Rigor, señorías

A Alberto Núñez Feijóo reprocháronlle en incontables ocasións que prometeu poñerlle fin ao paro en Galicia nun prazo máximo de 45 días dende que chegase á Xunta. "Vostede comprometeuse a acabar co paro en 45 días", escoitouse ata a saciedade no Parlamento, en mitins ou entrevistas de líderes de formacións diferentes ao PP que, por erro, inexactitude ou gañas de faltar á verdade, segundo o caso, deron colocado no imaxinario cidadán unha promesa que nunca existiu. O que Feijóo prometera fora presentar un "plan de choque" contra a crise e, alén dos seus resultados, o certo é que o fixo. Pero a promesa real nunca ecoará tanto como a falsa, un dos poucos encadres realmente efectivos da esquerda parlamentaria nestes anos.

Esas pequenas pezas de mentira cotiá adoitan ter máis posibilidades de triunfar canto máis difícil é o seu contraste, a súa comparación coa realidade mediante cifras ou datos concretos. Así, para atopar a referencia dos devanditos 45 días cómpre mergullarse nas hemerotecas do ano 2009 ata dar co anuncio do "plan de choque" do daquela novo candidato do PP. O mesmo sucedeu, por exemplo, cando o propio Feijóo botou man da inexactitude ou da separación a respecto da verdade para acusar a Xosé Manuel Beiras de levar en 2015 "30 anos cobrando do Parlamento" ou "20 anos cobrando a nómina" da Cámara. Documentos oficiais pouco accesibles para o gran público demostraron que, malia á veteranía do daquela voceiro de AGE, a afirmación era falsa.

Esas pequenas pezas de mentira cotiá adoitan ter máis posibilidades de triunfar canto máis difícil é o seu contraste

Despois dunha campaña electoral proclive, como todas, aos excesos verbais e ás relacións esporádicas coa mentira -dende a banda esquerda chegouse a escoitar, por exemplo, que "toda" a sanidade galega está "privatizada" e dende a dereita, que actualmente hai máis xente a traballar en Galicia que cando chegou Feijóo ao goberno- a última en incorporarse a esta práctica foi unha deputada do PP no Congreso. O pasado 11 de outubro a ourensá Ana Vázquez deixaba no seu Twitter a seguinte reflexión: "El mejor antídoto para los incendios.. las elecciones,fue pasar #25S y Galicia dejó de arder..recuerdo 4 focos simultáneamente,casualidad?".

A especulación da parlamentaria, aplaudida e espallada por outros membros do seu partido, non é especialmente novidosa ao se referir á complexa problemática dos incendios. E como moitas das anteriores -o Bloque queima o monte! O PP queima o monte!-, encádrase máis no ámbito da temeridade e da simplicidade que no do rigor. A serie histórica de incendios en Galicia non permite concluír que o monte arda máis cando se celebran eleccións ao Parlamento galego, nin moito menos que as lapas arrasen máis monte cando a esquerda opta ao poder dende a oposición, como a deputada semella suxerir. A saber: En toda a historia da autonomía houbo anos electorais pésimos para o monte galego (1985, con Alianza Popular no goberno, ou 1989, cos populares na oposición), anos electorais con balances razoablemente bos (1993, 2008-2009 ou 2012, por exemplo) e anos sen eleccións galegas nas que o monte ardeu máis do habitual (o último caso, 2006, durante o goberno de PSdeG e BNG, pero tamén 1987, 1995, 1998 ou 2011).

Os datos non sustentan a insinuación da deputada: Non permiten concluír que o monte arda máis cando hai eleccións ao Parlamento e amosan que a finais de setembro sempre diminúe o número de incendios

Os datos non sustentan a insinuación de Vázquez no que atinxe á proliferación de incendios e tampouco no referido ao seu cesamento despois do 25 de setembro. As frecuencias detalladas no Plan de Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia amosan ás claras que a trixésimo oitava semana do ano, na que se celebraron os comicios nesta ocasión, está habitualmente situada na curva descendente no número de incendios en Galicia, que adoita tocar teito a mediados de agosto. Ademais, tampouco se corresponde coa realidade que tras o paso polas urnas o monte deixase de arder: na primeira semana de outubro, cando regresaron as temperaturas elevadas, queimáronse case 30 hectáreas de monte en Carballeda de Valdeorras (Ourense) e unha superficie semellante en Carballedo (Lugo).

Con independencia da motivación inicial da afirmación da deputada de Bande -froito dunha impresión persoal a respecto dos montes que máis coñece?- e do que pretendese con ela -deixar caer que as forzas que aspiraban a desbancar o PP queiman o monte? Que os brigadistas traballaron menos para prexudicar o Goberno?-, o certo é que as súas verbas pasan xa a formar parte da inabarcable relación de proclamas políticas que non soportan o contraste e, ao tempo, da colección de diagnoses de regate curto para a cuestión dos incendios forestais, esa sobre a que as persoas expertas opinan, discrepan e propoñen dende o rigor científico e a prudencia argumental.

Fagamos votos para que as novas deputadas e deputados opten por camiños máis rigorosos

Case sobra engadir que non é esixible que os membros das Cámaras lexislativas sexan expertos en todo. Pero si semella pertinente pedirlles, mesmo esixirlles, que ollen se hai auga antes de guindárense á piscina dialéctica, non sexa que ao chegar ao fondo zarrapiquen pingas de simplismo, populismo, inexactitude ou pura e simple mentira. Fagamos votos, dende esta humilde tribuna, para que as deputadas e deputados que desenvolverán o seu labor no Pazo do Hórreo dende o vindeiro día 21 opten por camiños máis rigorosos para sustentaren o Goberno ou seren alternativa a el. Asumir como praxe habitual o ruído politiqueiro de Twitter achega pouco e aborrece máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.