Aprendizaxes tóxicas

A casualidade fixo coincidir nas mesmas datas dúas noticias de calado educativo. Por unha banda a presentación pública do Informe La Infancia en España 2010-2011. 20 años de la Convención sobre los Derechos del Niño: retos pendientes elaborado por UNICEF. Pola outra, a presentación por parte do Ministerio de Educación, no marco da Conferencia Sectorial de Educación, dos novos contidos da materia Educación Cívica e Constitucional, que substituirá a deostada Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (EpC). Por razóns legais o cambio de denominación deberá agardar, pero a modificación dos contidos entrará en vigor no vindeiro curso.

O que se pretende eliminar, segundo algunhas estimacións que remiten a un informe da Asociación Nacional de Editores de Libros e material de Ensinanza (ANELE), sería un 15% dos contidos orixinais, considerados adoutrinadores

A falta dun mínimo borrador propositivo do Ministerio dirixido á comunidade educativa, os medios de comunicación proxectaron algunhas filtracións de interese. Para empezar, o que se pretende eliminar: segundo algunhas estimacións que remiten a un informe da Asociación Nacional de Editores de Libros e material de Ensinanza (ANELE) sería un 15% dos contidos orixinais, considerados adoutrinadores, entre os que se citan:

  • relacións entre homes e mulleres, e todo o asociado coas relacións afectivo sexuais, incluíndo as referencias á homosexualidade, á homofobia, ou ao sexismo.
  • a valoración crítica da división social e sexual do traballo.
  • a valoración dos dereitos e deberes humanos como un proceso inacabado.
  • o rexeitamento ás discriminacións provocadas polas desigualdades persoais, económicas ou sociais e as referencias críticas aos prexuízos sociais: racistas, xenófobos...
  • compensación de desigualdades e distribución da renda.
  • influencia das mensaxes publicitarias nos modelos e hábitos sociais.
  • un mundo desigual: riqueza e pobreza; a feminización da pobreza e a falta de acceso á educación como fonte de pobreza.
  • relacións entre cidadanía, poder económico e poder político no debate sobre a globalización.

A nova materia introduce outras temáticas, que suporían un aumento dun 40% de contidos, e nas que destacan:

  • factores de protección fronte ás enfermidades, as adicións e o consumismo; seguridade viaria.
  • a familia no marco constitucional, a noción de cidadanía, criterios xurídicos para a adquisición da nacionalidade española e os convenios internacionais.
  • a transparencia na xestión pública; dereito á privacidade e propiedade intelectual.
  • xestión de residuos, preservación do patrimonio natural e conservación artística.
  • estado do benestar, seguridade social, sistema de pensións, papel das ONG.
  • as sociedades democráticas, a liberdade política, os nacionalismos excluíntes, o terrorismo, os estados errados e o fanatismo relixioso.
  • a dimensión económica da sociedade humana, a liberdade económica, o papel da iniciativa económica privada na xeración de riqueza e o fomento do espírito emprendedor.

Os medios dan conta tamén das reaccións dos responsables dalgunhas comunidades autónomas que se manifestaron en contra e anunciaron que se valerán das súas competencias para manter os contidos actuais, caso de Andalucía e País Vasco, por exemplo. De entre as gobernadas polo Partido Popular –favorables á modificación- destaca a posición de Madrid que directamente avogou pola eliminación da materia e así gañar tempo para lingua española, matemáticas e inglés. Precisamente a conselleira Fígar destacou pola defensa sen concesións da obxección de conciencia á materia. Neste caso hai que recoñecer que o seu proxecto educativo, explicado polo miúdo nun vídeo que saturou as redes sociais, contén as esencias dunha educación en valores coa que resulta difícil competir, por moito que sexa o potencial adoutrinador dunha hora ou dúas de clase semanais.

Logo de seis anos de confrontación xudicial e política, parece que estamos diante dos últimos estertores dunha materia sometida como ningunha outra ás lupas da sospeita por contaminación ideolóxica

Tamén soubemos que a representante catalá conseguiu coa súa intervención evidenciar o nesgo da palabra excluíntes asociada aos nacionalismos e, como consecuencia, o Ministerio comprometeuse a que tal contido fose retirado, para evitar controversias. Se cadra por un momento entenderon que, segundo o filtro que se aplique, alguén podería traer a colación como o nacionalismo español ten limitado gravemente algunhas formulacións constitucionais referidas ao desenvolvemento cultural e lingüístico ou as competencias das nacionalidades, por poñer un exemplo cabal. Por poñer outro, conste que o fanatismo relixioso tamén promete matices; por non entrar a fondo na rebotica dos novos temas económicos. Aí as crónicas mediáticas refírense mesmo a un certo consenso con sectores empresariais sobre a nova materia. Porén, non atopamos noticias da procura de acordos cos representantes da comunidade educativa.

Sexa como for, logo de seis anos de confrontación xudicial e política, parece que estamos diante dos últimos estertores dunha materia sometida como ningunha outra ás lupas da sospeita por contaminación ideolóxica. Non hai que esquecer que a polémica foi alentada desde os sectores máis neocon da dereita, e que a propia Conferencia Episcopal chamou á rebelión e amparou a obxección de conciencia das familias contra unhas aprendizaxes que identificaron coa “imposición do relativismo e da ideoloxía de xénero” e cuxos contidos foron cualificados de “prexudiciais para o desenvolvemento integral da persoa”. Algunhas comunidades autónomas acubillaron as familias obxectoras con polémicas solucións.

Nesta cerimonia da confusión político-mediática algúns argumentos foron sequera audibles. Por exemplo, o feito de que no ámbito do Consello de Europa hai recomendacións explícitas que cómpre respectar sobre a promoción dunha educación para a cidadanía democrática

É difícil saber se nesta cerimonia da confusión político-mediática algúns argumentos foron sequera audibles. Por exemplo, o feito de que no ámbito do Consello de Europa hai recomendacións explícitas que cómpre respectar sobre a promoción dunha educación para a cidadanía democrática, sustentada na Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH), letra na que se apoian as nosas normas -incluídas as educativas-, parte esencial e agochada da denominación da materia en cuestión.

Trátase de superar a vella idea dunha educación puramente instrutiva para facer da escola un dos lugares principais nos que asentar a racionalidade e os valores da convivencia, desde unha perspectiva plural e activa. Velaí unha das razóns pola que a escolarización pode contribuír á cohesión social e pode garantir a continuidade da vida democrática, coa imprescindible complicidade doutros axentes e institucións sociais. Outorgarlles a exclusividade da formación moral da infancia e da mocidade ás familias é obviar que estamos falando de persoas en formación, chamadas a convivir no marco de sociedades imperfectas pero plurais, e non pechadas nos lindes do seu fogar, por harmónico que este poida ser.

A maioría dos países da nosa contorna europea asumen a necesidade de incluír a educación para a cidadanía no currículo escolar oficial baixo enfoques diferentes e, en moitos casos, combinados: como materia independente, integrada en materias tradicionais ou concibida como un ou varios temas transversais. Hoxe en día, cando menos trinta países poden ofrecer realizacións concretas e reflexións de interese sobre as limitacións a superar.

As dificultades dunha solución máis transversal para a educación en valores que involucrase ao conxunto das áreas do currículo, levou a valorar a presenza dunha materia específica, para fixar uns mínimos que non se dilúan no que presuntamente é de todos e remata por non ser de ninguén

No noso contexto, as dificultades dunha solución máis transversal para a educación en valores que involucrase ao conxunto das áreas do currículo, levou a valorar a presenza dunha materia específica, para fixar uns mínimos que non se dilúan no que presuntamente é de todos e remata por non ser de ninguén, por mor da sobrecarga académica dos programas, da complexidade crecente dalgunhas temáticas, da falta de traballo colaborativo e interdisciplinar...

Outras voces máis esixentes entenden que para potenciar unha educación cidadá vivencial é imprescindible activar a participación e a xestión democrática dos centros, alén do puramente formal. Isto é, creando espazos e tempos que posibiliten a reflexión e o traballo en equipo, xerando dinámicas de formación do profesorado dentro dun marco respectuoso coa autonomía organizativa e pedagóxica que procure o protagonismo de todos os membros da comunidade educativa e que se proxecte na contorna. Nestes tempos de desacougo e indignación evidénciase que é na participación real das persoas nos procesos que nos afectan onde se aprecia a enorme diferenza, o ser ou non ser da condición cidadá, a posibilidade de exercer dereitos e obrigas, ou de non facelo.

Pretender unha educación afastada dos temas controvertidos é negar a súa función formativa, crítica e transformadora. E supón defender unha falacia, porque non existe o coñecemento neutro

Pretender unha educación afastada dos temas controvertidos é negar a súa función formativa, crítica e transformadora. E supón defender unha falacia, porque non existe o coñecemento neutro; non o é a súa selección, nin o modo de aprendelo, nin tampouco a súa aplicación.

Á marxe de concepcións sectarias e interesadas que procuran a confusión do público co privado, o que se dirime é nada menos que o dereito de calquera sociedade democrática a educar a súa cidadanía nos principios éticos e morais que a sustentan, coas tensións que correspondan, propias dunha sociedade plural.

O que se dirime é nada menos que o dereito de calquera sociedade democrática a educar a súa cidadanía nos principios éticos e morais que a sustentan

A proposta ministerial ten pouco de novidoso e moito de regresivo. Empezando polas formas, ao promover unha reforma express, sen participación da comunidade educativa, como se se tratase de atallar un problema de emerxencia nacional. Aumentar os contidos dunha materia xa diminuída no conxunto do currículo sen lle sumar máis tempo derivará nun tratamento academicista e superficial, escasamente vivencial e proactivo. Facer desaparecer aprendizaxes relacionadas, por exemplo, co ámbito dos afectos e das relacións, ou coa valoración crítica das desigualdades, ou co sexismo, implica sinalalas como pouco aptas para o seu tratamento pedagóxico… Ou será que temos que tachalas de tóxicas para os cativos e as cativas? Adaptemos logo a terminoloxía aos tempos que corren. No pasado algúns contidos e vivencias consideráronse pecaminosos, outros excesivamente radicais e, dunha maneira ou doutra, forneceron o chamado “currículo oculto” que, mal que ben, logrou saír do armario, lugar no que novamente pretenden recluílo.

Infelizmente, disimular as controversias ou borrar as reflexións sobre a pobreza ou as desigualdades non as fai desaparecer. Precisamente nestes días coñecemos datos sobre a situación da infancia no marco do citado informe de Unicef. Nesta radiografía sinálanse evidencias que apuntan a unha crecente vulnerabilidade:

  • Aumento cuantitativo e cualitativo da súa pobreza, representando por idades o sector máis vulnerable; un 24, 5% dos menores de 0-16 anos están en risco de pobreza e de exclusión -un de cada catro- tendo un dos índices máis altos dos países europeos.
  • Falta de protagonismo da infancia na axenda política e profundo déficit de participación nas situacións que lles afectan. Pouco máis da metade dos nenos e nenas, o 58%, saben que teñen dereitos específicos, fronte a un 65% da media europea. Apreciando como avance a presenza no currículo da materia de EpC, recoméndase ampliar os esforzos de sensibilización á poboación en xeral e aos profesionais de referencia. Reclámase contar coa opinión da infancia e da mocidade no deseño das políticas públicas, e procurar a súa participación activa nos centros escolares, desde a primaria.
  • Alarmantes indicadores sobre a calidade do ensino e os resultados educativos; particularmente os que atinxen ao fracaso escolar e ao abandono.

Denunciando que a dotación de recursos específicos para a infancia e a familia é unha das máis baixas de Europa (0,7 % do PIB fronte ao 2,3% da contorna europea dos quince), reclama duplicar o gasto público nese ámbito e marca liñas educativas prioritarias: “reforzar o carácter gratuíto de materiais ou servizos relacionados coa educación na súa etapa obrigatoria (libros de texto, comedores...), incrementar a cantidade e o importe das bolsas facilitando o acceso a colectivos especialmente vulnerables”; advertindo que “a precariedade económica dun fogar é un problema especialmente importante nas etapas educativas non obrigatorias, nas que os custos de escolarización son más altos”.

O Informe retrata a realidade da pobreza infantil nun país desenvolvido e a súa repercusión nas relacións familiares e sociais, máis proclives á tensión e ao deterioro e diminución das expectativas persoais e profesionais dos propios nenos e nenas, e das súas familias cara a eles

O Informe retrata a realidade da pobreza infantil nun país desenvolvido e a súa repercusión nas relacións familiares e sociais, máis proclives á tensión e ao deterioro e diminución das expectativas persoais e profesionais dos propios nenos e nenas, e das súas familias cara a eles. A pobreza agudiza o risco de desprotección e a desigualdade, e complica a relación entre iguais, xerando sentimentos de culpa, inferioridade ou vergonza: aprendizaxes tóxicas para a autoestima…

Mentres tanto as medidas educativas que se veñen adoptando e as que se prevén, situarán amplos sectores da sociedade –estes si– fóra do punto de rescate. Se cadra por iso, e aínda que o risco de exclusión medre para moitos nenos e nenas, é á prima doutro risco á que se dirixen todas as miradas, todos os esforzos. Disimulemos borrando das aulas calquera alusión sobre as desigualdades e os prexuízos sociais, e que vaian asumindo como inevitable unha realidade empobrecedora, coa complicidade necesaria do sistema escolar. Máis selección, máis deslocalización do coñecemento, máis autoridade e rixidez.

Velaí o plan, mudamos equidade por iniquidade. Non son os tempos, nin se cadra, a economía: é a moral, ou o seu extravío. E non podemos colaborar con isto, nin mirar para outro lado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.