Empresarios agradecidos que facían doazóns

Xuízo da Gürtel (II)

Luis Bárcenas, daquela xerente do PP, explicaba con todo detalle nunha entrevista de catro horas con Pedro J. Ramírez (El Mundo, 7 de xullo de 2013) a relación entre as doazóns e as adxudicacións de obras: “El dinero se entregaba en bolsas, maletines o maletas en el despacho del tesorero Álvaro Lapuerta [era tamén membro da comisión de obras do PP] en la calle Génova y en presencia de Bárcenas, en calidad de gerente. Ambos contaban los billetes y los metían en la caja fuerte. Cuando el donante abandonaba el despacho, Lapuerta extraía de la cartera de mano una tarjeta de visita y en el reverso escribía con letra diminuta el nombre y la cuantía de la entrega. Bárcenas hacía otro tanto en un libro de caja con sus correspondientes renglones. Periódicamente Lapuerta cotejaba las ajadas tarjetas que siempre llevaba encima con las anotaciones de Bárcenas y, al hallarlas conformes, las certificaba con el correspondiente visé en el margen. Al día siguiente de la entrega o como mucho durante la semana posterior Lapuerta llamaba al ministro, secretario de Estado, presidente, consejero autonómico, alcalde o concejal competente en el asunto que afectaba al donante. Según Bárcenas, siempre recurría a la misma literalidad: ´¿Qué tal? Soy Álvaro Lapuerta. Te va a llamar fulanito. Tengo interés en que lo recibas. No conozco el tema del que te va a hablar. Sólo te pido que seas amable y te tomes un café con él´. Todos sabían que era el tesorero el que llamaba”.

Nesta primeira fase do xuízo da Gürtel algúns empresarios comezaron a “cantar”, confirmando o que xa declararan na fase de instrución. Así, Alfonso García Pozuelo, conselleiro delegado de Constructora Hispánica, que recibiu 703 millóns de euros en contratos públicos, confesou que fixo unha doazón de 30.000 euros, que coincidía no tempo coa adxudicación en novembro de 2000 das obras da estación do AVE en Zaragoza. Entregaba tamén 12.000 euros en xullo de 2000, un mes despois da adxudicación da plataforma do AVE entre Lleida e Barcelona (xunto coa empresa Copisa) de 28 millóns de euros. Este empresario confirmou que pagou comisións para “organismos centrales”, é dicir, para a sede central de Génova. Curiosamente, García Pozuelo é un vello amigo do ex–ministro Francisco Álvarez Cascos e estudaron xuntos a carreira de Enxeñería de Camiños

Por outra parte, todo parece indicar que Álvaro Lapuerta, tesoureiro do PP, era o conseguidor de obras para OHL, empresa que presidía Juan Miguel Villar Mir. Casualmente, un fillo de Álvaro Lapuerta, Diego Lapuerta Montoya, traballa como apoderado de OHL Concesiones. Lapuerta podería haber explicado moitas cousas sobre o financiamento ilegal do PP, pero cando estaba en perfectas condicións físicas e mentais nunca foi interrogado nin pola Policía, nin pola Garda Civil, nin pola Xustiza. Deixaron pasar moitos anos e cando Lapuerta é citado agora para declarar no xuízo da Gürtel, resulta que non pode comparecer por “demencia sobrevenida”. José Luis Izquierdo tiña no seu poder o pendrive, que recuperou a Policía, coa contabilidade B da Gürtel, pero tamén se negou a contestar no xuízo porque “padece depresión e un principio de demencia senil”. Si estivo lúcido para manifestar que non ratificaba as declaracións que fixo ante a Policía e o xuíz na fase de instrución.

Outra casualidade é que Villar Mir sexa un dos doantes asiduos por un total de 530.000 euros, segundo declaración de Luis Bárcenas ante a Audiencia Nacional. Entre outras cantidades, nos papeis de Bárcenas, é dicir, a contabilidade B do PP, figuraba unha entrega de 300.000 euros en negro antes das eleccións de 2011. Segundo Bárcenas, Villar Mir tiña moito interese en que “Mariano Rajoy lo supiera”. Ferroatlántica, empresa de Villar Mir, explota a mina de Serrabal, entre os concellos de Vedra e Boqueixón, cunha concesión até 2008 deste xacemento de cuarzo e silicio, que considera poderá explotar 30 anos máis por silencio administrativo, despois de solicitar a prórroga. Ferroatlántica Cee-Dumbría Centrais Hidroeléctricas quere segregar e vender as centrais hidroeléctrica da comarca coa oposición do comité de empresa e co rexeitamento unánime de pleno de Cee. Outra “casualidade” é que o empresario Villar Mir, ministro do ditador Franco e persoa agradecida, pagase as reformas da casa natal de Fraga en Vilalba.

Entre a documentación entregada por Bárcenas ao xuíz estaba unha carpeta co epígrafe “Galicia”. Nela aparecen as seguintes anotacións: entrega de “300.000 de OHL en campaña”; “ACS se compromete a 1 millón de euros, ha dado 30.000 euros”; Ingr. 2006 en donat. (aproximadamente) 360 millóns de pesetas”; “FCC daba 50.000 euros/mes, va a dar 12.000 euros/mes + ayuda campaña”. Bárcenas finalizaba cun balance de resultados: “Los empres. Siguen ayudando”.

Unha reportaxe de Ignacio Escolar en eldiario.es, de 26 de febreiro de 2013, demostraba que as doazóns de empresas rexistradas por Bárcenas coinciden no tempo con adxudicacións de obras a esas empresas por parte de administracións públicas controladas polo PP. Así, o concello de Madrid adxudicaba a OHL o 15 de outubro de 2004 a construción dunha nova saída á M-30 por 25 millóns de euros. Catro días despois nos papeis de Bárcenas aparecía a anotación dunha doazón de Juan Miguel Villar Mir, presidente desa empresa, de 100.000 euros.

Sacyr recibía a adxudicación das obras de prolongación do Metro de Madrid que superaba os 150 millóns de euros. Unha semana despois, o 15 de setembro de 2004, Luis del Rivero, pasaba por caixa e entregaba unha doazón de 120.000 euros ao PP. Del Rivero regalou outros 200.000 euros ao PP de Castela-A Mancha, para a campaña de María Dolores De Cospedal, despois de garantir Sufi (filial de Sacyr) a adxudicación dun contrato por un total de máis de 43 millóns de euros para a limpeza de Toledo.

José Luis Sánchez, promotor malagueño e presidente de Sando Proyectos Inmobiliarios fixo varias doazóns ao PP até un total de 1,15 millóns de euros. Aparece unha doazón de 100.000 euros e un mes despois, o 25 de xullo de 2003, recibía unha adxudicación ferroviaria de 125 millóns de euros. Facía outra entrega ao PP de 100.000 euros o 17 de novembro de 2003 e tres días despois esta empresa conseguía a adxudicación dun tramo da A-42 de 691.685 euros. O 24 de febreiro de 2004 Bárcenas recibía unha doazón de 100.000 euros de Sando e quince días despois esa empresa gañaba a adxudicación doutro tramo da A-42. En xuño de 2004 entregaba  100.000 euros e ao mes seguinte o concello de Madrid adxudicáballe traballo na M-30 por 24 millóns de euros. En maio de 2007 outros 100.000 euros e o 12 de xuño conseguía un novo contrato de 306.300 euros para reformas e acondicionamento de parques en Madrid. Pode completarse esta relación de “empresarios agradecidos” no meu libro Indecencias e corruptelas, que está na lista negra de libros prohibidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.