Igualdade de indemnizacións para temporais e indefinidos

Este é o fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que o pasado 14 de setembro ditaminou que en España existe unha discriminación entre as indemnizacións dos contratos de traballadores indefinidos e os temporais. Desta sentenza, de plena aplicabilidade no noso país, xa se serviu o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid o día 5 de outubro.

Unha sentenza, hai que dicilo, malísima. Que me desculpen os Ilmos. Maxistrados da UE, que este humilde xurista non sabe máis dereito que as súas señorías, pero confundir ou non diferenciar a extinción dos contratos por causas obxectivas e a extinción por causas legais ou contractuais, é de 2º de Dereito, informeime.

Pois ben, a pesares da diabólica sentenza, esta vai alterar de maneira significativa a lexislación laboral española. Ata o de agora se o traballador cun contrato indefinido (os mal chamados “fixos”) é despedido por motivos obxectivos, a este correspóndelle unha indemnización de 20 días por ano traballado; mentres que aos titulares dun contrato temporal, ao momento da extinción contractual, seríanlles aboados entre 8 e 12 días por ano traballado en función da data de firma do contrato, salvo os interinos (contratos que se utilizan para substitucións temporais de embarazos, excedencias, etc.) e os de formación que non reciben indemnización ningunha.

É importante o matiz do parágrafo anterior, explícolles. Se un traballador fose despedido procedentemente, xa sexa temporal ou indefinido, a indemnización sería igual para ambos os dous casos, 20 días por ano traballado. Pero fíxense, o que fai o TJUE é equiparar o despido á data de extinción que posúen os contratos temporais, esta manobra, intencionada pero de corte pouco profesional, do Alto Tribunal fai que o resultado sexa pro operario.

En base a estas diferenzas de días a efectos indemnizatorios, a Unión Europea considerou discriminatorio o trato ao traballadores temporais sempre e cando estes estean “en una situación comparable a la de los trabajadores contratados por tiempo indefinido”, é dicir, desenvolvan as mesmas funcións e estean igual de capacitados que os traballadores aos que substituen ou que desenvolvan funcións similares dentro da mesma empresa.

Aínda que a sentenza versa sobre o caso dun contrato de interinidade, dende o meu punto de vista, a resolución é aplicable a calquera tipo de contrato temporal. Diferente visión ten Madrid, pois dende o Ministerio de Emprego e Seguridade Social apresuráronse a facer público que a discriminación só afectaría aos interinos, craso erro, pois a magnitude do fallo e de quen o evacúa non poderá ser omitida, pois desembocará nun cambio na lexislación laboral, cuestión diferente é saber cando.

Por último e non menos importante atópase a cuestión da retroactividade, é dicir, se os beneficios da sentenza son de aplicación anterior a setembro do 2016. Non é unha cuestión baladí, pois segundo o INE case catro millóns de españois desenvolven o seu traballo baixo este tipo de contratos, e os efectos dun mal cálculo da indemnización pola extinción destes daralles algún susto aos empresarios e á patronal.

Na miña opinión, o pago de indemnizacións equiparables ao contrato indefinido con carácter retroactivo debe plantexarse dende unha dobre vertente: dende un punto de vista xurídico, creo que a data dende a cal aplicar o protocolo de indemnizacións sería a de 10 de xullo de 2001, día que se esixe aos países membros da UE aplicar a directiva que recolle o principio de non discriminación; dende un punto de vista práctico, e xa o vimos no caso das preferentes, a súa aplicación debería esgrimirse dende a data da citada sentenza europea. A lexislación e os tribunais dirano, mentres tanto letrados dispostos e avezados navegarán nas emerxidas lagoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.