Facer Marea. Retos e tarefas ante a guerra de posicións

Ao principio do seu libro clásico sobre a historia do Partido Comunista Italiano, Lucio Magri recolle unha parábola tomada da obra de Bertold Brecht O xastre de Ulm. Trátase da historia dun artesán que, crendo ter desenvolvida a ferramenta que lle permitiría ao home voar, preséntase ante o gobernador da cidade de Ulm dicíndolle: “Aquí o teño. Podo voar”. O gobernador convídao a demostralo arroxándose dende unha ventá do palacio. O resultado é predecíbel, o pobre xastre acaba esmagado no chan.

Esta parábola pretende reflectir as dificultades, os avances e os retroceso que experimenta a humanidade á hora de construír ferramentas para a súa liberación. Nese camiño, inzado de obstáculos, debemos ensaiar novas formas e confrontalas coa realidade, chocando moitas veces con ela, pero a través da innovación e do ensaio-erro, poderemos ao final avanzar. A construción dunha ferramenta política de empoderamento das maiorías sociais pode asemellarse a esta historia.

No ciclo de mobilización, primeiro social e logo electoral, vivido no Estado español, teñen aparecido novas formas políticas que, a unha velocidade acelerada, deberon medir as súas forzas e as súas aspiracións coa realidade, conseguindo abrir fendas polas que irromper nos pazos anteriormente vedados. En Galiza tivemos unha organización precursora, AGE, que conqueriu abrir camiño e, tras un proceso cheo de dificultades, mutou nunha ferramenta nova, alimentada polas mareas municipais, En Marea. A nova marca política tivo que confrontar coa realidade electoral en tres convocatorias, acadando resultados dispares, pero ocupando ao final un espazo electoral por riba do 19% que sitúa a nova formación, con apenas dous meses de vida como partido-instrumental, á cabeza da oposición parlamentaria ás políticas do Partido Popular. O 25S non rematou nada, comezou unha nova etapa.Temos por diante un periodo no que, sen as urxencias dos ritmos electorais, comezar a construír unha ferramenta que sexa realmente partido-movemento a nivel nacional, para o que semella importante interconectar mareas municipais, crear estruturas locais onde non existan e elixir democraticamente, de abaixo a arriba, órganos de dirección que, a día de hoxe, non deixan de ser provisionais, á espera de que se concreten os próximos pasos. Temos ante nós o reto de botar raíces, de construír alicerces, e debemos ir ladrillo a ladrillo, con paciencia pero coa determinación de edificar uns muros sólidos para esta casa común composta de identidades diversas..

Ese proceso de construción non está exento de riscos, como o pode ser un peche por arriba, unha burocratización, risco ante o que se atopan todas as organizacións, e contra o que existen dúas vacinas. A primeira, favorecer mecanismos de participación asemblearios que superen as ratificacións plebiscitarias. A segunda, establecer mecanismos de control democrático das persoas electas polas bases. Trátase de combater inercias herdadas da cultura política da delegación propia do réxime do 78 e impugnada nas prazas do 15-M, coa súa aposta por métodos de representación máis horizontais.  Cómpre ter en conta que operamos nun contexto dificil, pola caída da mobilización, tanto electoral como social, pero a pesar de todo, hai que tentar incrementar a participación dende abaixo de sectores non organizados, e para iso  é imprescindíbel construír nexos comúns entre os compoñentes de En Marea.

Esta tarefa corresponderíalle a un congreso constituínte, unha asemblea plenaria, na que, sen a vertixe da Asemblea do Mar de Vigo, discutir a orientación política na nova fase pos 25-S e dotarnos de órganos de dirección democráticos e estruturas de base dentro do marco amplo trazado o 30 de xullo. Hai que pular por crear e abrir estruturas, e que estas sexan permeables e reapropiábeis, para o que deben partir da base, do contacto co territorio. Este é un dos grandes retos que temos por diante, territorializar En Marea, fornecer lazos comarcais, a realidade natural de organización do territorio en Galiza, mediante dúas vías: por unha banda, aplicando criterios de corrección comarcal na elección de órganos como o Consello da Marea e por outra xerar órganos e asembleas de carácter comarcal ou local que establezan a coordinación entre grupo parlamentario, asembleas das mareas municipais e cidadanía en xeral. Nese senso, non se parte da nada, existen xa estruturas como as mareas municipais que, dende as grandes cidades, até as pequenas vilas, deberían funcionar como soportes para esa construción e extensión de En Marea dende abaixo.

Resulta importante á hora de construír o espazo común superar as inercias herdadas do conflitivo período de construción do partido instrumental, incluíndo as rifas dun proceso de primarias presidido por lóxicas competitivas. Nese sentido, unhas primarias individuais para a elección de órganos de En Marea, sen listas partidarias, axudarían a superar estas inercias, asegurando a pluralidade e a representatividade territorial, á marxe de sistemas de cotas que remiten a outros modelos organizativos. Trátase de desbordar as estruturas partidarias que deron orixe a En Marea, de ir máis aló das guerras entre aparellos con intereses e dinámicas propias, que poden entrar en contradición coa edificación do espazo común e levalo a tensións por arriba. A transformación de coalición a partido-movemento, non pode quedar nunha mera faciana, nunha papeleta electoral, precisa concretarse na práctica. O debate ideolóxico entre proxectos diversos como os que constitúen En Marea debe producirse nun marco de elaboración política colectiva, no que a convivencia de tradicións heteroxéneas se reflicta nun debate de ideas e non de persoas, nunha superación da política de notables que caracterizou a conformación do suxeito nos seus incios.

Unha das misións dese proceso de elaboración colectiva sería a de desenvolver un programa que se viu sometido ás presas do periodo electoral, un programa a medio construír e que hai que encher, que debe ser aberto, vivo e sometido a ampliación en base ao contacto co tecido social. Tamén debemos insistir na necesidade dun programa radical, no sentido de ir á raíz dos problemas (auditoría cidadá da débeda, forte investimento público en apoio dos sectores produtivos, rescate dos servizos públicos, renda básica)  e que sirva para organizar, ir á clase, para manter unha liña de “saír do parlamento” e vincularnos permanentemente coa cidadanía. É importante que en torno a este programa En Marea impulse campañas de concienciación e loita, sempre con outros axentes sociais e movementos, mais respetando a súa autonomía. Trátase de ir máis alá do electoral, de construír Marea máis alá das institucións e dos cargos públicos, nas rúas, no conflito, o terreo natural da loita de clases.

Precisamente, á hora de “saír do parlamento”, as deputadas e deputados de En Marea deben percorrer o país facendo rendicións de contas que fiscalicen a súa actividade, en espazos territoriais e sectoriais, recollendo propostas que flúan de abaixo a arriba para que estes espazos  non se convirtan en simples encontros plebiscitarios ou baleiros de contido, evitando unha interactuación unidireccional. Un dos riscos a afrontar, e que redundou nunha das causas da crise de AGE, é a autonomización do grupo parlamentario. A edificación dun espazo común que estableza un control democrático das representantes polas representadas axudaría a resolver esta cuestión. E para iso, sintetizando o anteriormente exposto, os pasos básicos serían:

  1. Impulsar un congreso constituínte, unha asemblea plenaria, para orientar políticamente e definir os pasos organizativos a dar entre todas
  2. Primarias individuais para a elección de órganos de En Marea, sen listas partidarias
  3. Desenvolver un programa que sirva para organizar e interactuar co tecido social

En definitiva, na guerra de posicións que se aveciña, facer Marea consistirá en construír algo máis que unha marca electoral, algo máis que unha fórmula xurídica, dar forma a un espazo de deliberación e toma de decisións, dando voz a todas nesa toma de decisións, de tal xeito que podamos recoñecer como noso este novo espazo. Así, estabilizar o novo suxeito político como partido movemento das clases populares galegas supón superar de verdade a lóxica de parte para pensar no común. Porén, estabilizar  non pode significar pechar o suxeito, que ten que estar aberto e vivo como os milleiros de patas diferentes, mestizas e plurais que o conforman. En Marea non é irreversíbel, depende da participación de todas, da xenerosidade e da vontade de elaboración colectiva de todas que non haxa volta atrás. Para que non nos pase o mesmo que ao sastre de Ulm, a experiencia pódenos ensinar, temos a capacidade de afrontar retos extraendo leccións dos erros para, ao final, aprender a voar por nós mesmas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.