A biodiversidade non vota. Ti si

Hai xusto dous anos anunciábase triunfalmente que na ladeira do monte Gaiás, aos pes do despropósito arquitectónico máis famoso de Galicia, “construiríase”, tamén, o “bosque de Galicia”. Outro ridículo disparate que revela unha fonda falla de cultura ambiental e científica. Mentres, as escasas superficies forestais que poden acadar tal categoría, a de bosque, dormen agardando que non lles pase nada malo ante a falla de protección real. Bosques de verdade, como os de Ancares, O Courel, Serra Trevinca, os da Ribeira Sacra ou os miles de pequenas mostras que quedan, como a Fraga de Catasós, teñen, no mellor dos casos, unha protección sobre o papel. Isto só é unha pequena pincelada da situación ambiental de Galicia ou, máis concretamente, da situación da súa biodiversidade. 

A natureza non vota. Non votan as aves, nin as árbores, nin as libeliñas, non votan nin o oso, nin o lobo nin os arroases. Por iso non sorprende que no debate entre candidatos non se adicara nin un segundo a esta cuestión que, crucial para saúde do territorio e para a viabilidade da sociedade, supón un sistema de alerta preciso sobre a sustentabilidade  (ou non) das actividades humanas e é claro desafío ético e humanista.

O desprezo que na administración galega hai polo medio natural, pola biodiversidade é brutal, pero non é casual. Levamos unhas 4 décadas de democracia e, máis ou menos, autogoberno neste eido, que son unha continuidade clara de outras 4 décadas de ditadura fascista onde prima o produtivismo cego e a humillación a calquera atisbo de sensibilidade. Tantos anos de agresións, de brutalidade, de burla pola ciencia e o coñecemento, de insensibilidade, de carencia de ética, páganse. 

Hai uns anos tiven a sorte de participar na elaboración de diferentes Axendas 21 en moitos concellos galegos. Ainda me sorprende lembrar como en moitos concellos do interior da provincia da Coruña moitas persoas exhibían con total ledicia unha ignorancia tan supina; segundo eles vivían en lugares cunha natureza extraordinaria. Pois ben, eses concellos son auténticos desertos verdes inzados de eucaliptos, prados clónicos e millo transxénico, paisaxes degradados e industriais. O número de aves que podemos atopar neses lugares dificilmente chega ás 40 especies: un claro indicador dun desastre ambiental. Non deixo de sorprenderme cando falando con persoas, en principio, cun gran nivel de formación e información e con sensibilidade polo medio ambiente lles dis que non, que os piñeiros non son autóctonos de Galicia por moito que no himno fagamos gala de ignorancia -poética pero ignorancia- cos famosos rumorosos. 

Por tanto non é de estrañar que nestes anos de “autonomía” o estado da biodiversidade galega sexa de auténtica calamidade. Neste anos extinguíronse a pita do monte e as gaivotas tridáctilas, o arao desaparecerá en nada senón o fixo xa este ano ao igual e o corvo mariño cristado, o sisón ou a tartaraña cincenta que levan o mesmo camiño. Especies antes comúns como o pardal orelleiro son, a día de hoxe, auténticas rarezas ás que ninguén presta atención. Os hábitats humanizados ou seminaturais, bo exemplo de convivencia entre actividades produtivas e natureza, simplemente son xa unha lembranza abafada pola ditadura forestal, por eses millóns de eucaliptos e piñeiros que teñen o mal costume de arder moi ben e que tan ledamente tratamos de apagar con cartos públicos, por esas 4 ou 5 compañías que gañan cartos co desastre alleo, por eses técnicos que avalan destinar fondos europeos para o desenvolvemento rural a alimentar o desastre, por eses departamentos de universidade que son auténticos viveiros de brutalidade natural e especulativa. 

Nestes anos, o catálogo de especies ameazadas de Galicia non deixou de ser un mero papel, ao igual que os plans de conservación ou recuperación desas especies que collen po nos estantes dun edificio oxidado en Compostela. Igual de oxidado que os técnicos e políticos que por alí circularon todos estes anos. Responsables todos eles de que vivamos nun dos territorios máis deteriorados e pobres en biodiversidade de toda Europa, dende logo de España. 

Nestes anos a Unión Europea veu lexislar sobre natureza e hai que dicir que se non fora por esta superestructura a situación sería peor se cabe. As leis da UE cúmprense ou non. No caso da biodiversidade sobre o papel, que terma con todo, terma ata coa Rede Natura. Si, temos unha rede de espazos protexidos compostos por bits nos programas de información xeográfica que trazan liñas vectoriais nas pantallas da consellería de medio ambiente. O tópico de “temos menos superficie que a media de España” é unha realidade que non se soluciona ampliando, porque ben pouco hai que ampliar, tal é o deterioro da nosa natureza. De feito, en rigor, superficies actualmente en Rede Natura non cumprirían os criterios de inclusión na mesma: mereceríamos ter menos superficie. 

Nestes anos trazouse a autoestrada Compostela - Lugo por un dos sitios botanicamente máis valiosos do noroeste ibérico, tanto lles tivo. Como lles está a ter que unha autovía inútil se meta por un Parque Natural como o da Serra da Enciña da Lastra ou paraxes como a Ribeira Sacra. Tanto lles ten facer un porto exterior inútil como dous. Tanto lles da a tormenta de fuel que un barco tirou no mar como o orballo constante da contaminación das rías. Tanto lles da matar lobos como logo queixase de que as súas presas, os xabaríns, arrasan as hortas. Tanto lles da que o plan de conservación do oso pardo apodreza. Tanto ten que as especies exóticas invasoras como os visóns ou cangrexos americanos, a herba da pampa ou as acacias se expandan. Tanto nos da ignorar un urbanismo que nos permita conservar un territorio san e diverso como facernos cada un o noso pequeno galpón ou chalet onde nos pete e o alcalde mire para outro lado. Tanto nos ten poñer unha horta a 20 metros da casa como poñer piñeiros para que se nos queime. 

O catálogo da brutalidade, da biofobia, non tería fin. E o que é máis terrible, se cadra, para que? que gañamos? Nada. O campo despoboase e os indicadores económicos caen, os mozos, e non tan mozos, marchan. E aínda hai cínicos que din que é porque hai superficies protexidas que lles impiden o desenvolvemento

Parar o colapso da natureza, da biodiversidade, en Galicia é un dos maiores retos políticos que temos por diante. Dentro duns poucos anos xa nin terá senso. Non é doado, hai que virar unha inercia de 80 anos de desprezo. Só con decisión política e moita pedagoxía pódese facer. No camiño atoparemos moitas vantaxes, entre elas saber que a conservación da natureza e as prácticas acordes coa mesma son un viveiro de postos de traballo e tamén de felicidade colectiva e individual. A biodiversidade non vota, é de xustiza facelo por ela.

Acerca de Xabier Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos