0 Gardados para despois

Sara Torreiro

Esaxeradas, histéricas, feminazis e San Fermíns

Estes días está de plena actualidade o caso da moza violada por cinco porcos nos San Fermíns. O tema volveu aparecer con forza porque os (desculpade que eu non use "presuntos") violadores tiñan uns antecedentes gravados nun vídeo. A estas alturas xa houbo quen se preguntou que facía a moza no San Fermín con eles, por que lles dera confianza ou se dixera que non a que abusasen dela. E si, digo porcos (e non presuntos) e podería usar outros moitos calificativos ben máis ofensivos. Porque eu estou farta de tanta trapallada de non dar nomes e de pixelar caras. De poñer en dúbida que a rapaza fose brutalmente agredida e de protexer aos agresores. Porque me parece terrorífico que nun grupo de whatsapp onde hai vinteún homes ningún deles se escandalice o máis mínimo de que entre eles cinco delincuentes violaran unha rapaza. Vinteún homes que fixeron chanza con que, antes desta rapaza, drogaran a outra e lle foran sobando o peito entre todos e logo a agredisen porque ela se negou a unha felación.

E isto lévame a outra cuestión: a todos os que botades agora as mans á cabeza, cantos cuestionades contido sexual vexatorio para as mulleres que difunden amigotes nos vosos grupos? Cantos rides ou quedades impasibles ante un chiste machista? Cantos estades pensado agora mesmo vaia histérica, vaia feminazi, vaia esaxerada? Será que eu non atopo gracioso que se frivolice cunha lacra que azouta e pon en perigo a todas as miñas compañeiras, que me di que non podo ir en minisaia ou co escote que queira e que leva oprimindo e matando, si matando, mulleres durante séculos. Será que cada vez soporto menos que nos digan ás vítimas como protexernos en vez de dicirlle aos homes que non se pode violar. Será que estou farta da hipocresía dunha caste política que fai proxectos e máis proxectos de educación e prevención e que despois non os dota de orzamento. Farta dunha sociedade que me di que unha violación é o máis horrible que me pode pasar pero que non me ensina a defenderme dun home que me quere abrir as pernas pola forza e que, no canto diso me ensina a ocultarme, a taparme, a fuxir e a invisibilizarme.

Non vaias soa se é moi tarde. PUM! Chámame cando chegues á casa. PUM! Que te acompañe un amigo. PUM! Non camiñes de noite por rúas escuras. PUM! Chama a un taxi. PUM! Intenta taparte, chamarás menos a atención. PUM! Non vas ensinando moito?. PUM! Con esa saia parece que buscas algo. PUM! Non bebas demasiado e ten coidado non che boten algo na copa. PUM!. Es unha esaxerada. PUM! Unha histérica. PUM! Unha feminazi. PUM!.

Todos eses disparos ao noso cerebro desde que somos pequenas fannos modificar o noso comportamento e, ao facérmonos maiores, seguimos adaptándonos a esas regras sutís que nos aconsellaron para non ser violadas. Cando medras o sentimento é a impotencia e a rabia. Impotencia e rabia porque ti queres ser libre. Porque queres poder pisar a rúa coa roupa que che dea a gana, á hora que che dea a gana e coa luz que che dea a gana. Impotencia e rabia porque tes dereito a coquetear cun home sen que sobrevoe sobre ti a preocupación do que pode pasar se logo non queres ir a máis. E impotencia e rabia porque sabes que iso pode pasar. Que un día calquera no intre equivocado podes ser unha diana luminosa para unha agresión sexual. Tamén porque odias que che inculcasen todo iso pero sabes que, seguramente, só o fixeron para protexerte.

Ao madurar rebelámonos máis ou menos contra estas "normas" pero todas, todas, medramos cos mesmos medos. Seguramente a case todas nos entrou paranoia un día, de madrugada, de que eses pasos que escoitamos detrás nos seguen. E cando falo do "establecido" vén a segunda parte. Esa na que nos chaman esaxeradas, tolas ou histéricas por denunciar vulneracións ou frivolizacións co noso xénero e os nosos dereitos porque xa sabedes: cando algo é normal, por que o imos mudar? E se é normal, por que hai que denuncialo? Cantos de vós vos indignades porque unha muller non poida ir soa de noite por onde lle peta? A cantas persoas lles estraña que unha nai ou un pai estea co corazón na boca porque a súa filla se retrasa un día que sae? Por que ninguén bota as mans á cabeza ante o feito de que as mulleres teñan medo polo simple feito de selo?

Porque vivimos nunha sociedade cun ADN machista tan hipócrita que é prolífica en coitas cando se viola ou asasina a unha muller pero que permite anuncios que simulan violacións, pornografía que fantasea co abuso, e unha cultura sexual machista e androcéntrica na que a muller non é máis que un obxecto. Un obxecto para meter nun portal e agardar turno para furar entre as súas pernas. Un obxecto para espir e sobarlle o peito drogada. Un obxecto ao que reducir grazas á forza física. En definitiva... a min non me pidades calma. 

Acerca de Sara Torreiro