Fendas do Réxime a través da implosión do PSOE

“Señor Sánchez: cúidese de aquellos que tienen manchadas las manos de cal viva”  Pablo Iglesias Turrión, Portavoz de Unidos Podemos no Congreso dos Deputados

“Nunca hemos tenido un peor resultado en el País Vasco, a pesar de las cosas que hicimos… tá, pá, pá…” /“Pedro Sánchez me traiciónó. Prometió abstenerse en segunda votación”  Felipe González Márquez, ex presidente do goberno español e lobbista internacional.

“Pido que el Partido no sea esclavo de sus militantes y entre en una deriva anticlerical, separatista y comunista” Paco Vázquez, ex alcalde da Coruña, ex embaixador do Reino de España no Vaticano. ¿Humorista?

Tempos de tribulacións, de motín, de golpe de estado. Non sospeitabamos que serían tan inmediatas e fulminantes as consecuencias políticas dos resultados electorais en Galiza e na Comunidade Autónoma Vasca. Adianto que isto non será obxecto de análise neste artigo de opinión. Por certo: metade opinión, metade elucubración.

No canto diso cómpre poñer luces de longo alcance e avaliar, aínda que sexa superficialmente, a situación política xeral: en poucas horas o que parecía un camiño enxoito e irremediablemente seguro cara unha segunda repetición electoral tórnase impasse de saída incerta dentro do tempo de interinidade no que permanece instalado o estado español por mor da imposibilidade de formar goberno e da multi-crise orgánica de todo o edificio cultural e político saído da chamada Transición. Que está, e tanto que si, plenamente vixente. Cousa distinta é a súa posible reordenación ou posible/s saída/s: a favor dunha mudanza, ou en chave restauradora. E iso só poderá constatarse, non pode ser doutro xeito, no longo prazo.

O reflexo desta, como síntoma engadido, trasládase á gravísima multi-crise que atravesa o cerne do vello Partido Socialista Obrero Español. Máis que unha crise semella a queda dun Imperio. Contemplan cento trinta e cinco anos de Historia dun partido que foi aglutinador e articulador, no plano electoral e simbólico, das ansias das clases medias e boa parte das traballadoras durante o período post-franquista condensados nunha guerra aberta que compromete seriamente as posibilidades de manter o estatus de piar fundamental do sistema borbónico no curto, no medio e no longo prazo. Pero o esborrallamento do PSOE non é cousa de agora. A súa credibilidade viña comprometida xa desde o felipismo, aínda que a erosión crecente da confianza entre as bases sociais que o sustentaron precipítase desde o cambio subterráneo e profundo que emerxe, de maneira fundacional, en Maio de 2011 cando novas clases medias e traballadoras depauperadas (e parte dos sectores máis mozos e dinámicos da sociedade) comezaron a poñelo todo en cuestión, diagnosticando o verdadeiro problema e nó gordiano do réxime da corrupción: PP e PSOE, dúas caras dunha mesma e putrefacta moeda dentro do xogo do saqueo neoliberal e da España Una, Grande y Libre nun “Estado de las Autonomías” que agoniza tal cal se concibira e que comezaba a cuestionarse en profundidade xa cos resultados do fracasado Plan Ibarretxe mailo “cepillado” Estatut. O soberanismo en Catalunya está hoxe noutro episodio: persiste o anuncio de unilateralidade. Descoñecemos se é compromiso real, ou continuación do procesismo de nunca acabar. A fortaleza do PSOE comezou a esgazar aí, nesas dúas nacións históricas. E logo, co movemento indignado.

A situación, semella que de longo percorrido, ten que ver coa incapacidade manifesta dos seus principais referentes e cadros intermedios para interpretar (de maneira deliberada ou non) o que viña acontecendo nunha sociedade tan complexa, cambiante e plural sumado á negación da súa co-responsabilidade sobre a magnífica agresión infrinxida ás clases populares da que foi cómplice. É resultado do seu desconcerto, conservadurismo e traizón aos seus valores máis íntimos. Desnorte ideolóxico compartido coa socialdemocracia nominal europea, funcionamento endogámico e neocaciquil ou fenda xeracional marcan algúns dos compoñentes e contradicións principais que o incapacitan para representar o que outrora representara. Emerxencia de competidores a esquerda, e a dereita. É moi difícil saír fortalecido ante as circunstancias. Sabíano hai tempo, pero agora todo isto provoca un estalido no que se manifestan as fendas do Réxime político que coñecemos.

No seu seo prodúcense arestora batallas cruzadas que van máis alá dun enfrontamento entre faccións polo simple control dun aparato, que son de difícil resolución: non entanto son expresión das contradicións que pon sobre a mesa a hipotética entrega total e definitiva da ferramenta política á dereita e á oligarquía económica para formar, de paso, un Fronte Nacional ou Gran Coalición coa mirada posta no reto catalán (anular, a toda costa, que se habilite unha saída democrática ao conflito de lexitimidades entre unha Constitución española zombificada e o Parlament de Catalunya, expresión da súa vontade popular) e no cumprimento das esixencias austeritarias, ou a resistencia en primeiro termo a claudicar. Calquera saída debuxa un xaque mate do que tardará en recuperar.

O cidadán colombiano Felipe González falou desde Chile (noutros tempos de Augusto Pinochet que, segundo el, respectaba moito máis os dereitos humanos que Venezuela): pola súa boca endeusada saíron as directrices da Troika, do capitalismo senil español, dos “baróns” e de toda a “casta=stablishment” e conglomerado de intereses políticos, económicos e mediáticos que tan ben e xenuinamente representa e se arrexuntan para manter, a calquera prezo, un status quo insostible de necesidade. De paso, por se non quedara claro, volveu a despexar a X do GAL. Cubriuse de gloria absoluta no que semella un último servizo á Monarquía, a España, a Europa, a Occidente.

Intención: substituír a Sánchez pola Sultana do Sur e posibilitar un “goberno reformista” entre o partido máis corrupto de Europa Occidental co OPNI (Obxecto Político Non Identificado) Ciudadanos, nunha metamorfose do Réxime do 78 a través dunha hipotética reforma edulcorada e regresiva da CE cun goberno que ben podería ser de curta duración. Gatopardismo. Se os plans saen ben. E todo isto, en poucas horas, como son os golpes, na semana dos xuízos pola macro-corrupción sobre as “Tarxetas Black” ou cando soubemos, por escoitas publicadas, das intencións do monarca dimisionario de subornar para anular o xuízo á cidadá (sospeitosa de corrupción) Cristina de Borbón, “lo siento mucho, no volverá a ocurrir”.

A UE cansou, non se fía xa das largas e das promesas de solución de Mariano Rajoy. Precisan canto antes dun goberno español que continúe cumprindo eficazmente co desmantelamento do estado de benestar. O golpe de estado no PSOE é unha manifestación máis do golpe de estado a cámara lenta que se leva producindo no estado español por parte das súas elites desde decembro de 2015 a teor duns resultados que, daquela, posibilitaban un goberno de esquerdas e a posibilidade dunha saída social á crise económica xunto á posibilidade dunha saída democrática á “crise territorial”. Posibilidade que o PSOE matou sacando o coello do “pacto progresista” entre el mesmo, Podemos e Ciudadanos e que só respondía ao alento de Sánchez por sobrevivir, mais atado de pes e mans polo Comité Federal dos baróns (moitos deles tamén con v) que lla tiñan preparada.

Se a Restauración trunfa, que ten as de trunfar, posiblemente chegue tamén aos chamados concellos do cambio alá onde sexa aritmeticamente posible. Todo sexa pola “estabilidade”. Se iso fose así será, sen dúbida, unha oportunidade de ouro para medir se os sostén unha cidadanía comprometida que exerce contra-poder, e os defende, ou soamente foron un bonito soño dunha noite de primavera. Pero comezará unha nova fase, a non ser que as condicións materiais recuperen notablemente e o narcótico propagandístico funcione: un novo e perigoso divorcio entre parte importante da sociedade e o seu sistema político.

Lembremos o que Restauración e “estabilidade” significan: espolio e impunidade, desemprego, precariedade laboral, privatizacións, emigración, corrupción institucionalizada, desmantelamento industrial e dos sectores primarios. No future.

¿Hai ou non hai elementos dabondo para seguir acreditando no discurso e na praxe da ruptura democrática? Ante a posible conformación dun Partido Único e dun bloque restaurador hai dous camiños: deixar esmorecer o pluralismo político ou recuperar a democracia a ese nivel, e no social, e no económico.

PD: *Nas horas que se pechan estas liñas celébrase un cónclave da parte do Partido amotinada que acusa á outra metade, por boca de Antonio Pradas: “una parte del partido ha comprado el discurso simplista de Podemos y del independentismo catalán”. Puro neofalanxismo (odio á esquerda e á pluralidade nacional)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.