Tres causas dunha derrota fulminante

Creo que foi Mao Zedong quen dixo que nunha crítica revolucionaria cómpre tocar, coma pra unha melodía de piano, tanto as teclas negras coma as brancas. E neste caso, tralo esboroamento da esquerda fronte ao partido da deireita en Galicia, é xusto e razoable exercer o dereito de crítica premendo todas as teclas.

Nas teclas positivas, faise obrigado mencionar logros fundamentais que se acadaron nos últimos dous anos. E que tiveron o respaldo e concitaron as vontades de miles de persoas ao longo e largo do país.

O primeiro foi o xurdimento das Mareas municipais, que se espallaron polas cidades e vilas da nosa nación. Ese feito non tiña precedentes, pois non existía ningunha forma semellante de organización aberta, asemblearia, con autonomía política e sen aparatos que as anquilosen: foi nese espazo singular das Mareas municipais, onde se realizou pola base a confluencia de amplos sectores da esquerda sen facer distinción entre tendencias ou filiacións partidarias.

O segundo logro político, mais de longo parto e finalmente precipitado ante a inminencia das autonómicas, foi a creación de En Marea como partido instrumental, superando a súa primeira versión como coalición de partidos que deixaba fóra do cadro precisamente as Mareas municipais. Perfeccionouse o formato na asemblea constituínte do 30 de xullo. O papel dos tres alcaldes do norte nese relanzo mereceu e recibiu o aplauso e agradecemento unánimes.

Aprobáronse os documentos fundacionais, nomeadamente un protocolo de primarias que tiña como obxectivo garantir a participación democrática de toda a cidadanía adscrita a título individual no espazo En Marea. Elixiuse unha Xunta Electoral e ratificouse unha Coordinadora Nacional provisional. Co tempo moi xusto, dotámonos de instrumentos imprescindibles pra artellar un plan de acción, elaborar un programa e realizar unhas primarias que desen como resultado as candidaturas de confluencia rupturista de cara ás autonómicas.

O terceiro gran logro, implícito nos anteriores, foi o recoñecemento de que todas as forzas rupturistas pertencían a un mesmo espazo de oposición fronte ao réxime. Como ten dito en varias ocasións Villares, as tres tradicións principais da esquerda: nacionalismo, federalismo e replublicanismo déronse a man, ao facérense conscientes de que sen alianzas de gran alcance sería (e segue sendo) imposible acadar potencia social abonda pra combater os poderes políticos e financeiros que nos esmagan.

Mais ao tempo que se daban estes avances, fóronse adoptando decisións e posicionamentos tanto internos como públicos, que contraviñan o discurso asumido oficialmente, e cómpre subliñalo, asumido en especial de xeito sincero pola gran maioría das persoas activas na base asemblearia. Ou sexa, a xente do común reclama e cre plenamente nas novas fórmulas de participación democrática. Pero nalgúns casos as cúpulas desdixeron na práctica o que se predicaba como doutrina principal da renovación.

E vexamos pois, tocando agora as outras teclas, en que se concretou esa disfunción, esa maneira de camiñar algunhas cúpulas co paso cambiado respecto da maioría comprometida no movemento da confluencia rupturista.

A primeira tecla criticable foi: UN RECAMBIO CONFUSO E TARDÍO. Esquecendo o dito popular «no medio do río non cambies de cabalo», algunhas voces comezaron a facer campaña pública sobre preferencias de liderado. E espallouse a idea de que conviña chegar á máxica solución dun «candidato de consenso». Ás veces dicíase tamén «candidata». Argumentos: «non podía optarse por unha solución de parte». E referíanse estas voces, obviamente, a Beiras, que nin sequera se postulara. Pero que era visto por miles de votantes como a mellor opción, e temido polos medios do réxime, que xa comezaran a quentar motores pra desacreditalo.

Pero a predefinición de «candidato de consenso» agochaba o feito de que só se trataba da opinión dunhas poucas persoas que, ao parecer, se arrogaban o dereito a decidir sobre tal cuestión por seren representantes institucionais. Acto fallido. Que alguén fose elixido pra un cargo non lle concede prevalencia respecto de calquera debate, porque o contador democrático debe sempre volver a cero. E sobre ese pretendido consenso queriamos, por suposto, decidir todas as persoas implicadas. E digo DECIDIR entre varias opcións, non ratificar. Comezou a soar o nome de Villares e finalmente, a ultimísima hora, propúxose a Villares como único candidato, que recibiu o apoio maioritario da xente de En Marea. Certo. Pero logo cometéronse algúns erros de vulto.

Primeiro e case principal: de existir esa intención, tería que producirse a remuda non un mes antes das autonómicas, senón como moi tarde antes das eleccións de xuño. Véxase o resultado que obtivo o BNG anunciando con antelación a súa candidata. As persoas, a súa experiencia e traxectoria, o grao de coñecemento e recoñecemento social, contan e son fundamentais na comunicación dunha mensaxe e mais na capacidade pra reunir e mobilizar diferentes sectores. Beiras contaba coa adhesión non só da esquerda nacionalista, senón tamén as simpatías da gran maioría das tendencias confluentes e sería sen dúbida o candidato con máis opcións de contrarrestar o control do PP sobre os medios e a súa rede clientelar.

«Ah, pero estamos aínda ás voltas con iso?!» Pois claro que si. Estamos ás voltas coas consecuencias directas diso, e falamos de onte pola tarde, non do pleistoceno. E dirán outros: «Pero se Beiras non quería!!» Falso, Beiras, senlleiro coma sempre entre os bos e xenerosos, non dixo nunca tal cousa nin a contraria. E unha vez que constatou a persistencia dese chamado «acordo de consenso», aceptou e deu un paso atrás pra non obstaculizar o esgotador «proceso». Pero el podía ter sido o noso candidato global, demoledor pra Feijoo, dispondo de apoios e equipo, con persoas da valía de Villares ao seu carón.

Por outra parte, e pra sermos xustos, cómpre dicir que Villares, persoa de integridade intachable, e como el mesmo adoita dicir «curiosa, informada e comprometida», deu probas evidentes da súa alta competencia e preparación. Pois só alguén cunha gran capacidade de adaptación podería ter feito o que fixo, tras ser lanzado sobre o campo de batalla con catro semanas pra afrontar por vez primeira unha campaña electoral. Defendeu as posicións da Marea de xeito heróico e demostrou ser quen de aprender á velocidade da luz. Véxase o seu magnífico discurso de Lugo, percorrendo as portas da Muralla. Iso é un mitin de intelixencia e corazón, no mellor estilo Beiras. Pero… xa era tarde, porque tamén se cometera outro erro crucial.

Coñezo dende hai anos a Manuel Barreiro, coordinador xeral desta campaña. Cónstame a súa valía e longa experiencia, e o seu bo facer e intuición política. Por iso me pareceu sorprendente que Villares acudise ao debate na TVG sen preparación suficiente por falta de tempo. Se era preciso sacrificar algúns actos menores, debía facerse. Pois nun mitin escóitante trescentas persoas, pero no debate da TVG houbo unha audiencia media de 150.000 persoas e de case medio millón nalgún momento da emisión. Pequeno detalle, camaradas. Aí a figura política de Pontón xa despegou, e produciuse un punto de inflexión dificilmente reversible, e con repercusión durante días na prensa.

A segunda tecla crítica que cómpre premer foi: A INOBSERVANCIA DOS PROCEDEMENTOS DEMOCRÁTICOS. Se as Mareas en Común dedicaran cinco meses a elaborar os documentos referidos a como artellarse e funcinar En Marea, aprobados o 30 de xullo en asemblea xeral soberana, entón non se explica como nunha semana foron arrombados en parte os acordos sobre a realización das primarias internas. E isto sucedeu en dous aspectos principais.

O primeiro foi a incorporación das candidaturas de Podemos fóra de prazo. Se o prazo oficial xa pechara o 12 de agosto, non debía aceptarse unha solución como a que finalmente se aprobou pola Coordinadora Nacional de En Marea: que as candidaturas de Podemos se insorporasen entre os días 15 e 16 sen que a Xunta Electoral abrise un novo prazo oficial e público. Facelo así non deslexitimaría o proceso de primarias, e daríalle oportunidade ás candidaturas existentes, previas ao pacto con Podemos, pra reconformarse e adaptarse ao novo contexto político. En Marea está legalizada como partido (o de instrumental é un apelido político) e debe responder dos seus acordos, non só por observancia das leis vixentes, senón por un criterio básico de igualdade. Cambiou a configuración do espazo político? Pois entón todo o mundo ten dereito a repensar as súas liñas de participación.

O segundo aspecto do protocolo de primarias que non se respectou foi o compromiso de garantir un censo unificado e canles de votación en condicións semellantes. A asemblea constituínte aprobara que o voto debía ser presencial agás pra quen solicitase o telemático como excepción. Pero en realidade, a afiliación de Podemos votou dende un censo propio e masivamente por vía telemática, e polo tanto as súas candidaturas dispuxeron dun respaldo máis doado e con menos esforzo ca o resto de candidaturas, pois todas as persoas inscritas antes do pacto con Podemos tiveron que efectuar voto presencial.

As consecuencias de tomar esas decisións e permitir estas diferenzas foron clarísimas: as primeiras candidaturas debuxaban un panorama quizais válido prá situación inicial, pero fragmentado en exceso trala incorporación de Podemos, cuxa presenza en postos de saída acabou sendo predominante. Ese desequilibrio nas candidaturas oficiais resultantes tivo efectos políticos devastadores: desmobilización de amplos sectores nacionalistas que optaron pola abstención ou polo retorno ao seu voto anterior. E iso explicaría en boa medida o gran devalo que supuxo pasar de 345 mil a 270 mil votantes. E de paso explicaría a recuperación do BNG que acaba de producirse. E cando, por exemplo, os medios din que En Marea se mantivo en Vigo, están ocultando que en realidade perdeu 20.000 votos respecto ao 20D, pequena miudalla.

E por último, unha terceira tecla sobre a que convén reflexionar: MODERACIÓN DO DISCURSO RUPTURISTA. Dende o comezo da campaña, viuse claro que desapareceran determinadas mensaxes, referidas, como diría Beiras, a «darlle a volta polo forro» ao estado de cousas actual. Proceso constituínte, privilexios do poder financeiro, estado plurinacional, Unión Europea como Terceiro Reich, etc. O discurso principal cinguiuse a contestar a propaganda PP do «bo xestor», reivindicar os servizos públicos, criticar a corrupción (votantes do PP impasibles) e ofrecer o desenvolvemento do Estatuto de Autonomía. Discurso razoable, pero insuficiente. Pois só con esas propostas mal podía En Marea distinguirse do PSdG e mais do BNG. E de feito, Pontón captou ese fallo e incidiu nos últimos días na superación do marco autonómico. O obxectivo de En Marea era fidelizar cando menos o voto acadado nas eleccións de xuño. E pra iso, como dixo Pablo Iglesias, máis nos valía volver ao discurso orixinal rupturista sen suavizantes.

Na campaña do 26X, ao vernos saír do local da Marea de Vigo, unha parella, que falaba moi claro e sen arrodeos, díxonos: «Nós somos currantes, pasámolas putas coma nunca nestes anos. E non queremos outro PSOE. Queremos alguén que non ande con panos quentes e ataque duro a estes cabróns.» Ou sexa, non se trataba de ocupar o espazo da pseudo-socialdemocracia. Tratábase de ir a por todas.

CONCLUSIÓN: Calquera que coñeza este país e mais a lei electoral debe saber que con tres forzas na oposición capaces de obter cada unha entre 100 e 300 mill votos por separado (en réxime de vasos comunicantes), a maioría absoluta do PP está garantida e aínda lle sobran 50 mil votos (C's). Pra concentrar forzas fronte á dereita soamente existían dúas vías. Ou que o BNG (por declive) acabase entrando na Marea, ou que se lograse un pacto de En Marea co BNG en forma de coalición. A primeira vía acaba de ser cancelada. A segunda require de moita habilidade política, realismo e paciencia. Próxima parada: 2020.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.