A cachaza de Rajoy

A súa caricatura preséntao como un home vago, reclinado nun sofá fumando un puro. Sae a correr para facer exercicio por rutas “imperiales”, doadas e coñecidas. Non fai, que se saiba, ningún deporte de competición. Non se altera. É impávido. Dá a calada por resposta e, mira por onde, está resultando unha magnífica estratexia. Os partidos opositores van metendo a pata, rifando entre eles, esfarelándose de seu. 

Moito nos alegramos, non só eu, de que a mocidade entrase na política e se comprometese. Botáronse á rúa, ocuparon prazas, fixeron asembleas sentados no chan para discutir sobre “política”, como nunha ágora grega, botando por ela, sen guión, nin partitura, sentíndose oufanos, axitando mans, nunha linguaxe de xordos. Dixeron Podemos e puideron. Os listillos que viñan Maduros, pero con títulos universitarios e picos de ouro, situáronse en primeira liña. Competiron entre eles e o máis fachendoso colleu as rendas e manexou os asemblearios sen que se decatasen de que deixaban de selo.

Pouco sabían de ditaduras ou do que custara conseguir os seus estudos, a súa estatura, o seu dereito para dicir Podemos. Entusiastas e amnésicos, iniciaron unha marcha, sen libro e pacífica, iso si, para o cambio político.  

Cadraron nun momento histórico de pensamento brando, onde se confunde a democracia coa tolerancia, sei que me repito, e deron en converter o apoio humanitario, como pode ser a axuda aos pobres, ás familias desafiuzadas, en causa política. A caridade cristiá, ben sabemos, ten séculos de existencia  e non conseguiu facer xustiza.

Comezaron con folgos e houbo quen se arrimou ao seu fogar e saíu queimado. Penso por exemplo en Esquerda Unida, xa desorientada e decaída. Primeiro abandonou a palabra clave do partido, comunista, palabra que honra aínda que a houbesen utilizado ditadores, porque moitas palabras conservan o seu significado por moito que as queiran prostituír.  Despois desprezou os socialistas e uniuse aos podemistas. E mira que o mozo Garzón parecía intelixente e culto. Acabaron desmemoriados insultando conxuntamente: “PSOE e PP, a mesma merda é”, rebaixándose, porque  por moita ignorancia política que se teña, neste país todo o mundo sabe que grazas ao PSOE se fixo a transición e se ditaron as leis máis progresistas que temos. 

E agora tamén o partido socialista, ennobrecido así mesmo  pola palabra que desde o século XIX tomou partido pola clase obreira, fixo aflorar as mentes máis lúcidas e dignas, iniciou o movemento feminista e instituíu o día da muller, ese partido medrado, principal  opositor do outro gran partido conservador na actualidade, está rachándose nunha inesperada guerra interna, nun absurdo desaxuste.

Así van caendo os partidos recentemente formados, así como os tradicionais. En Galicia o PSOE sofre unha desfeita nas últimas eleccións, mentres o PP obtén máis votos dos que necesitaría para gañar.

Mariano Rajoy, goza coa descomposición dos seus contrincantes sen mover un dedo. Como no proverbio árabe, “Senta á porta da casa e ve pasar o cadáver do inimigo”.  Velaí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.