Eu tampouco teño nada que celebrar hoxe

O propio concepto de españa é unha entelequia sen identidade. Podemos basearnos en feitos históricos ben diversos, pero xamáis encher ese vacio existencial que sofre a propia historia da patria española.

Moitos se queixan do dispendio que supoñen outras eleccións, sen embargo ven con bos ollos o dispendio estéril e inútil dun desfile como o dese día.
Semella curioso que se denoste a democracia participativa ao mesmo tempo que vanaglorie algo tan antidemocrático e antisocial como un desfile de persoas disfrazadas, que se adican a adestrar para matar a outras persoas. Moi curioso, ou se cadra non tanto?
 
Non ten nada de casual,o propio 12 de outobro é toda unha declaración de intencións.
Pero vexamos os diferentes nomes que oficialmente tamén  se lle dan a este día, para tratar de xustificar dalgún xeito a súa existencia.

 
◾Día de la Fiesta Nacional.

Hai unha nación española? O que si hai, é un estado español, e hai un pobo ao que poderíamos denominar español, pero como cadra a nación galega dentro dunha nación española? Non podemos afirmar que a realidade territorial actual de españa sexa unha única nación.
España é un estado sen unha nación definida, e galiza é unha nación sen estado.

◾Fiesta de la Hispanidad.

Pero, cal é a cultura española?
Se temos en conta que o estado español, está formado por un compendio de nacións e pobos con culturas, idiomas e ideosincrasias propias e diferentes entre si. Hai unha cultura que se poida denominar en términos globais comun a todos eses pobos que na actualidade forman o estado español? Cal é? Se cadra a da España cañí do flamenco, do machismo, das touradas, santos e curas…

◾Día de la Raza.

Hai unha raza española? Sendo a península unha zona de tránsito de diferentes pobos e cunhas diferencias enormes entre territorios, semella pouco acertado tentar construir unha identidade nacional en base á raza.


◾Día de la Patria.

Hai unha patria española? Matria non hai máis que una, o sentimento de pertenza a unha patria española nunca foi moi alto segundo as propias enquisas do cis, de feito os españois adoitan identificarse mellor ca súa comunidade ou mesmo ca provincia.
Por outra banda, un país non é un anaco de terra no que vivir,  que unha gran parte de cataláns, vascos, galegos, canarios... Non se identifiquen para nada con esa patria española, debería ser motivo dunha fonda reflexión política no estado central.
O certo e que é complexo sentirse identificado cunha patria na que, por dar un exemplo non te podes expresar no teu idioma materno, ou na que non compartes unha cultura.

◾Día del Descubrimiento 

O descubrimento de américa? Hoxe sabemos que outros pobos chegaran antes alí, e mesmo poderíamos aducir que non se tivo conciencia dun novo continente até moitos anos despois do seu descubrimento.
Por outra banda, non semella o mais acaido, celebrar a infeliz casualidade que supuxo o exterminio de civilizacións, as masacres, esclavizacións, saqueos e torturas aos que europa someteu ao continente americano.

Outros tentan xustificar o día afirmando que  temos democracia gracias ás forzas armadas. Eu digo, temos unha democracia dunha  moi baixa calidade, aínda a pesar delas. A casta militar nunca estivo interesada na calidade democrática. Só en perseverar o seu poder, e para iso tiveron que por o disfraz de demócratas e aceptar o cambio de réxime.


 
Entón, que se celebra o 12 de outubro?

A obsesión da dereita franquista, o concepto militarista da españa, a imposición pola forza dun modelo virtual de estado imperialista e colonial que non casa coa realidade social Española. A sacra unidade da patria.
 
O 12 de outubro é o último resquicio ao que os desalmados que pretenden manter pola forza da lei un modelo que non pode funcionar na realidade, se aferran para non perder os seus privilexios.
As castas militares, a casa real, e todos os que viven moi por riba das súas posibilidades e das opcións laborais que lles ofreceria o libremercado teñen neste día a facultade de lembrarnos a todos, que seguen ahí, que todavía non conseguimos derrotalos, que en calquer momento poden volver ao poder, (como se nalgún momento o perdesen).
O 12 de outubro é un mal día para a democracia, non xa para os pobos latinoamericanos, senon tamén para os diferentes pobos que integran o estado español. Para os que queremos ao fin construir libremente un futuro distinto.
É a constatación de que as cousas poden mudar, pero só en apariencia, que ó estado español podemos chamarlle democrático por terse aprobada unha constitución, máis segue negando calquer tipo de diálogo cos pobos que o compoñen.
Porque non somos pobos iguais, somos vasalos do estado centralista.
 
Os verdadeiros antiespañois son os do 12 de outubro, saben que o modelo de españa que nos impoñen está caduco e perde cada día apoio popular. Por iso o título segundo da constitución española é sagrado. Por iso, escudándose na legalidade non se fan consultas populares sobre nada que teña que ver co modelo de estado que queremos.
 
Os que rachan a sagrada unidade da patria son precisamente os que queren preservala por riba de todo e de todos, como un pretexto para manter a garantía do seu poder. Non vos enganedes, eses patriotas da pulsera rojigualda a única patria que coñecen é o seu peto.
 
Se de facto hai unha realidade plurinacional no estado español que ninguén pode negar, entón conveñamos en que non darlle cabida institucional a esa multiculturalidade é un xeito tácito de negala.
E como sabemos pola historia, negar con leis, o que na sociedade é unha realidade, só trae conflictos políticos.
 
Os que rachan españa son os que apoiandose na forza desas leis pretéritas pretenden coutar o anceio dos pobos que loitan polo seu propio ser.
 
Por iso no 12 de outubro non teñen cabida as culturas periféricas, por iso nunca escoitaredes o fermoso son das nosas gaitas ao paso dos militares.
Por iso nunca escoitaredes “els segadors”, nin veredes unha soa ikurriña.
Non era a festa de todos os españois? Porque non hai elementos de identificación das diferentes culturas do estado?
 
Porque a mera existencia das nosas culturas, supón unha ameaza á existencia mesma da españa que entenden os señoritos centralistas.
 
Eles teñen que demostrar que a bandeira española é a superior, que a patria ou é españa ou non hai patria.  Que as demáis bandeiras son pouco máis que un compás folclórico, pero non significan nada nesa españa que segue a mirar cara si misma, que segue construindo unha identidade baleira.
 
Tentan alienarnos dende os medios de comunicación, máis nós temos a última verba, os que nos negamos a comulgar con rodas de muíño, non vemos desfiles, nin vamos a madrid, nin celebramos nada. Non o facemos por unha parva rebeldía infantil. Facémolo, porque de facto non podemos celebrar nada. Porque facelo significaría apoiar ese modelo opresor, que nos quere facer desaparecer.
 
Que un estado como o español, (que nin está en conflicto con ningún outro, nin se espera) teña que facer esta demostración tan fútil de forza, significa que esa unidade do estado non é máis que eso, unha unidade pola forza das leis. Pero ao mesmo tempo é unha umidade fráxil, cos pés de barro, porque non é real dende abaixo.

Que exista ese día, e que existan partidos que abertamente aproben o soberanismo dentro dese estado significa que a maioría entendemos que o futuro só pasa polo dereito a decidir ou nunca haberá futuro nin progreso para esa entelequia que é o estado español.
 
Cada vez máis voces se alzan contra esa idea atrasada e reaccionaria de españa, mesmo dentro de partidos políticos "unionistas".
Tamén é certo que pensar de xeito lúcido sen que un militar che poña unha pistola na cabeza é máis doado. (vantaxes que tiña a dictadura).
 
Os que non podemos ollar o desfile e aos que o presiden sen sentir unha profunda vergoña. Temos a obriga de explicar o motivo. Se non o facemos, corremos o risco de ser declarados antipatrotias e antiespañois.
Como si a nosa loita fose nalgún caso contra o pobo Español ou o castelan!!
Pobos irmáns aos nosos, que sofren da mesma inxustiza ca nós, que comen no mesmo prato, que teñen o mesmo sangue e que berran nunha lingua ben parecida á nósa.
Non, nós non estamos contra o pobo Español, ó contrario, estamos a carón del, e tamén facemos nosas as suas loitas.
 
O noso anceio é o dun pobo que quere ser dono de si mesmo, contra un estado que o asoballa, igual que ós demáis pobos da España, e ao igual que eles temos que ver como se nos nega a liberdade por unha minoria de privilexiados que non quere perder o seu status quo.
 
Non, eu non teño nada que celebrar o día 12 e estes son os meus motivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.