Perdeu a oposición

Feijóo, máis ca o PP, gañou as eleccións nacionais deste 25-S, revalidando a súa maioría absoluta de 41 sobre 75 deputados e mesmo mellorando a súa porcentaxe (sobe do 45,8% ao 47,5%). O trunfo de Feijóo aséntase, evidentemente, no medio rural e nos sectores de idade máis avanzada.

Porén, agás en Vigo (34,5%), obtivo bós níveis de voto, ben por riba do 40%, nos principais concellos urbanos de Galicia, demostrando que mantén apoio en todas as idades e franxas sociais. Feijóo papou grande parte dos votos de C´s, que agora sobardou en moi pouco o 3% (fronte á media do 7,5-8%), demostrando que as eleccións galegas son ben diferentes das estatais.

A clave desta excepcional maioría absoluta estivo na resposta política dada polas dúas forzas que competían pola segunda praza (En Marea  e PSdeG, empatados con cadanseus  14 escanos). O candidato de En Marea é moi solvente, mais tivo moi pouco tempo para callar, fronte un Feijóo de universal coñecemento. Para máis, Podemos xerou en variadas ocasións tensións e desgaste no potencial electorado mareante e parte do mesmo voltou a vista a un BNG que comezou ao bordo da desaparición e rematou cun sólido grupo parlamentario de 6 deputados e case un 8,4%, cunha Ana Pontón que foi a revelación desta campaña e anuncia o consolidamento dun espazo soberanista galego e máis a inversión dunha tendencia que dende En Marea xulgábase imparábel. O BNG fixo a mellor campaña.

Peor foi o resultado do PSdeG, que baixou catro escanos (de 18 a 14) e ficou un chisco por baixo de En Marea (17,8% fronte ao 19%). Neste caso, ao relativo descoñecemento do candidato Leiceaga hai que lle engadir a guerra suxa que lle fixeron o alcalde vigués Caballero e outros referentes institucionais socialistas.

Para entendermos a dimensión da derrota da oposición, cómpre ter en conta que o bloque de dereitas PP-C´s acada un 51% dos votos, fronte a un 46,6% do centro-esquerda, mesmo sumando Compromiso e Pacma. Se temos en conta que dende o 2004 os bloques electorais divídense aproximadamente na Galicia ao 50%, podemos ver quen ficou na casa. Esa abstención progresista  fixo que os 680.000 votos de Feijóo (moitos menos ca os case 790.000 do 2009) lle deran semellante maioría absoluta.

A abstención do centroesquerda definiu as eleccións galegas. E non é mérito do PP, senón responsabilidade do conxunto das forzas da oposición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.