A austeridade e a igualdade de oportunidades

Son incontables as evidencias que nos mostran como a igualdade de oportunidades aínda está moi lonxe de ser unha plena realidade xa non so nos estados do Sur senón mesmo nos estados do Norte como por caso nos Estados Unidos e na propia Unión Europea. Neste derradeiro caso (UE) as evidencias lévannos a considerar que, logo da grande crise (2008) e a cabalo das políticas de austeridade, a igualdade de oportunidades sufriu un notable retroceso, mas notorio nos estados europeos periféricos (Grecia, Portugal, España) nos que aquelas políticas aplícanse con maior dureza e amplitude.

Nestas mesmas páxinas xa sinalara que “unha das grandes herdanzas que vai deixar A. Núñez Feijoo, froito da súa xestión política ao fronte da Xunta de Galicia, será a dun país enormemente desigual”. Un crecemento exponencial da desigualdade que, repito unha vez mais, é froito das políticas que se veñen aplicando en Galiza, e en España, logo do estoupido da grande crise financeira e inmobiliaria (2008). Un crecemento das desigualdades sociais que ten múltiples damnificados pero que coinciden todos na súa pertenza maioritaria as clases traballadoras.

Un dos sectores sociais mais damnificados é o feminino, en especial as mulleres que pertencen as clases populares nas que, por certo, son o grupo maioritario. Se a igualdade de xénero (homes/mulleres) xa era moi limitada en Galiza e en España, coa austeridade aínda se fixo mais deficitaria (en prexuízo das mulleres). Ata a propia ONU (Organización das Nacións Unidas) confirma esta realidade ao reprochar a España “o grave e desproporcionado impacto da austeridade nas mulleres”, unha austeridade que relega a moitas delas “aos tradicionais roles de subordinación e que empeora a súa situación na vida económica, social e política”. En realidade a austeridade condena a moitas mulleres a mais absoluta precariedade      –dado que cada vez mais familias teñen dificultades para vivir con un so salario, as mulleres vense forzadas a aceptar traballos que son maioritariamente precarios- e tamén, en numerosos casos, obrigas a manter unha dobre xornada –xa que con demasiada frecuencia os homes non asumen a súa parte no coidado familiar- creando así novas desigualdades de xénero.

Nese informe, cuxa lectura a pesar das insuficiencias sinaladas é recomendable, apuntase certeiramente as decisións políticas que potencian a desigualdade de xénero en España: as reformas laborais e os recortes nas funcións públicas de benestar provocan un indiscutible  incremento da desigualdade con un moi grave e desproporcionado impacto nas mulleres. As sucesivas reformas laborais trouxeron consigo un incremento exponencial da precariedade que, dende o punto de vista do xénero, impacta máis nas mulleres (o 70% dos contratos a tempo parcial son de mulleres) ao tempo que afondan na lenda salarial (o salario medio das mulleres está hoxe un 25% por baixo do dos homes). Os recortes do gasto nas funcións públicas de benestar que afectaron a dependencia, os comedores escolares e as escolas infantís trouxeron unha maior carga de traballo non retribuído para as mulleres das clases traballadoras –por ter menos recursos non poden pagar por eses servizos como as mulleres das clases de renda media e alta- e unhas menores oportunidades de integración no mercado laboral en relación aos homes. En materia de atención sanitaria a non universalidade e a privatización de servizos supoñen unha barreira ó dereito a saúde para moitas mulleres producíndose algunhas situacións realmente sangrantes, pois poñen en risco xa non so a saúde senón a vida das mesmas. A reforma regresiva da lei do aborto supuxo unha restrición ao dereito de reprodución moi especialmente no caso das mulleres mozas. Finalmente en materia de violencia sexual os gobernos non están poñendo os medios que garanten unha resposta integral a este grave e inaceptable problema.

Unha análise na que coinciden outras organizacións como o Lobby Europeo de Mulleres (EWL) quen ao avaliar o impacto das medidas de austeridade sobre os dereitos das mulleres e a igualdade de xénero afirma que “as políticas de austeridade en Europa, debilitan os dereitos das mulleres, perpetúan as desigualdades de xénero existentes, crean outras novas e dificultan as perspectivas de desenrolo económico sostible e equitativo para o progreso en Europa”.

En Galiza o impacto da austeridade na igualdade de oportunidades está en liña co sinalado anteriormente para o conxunto das mulleres españolas e europeas por mor de terse aplicado políticas moi similares pola Xunta de Galiza. As centrais sindicais galegas (CCOO, CIG, UGT) co gallo do día internacional da muller traballadora (2016) fixeran públicos recentemente uns moi interesantes informes sobre a situación de igualdade de oportunidades na Galiza de hoxe.

O desemprego e precariedade laboral, segundo declaraba a Central Intersindical Galega (CIG), incrementáronse entre as mulleres traballadoras de Galiza logo do estoupido da grande crise (2008): “Non só se reduciu emprego neste período, senón que ao mesmo tempo se produciu unha reestruturación interna entre as mulleres ocupadas: perdéronse empregos a xornada completa e incrementáronse a xornada parcial, medrou o número de asalariadas con contratos temporais en detrimento de indefinidas, reduciuse o tempo medio dos contratos, etc”. En resumo, “a crise non fixo máis que agravar a xa precaria situación laboral a que están sometidas unha porcentaxe moi elevada das mulleres traballadoras en Galiza. Así, desde o ano 2009” –coincidindo co inicio das políticas de austeridade- “incrementouse a porcentaxe de mulleres con xornadas parciais, con contratos temporais, con contratos de escasa duración etc., empeorando non só as condicións físicas laborais senón tamén as salariais. Proba disto é a inxente cantidade de mulleres que non chegan a percibir o Salario Mínimo Interprofesional ao ano”.

“O momento presente” -sinalaban as Comisións Obreiras de Galicia (CCOO)- “vén de novo marcado pola desigualdade, a violencia machista e mesmo pola ausencia de compromiso, de políticas públicas axeitadas e suficientes; pola falta de responsabilidade das empresas que penalizan a maternidade e a conciliación da vida das persoas co seu emprego; pola fenda salarial, teimuda realidade que condiciona a vida laboral, persoal e tamén as prestacións por desemprego e as pensións do futuro de miles e miles de mulleres (...). Vivimos nun momento e nunha sociedade que seguen dando as costas á igualdade”. “As mulleres que estamos incorporadas á vida laboral, política e social, temos cada vez máis formación e cualificación para desenvolvernos en todos os ámbitos, pero as resistencias do sistema patriarcal, aliado do neoliberalismo económico, seguen condicionando as nosas posibilidades reais, porque sabemos que a independencia económica que nos proporciona un emprego é o elemento substancial da emancipación”.

“As análises sobre a situación da igualdade das mulleres galegas no ámbito laboral” –denuncia UGT-Galicia- “que parten da aparente melloría no comportamento do emprego das mulleres durante a crise, fan unha lectura falaz da realidade e ocultan o grave retroceso que está experimentando ao que non se está poñendo freo”. “Os efectos da crise, as reformas laborais e as medidas de recortes adoptadas fronte a mesma, carentes da correcta e correspondente avaliación de impacto de xénero, á que a ignorada Lei de Igualdade obriga, unida á omisión de actuacións públicas que realmente contribúan a avanzar na igualdade entre mulleres e homes, está a afastarnos cada vez máis da igualdade real. O crecemento notable da desigualdade e a discriminación das mulleres tradúcese, entre outros efectos, nun empobrecemento cada vez maior das mesmas. As mulleres non traballan en igualdade de condicións cos homes, nin cobran o mesmo, nin hai un reparto equilibrado entre homes e mulleres en atención ás responsabilidades familiares”.

Como se pode ver no ámbito social, a coincidencia é ampla encol do negativo impacto que sobre as mulleres galegas están tendo as políticas de austeridade, o famoso “austericidio”. Unhas políticas que afondan nunha desigualdade de oportunidades que xa era moi pronunciada con anterioridade.

Unha desigualdade de oportunidades que, asemade, é un freo ao crecemento económico e o progreso social de Galiza. Que a porcentaxe de mulleres empregadas sexa en Galiza (48,8%) claramente menor que en España (53,9%) e na UE-15 (65,1%) explica, en parte, que Galiza sexa unha das comunidades mais pobres de España e da Unión Europea.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.