Construíndo alternativa

‘Acabouse a festa’ ‘e estes tempos non volverán’, así de contundente se manifestou unha persoa nos inicios da depresión económica nunha reunión da xunta de persoal da área de saúde da Coruña, cando xa se acumulaban centos de miles de desempregados nas rúas e os desafiuzamentos formaban parte da crónica cotián.

Este home formaba parte do grupo de traballadores de maior cualificación e maior retribución no hospital, mais non era un directivo. Estaba alí, nesa reunión, por ser un delegado sindical. Estas palabras, que se estaban a repetir desde os cenáculos rancios da dereita, saíron da súa boca con forza, como se con elas puidese agredirnos aos presentes, lanzounas con ánimo de culpabilizar. Quedáronme gravadas!, non esperaba isto, pola forma e polo fondo, xa que este home, afeito a ser tratado como elite profesional e social, non se daba de conta que el non formaba parte dos beneficiados da crise. Podería tolerar mellor que outros os problemas pero de seguro viviría ao seu arredor situacións vitais socioeconómicas complicadas.

O exemplo anterior déixanos dúas mensaxes: por unha banda, a ninguén lle gusta perder, sentir que está entre os de abaixo ou aceptar que é responsable do mal uso dos servizos e o gasto público. Segunda mensaxe, hai un grupo amplo socialmente de persoas que aceptan docilmente o discurso da dereita de culpabilización da crise aos sectores máis desfavorecidos e, madialeva, non priorizan a solidariedade nin as medidas anticrise de sostemento destes sectores máis maltratados. Este grupo que forma parte do 99% descrito por Stiglitz e outros incorpora o discurso e mensaxes do 1% dirixente e gran beneficiado pola actual política neoliberal.

Vén isto a conta pola necesidade de construír unha alternativa de esquerdas ao partido popular que sexa ben recibida por un amplo espectro de cidadáns, por aqueles que se etiquetan de esquerdas pero tamén por aqueles que non se perfilan claramente e que tanto poden estar nun lado ou noutro das escalas retributivas e sociais. Esta alternativa non ten por que integrar a ‘todo’ o mundo, non ten por que ser ben recibida pola persoa do exemplo anterior, pero si debe achegarse amablemente e convencer á maioría da sociedade, co obxectivo de alcanzar máis dun cincuenta por cento.

Para construír esa alternativa teremos que formular medidas cribles e factibles.  Si, hanse de incorporar feminismo, respecto polo medio ambiente, defensa da liberdade, dos dereitos humanos, a garantía duns mínimos que supoñan unha vida digna, pero cun discurso integrador, de colectividade,  de medre social onde cada individualidade se vexa gañadora. A renda social, o carril bici, o galego na escola, as medidas de conciliación, a esixencia de equiparación salarial da muller,..., as políticas de esquerdas, rupturistas e de construción da nación galega terán que ser explicadas para convencer á maioría da sociedade de que cada persoa tamén sairá beneficiada.

Quere isto dicir que debe primar o institucional sobre a mobilización social?. En absoluto, as institucións deben ser un instrumento de cambio e hai que participar e liderar, se é posible, a loita social en todos os espazos posibles, buscando un cambio radical da realidade, mais a política e o discurso non debe dirixirse só aos de dentro, aos xa convencidos, senón ter a preocupación por acceder, dialogar e atraer á maioría da sociedade.

Levamos anos denunciando e describindo recortes e privatizacións nos servizos públicos (ensino, sanidade, dependencia, administracións públicas). Temos que abandonar estas denuncias? Non, pero deberemos incorporar ao mesmo tempo medidas en positivo, que demostren que son posibles outras políticas. Denunciamos recortes de dereitos, asqueámonos da corrupción do partido no goberno pero a maioría segue votando partido popular. Significa que estes votantes aceptan todo isto? Non, creo que non. Fóra dos votantes cegos e acríticos hai un grupo amplo de persoas que elixen a papeleta do pp e outros partidos sistémicos por non percibir outra alternativa real.

Hai quen se contenta con obter un grupo parlamentar, que lle basta con andar entre o cinco e o dez por cento de apoios electorais, pero con iso non vai ser alternativa real de goberno e de cambio social. Poderá influír, modular e modelar políticas pero non chegará a ser protagonista nin liderará o cambio.

EnMarea pode chegar a ser alternativa ao PP aínda que precisa bastante traballo e axuste. Teno todo para  ser: xuventude, coñecemento, ambición, forza, pluralidade, ilusión, xente e liderado pero tamén hai riscos visibilizados polos xornais a cotío.

EnMarea precisa xenerosidade interna, integración das partes (non diferenciación como din algúns), afianzar o seu novel liderado sen esquecer ao resto de dirixentes políticos e sociais presentes ata o momento, mellorar a comunicación utilizando un léxico comprensible para todo o mundo (ás veces semella que se fala e se quere impoñer un novo idioma), con actuacións claras que afirmen o ámbito nacional galego (na práctica e non só no papel como parece ás veces) e na xestión poñer a orella para oír, saber escoitar e actuar con respecto e humildade, co obxectivo de integrar no seu proxecto á maioría da sociedade, vila a vila, rúa a rúa e casa a casa. Unha tarefa factible, unha alternativa que pode ser realidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.