A falta de credibilidade política. Todo segue igual

Unha das maiores eivas que agocha a clase política gobernante en Galiza e en España é a falta de credibilidade. Algo que estes políticos gañaron a pulso logo dos continuos e reiterados incumprimentos nos compromisos e as promesas electorais. Si Mariano Rajoy é, como demostran todas as evidencias, un caso paradigmático case enfermizo, Alberto Núñez Feijoo non lle vai á zaga e aí están as hemerotecas para demostralo. O mesmo que as enquisas máis fiables que non deixan de pór en evidencia a escasa credibilidade que entre os cidadáns galegos e españois teñen as promesas dos seus políticos.

Co gallo do discurso de investidura a presidente da Xunta de Galiza -8 de novembro- volve pasar o mesmo. Non só porque o discurso de A. Núñez Feijoo fora moi pobre e inconcreto senón porque a maioría das súas escasas promesas ben non son cribles ben non son viables. De novo vese o enorme prexuízo que para o bo funcionamento democrático das institucións teñen as maiorías absolutas: os gobernantes non se preocupan nin pola viabilidade nin pola credibilidade das súas promesas e os seus compromisos.

Que logo de dúas lexislaturas nas que puidemos ver como Núñez Feijoo, apoiado na maioría absoluta do seu partido (PP), ninguneou sen piedade tanto a oposición como o propio Parlamento de Galiza –actuando moitas das veces con enorme soberbia-, pida agora a oposición -cando de novo volve contar cunha maioría absoluta- o  “traballar xuntos e chegar a pactos”, estamos diante dunha petición que non ten credibilidade ningunha. Agás que entenda que iso supón apoiar todas e cada unha das súas decisións e de xeito incondicional. Mágoa desta falta de credibilidade, porque os gravísimos problemas que agochan tanto a economía como a sociedade galega requiren para a súa solución de grandes consensos e acordos.

Que credibilidade pode ter unha chamada ao consenso para conseguir unha reforma do sistema financeiro autonómico por quen no seu día foi un adaíl das políticas fortemente centralizadoras do goberno español de quenda (PP)? Unhas políticas que supuxeron tanto un importante recorte das competencias fiscais ás autonomías e aos concellos como da autonomía financeira dos mesmos. Por caso A. Núñez Feijoo non mantivo nas xuntanzas do CPFF (Consello de Política Fiscal e Financeira) unha postura de incondicional apoio ás propostas fiscais do goberno central (PP) que supuxeron trasladar a maior parte dos axustes fiscais (75%) ás autonomías e aos concellos que viron así recortados os seus recursos, moi especialmente os destinados as funcións publicas de benestar? Non foi tamén A. Núñez Feijoo un dos lideres autonómicos mais destacados na defensa tanto da Lei de Estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira coma da chamada Lei Montoro –Lei de Racionalización e sostenibilidade da administración local- que, en definitiva, veñen obrigar aos concellos e as autonomías a condicionar as súas políticas fiscais priorizando o pago da débeda? O que supón, nin mais nin menos, poñer os intereses dos bancos por riba dos intereses e as necesidades dos cidadáns. Como logo de ese comportamento autoritario e centralista pode resultar agora crible esta chamada ao consenso para, nada máis e nada menos, conseguir unha reforma do sistema financeiro autonómico?

Por outra parte, non deixa de ser rechamante que quen fixo o maior axuste fiscal da historia da autonomía de Galiza (2.000 millóns de euros, equivalentes ao 15%) ofreza agora un incremento do gasto público avaliado en 250 millóns de euros (2,5%), nunha senda con “contas expansivas todos os anos”. Unha proposta que non deixa de ser un sarcasmo. Unha promesa que se acompaña doutra xa recorrente dos neoliberais: unha baixada de impostos nesta nova lexislatura. Como nos demostra abondosamente a historia, cando os neoliberais falan de baixar os impostos e de subir o gasto público, adoitan suceder tres cousas: 1º. Que se produce, si, unha baixada de impostos pero que beneficia maiormente ás clases de rendas altas –os ricos-, 2º. Que ao tempo o que sucede é o contrario, que soben os impostos indirectos en prexuízo das clases de rendas baixas, 3.

Que sobe a débeda pública. Falando de impostos resulta moi significativo que A. Núñez Feijoo non fixera referencia ningunha a un dos maiores problemas fiscais de Galiza e de España: a fraude fiscal. Unha fraude que en Galiza supera os 8.000 millóns de euros anuais e que nun 80% procede dos cidadáns de rendas altas. Un problema fiscal sistémico que agudiza os problemas nas finanzas das autonomías e do goberno central. Tampouco fixo, loxicamente, ningunha referencia á adopción de medidas a prol dunha maior xustiza fiscal, outra das debilidades do sistema fiscal galego e do español, xa que se as rendas do traballo supoñen o 44,5% da riqueza, en cambio achegan o 80% dos ingresos fiscais dado que as rendas do capital defraudan moito e pagan poucos impostos. O de impostos cero para os mozos? ….. un novo brinde ao sol. O que os mozos e as mozas galegas precisan non son rebaixas fiscais senón traballo, para así non ter que emigrar!

Quen coas súas políticas de recorte do gasto público está a provocar unha auténtica desfeita nos servizos públicos de benestar (sanidade, ensino, dependencia, familia …) ao tempo que unha intensa penetración do capital privado fale de protexer os servizos públicos carece de credibilidade. Pensa, xa que logo, devolver os servizos públicos de benestar á situación financeira anterior á gran crise. Con que recursos?. Devolverá ao publico todo aquilo que privatizou e/ou desmantelou?

Por se non foran nada cribles as súas promesas agora A. Núñez Feijoo fala de crear nesta lexislatura entre 80.000 e 100.000 empregos e situar a taxa de paro por baixo do 10%. Como pensa facelo? Se durante as dúas derradeiras lexislaturas, con el ao fronte da Xunta de Galiza, perdéronse o 45% dos empregos, se anualmente emigran por mor das políticas de austeridade unha media de 8.000 mozos e mozas galegos, se por efecto dos axustes perdéronse en Galiza máis de 6.200 empregos públicos. Agora, coas mesmas políticas fiscais e laborais e sen que haxa sinais cribles de entrar nunha fase expansiva sólida o candidato a Xunta de Galiza dinos que se compromete a crear entre 80 e 100.000 novos postos de traballo nesta lexislatura e a situar a taxa de paro ao nivel de Alemaña. Por se non fora suficiente sarcasmo o candidato a presidencia da Xunta de Galiza fala de crear un emprego de máis calidade cando esas políticas, que el e o seu partido (PP) defenden, fixeron que en Galiza o 31% dos novos empregados teñen un salario inferior ao SMI e un 18,5% dos traballadores galegos estean en risco de pobreza.

Que mágoa de maiorías absolutas que permiten os gobernantes facer promesas que saben que incumprirán ben por que son imposibles coas súas políticas ben por que non teñen ningunha intención de cumprilas.

En relación ás infraestruturas –reforma das autovías- e o medio ambiente       –saneamento das rías galegas e promoción das enerxías renovables-, que dicir das promesas de A. Núñez Feijoo? En relación as autovías so cabe subliñar que a tolemia en que se embarcou a Xunta de Galiza co apoio do goberno central no impulso de novas vías rápidas está levando tanto a un incumprimento dos prazos e os percorridos como -o que resulta mais grave- a un enorme deterioro do territorio galego e un crecemento exponencial da débeda pública. O sistema empregado para o financiamento das vías rápidas –contratos de concesión de obra pública- supón un enorme endebedamento non financeiro que tanto está afectando á sostibilidade das finanzas públicas como á marxe de manobra e capacidade de acción de vindeiros gobernos ao trasladar o custo de construción e financiamento dos investimentos de hoxe a xeracións futuras. Segundo o Consello de Contas, os compromisos futuros da Xunta de Galiza por mor das vías rápidas que se están construíndo en Galiza superan os 3.000 millóns de euros. Non deixa tamén de ser un sarcasmo que quen refuga do acordo de París e do protocolo de Kyoto diga que vai traballar na redución das emisións de CO2

Falando de débedas públicas botamos en falla no discurso do candidato unha explicación de como pensa parar a bola de neve da débeda pública galega: logo dos duros axustes fiscais a débeda pública galega pasou de 4.900 millóns de euros (2009) a 10.300 millóns de euros (2015). Todo iso logo de ter pagado –entre xuros e amortizacións- mais de 9.000 millóns de euros –o dobre do valor inicial da débeda-. Unha política que converte a Xunta de Galiza en –voluntariamente- refén dos bancos e que pon o negocio bancario –a través da estafa da débeda pública-  por riba das necesidades do conxunto da cidadanía galega –que precisa do financiamento dos servizos públicos e o emprego-. Unha Xunta de Galiza que retira recursos públicos dos servizos básicos para dárllelos aos bancos.

Finalmente, e deixando a un lado outras promesas non cribles, hai que referirse a importantes e destacadas carencias no discurso de investidura de A. Núñez Feijoo: unha referencia aos damnificados polas políticas de austeridade. En primeiro lugar, e como mostra da súa escasa sensibilidade social, chama a atención que non faga ningunha referencia aos centos de miles de familias galegas (25% segundo os cálculos mais optimistas) que están en risco de exclusión social porque teñen enormes dificultades para chegar a fin de mes e carecen de recursos suficientes para cubrir as necesidades básicas –alimentación, vestido, vivenda-. Familias moitas delas con nenos en risco de desnutrición. Tamén botamos en falla algún tipo de sinal positivo e de esperanza para as miles de familias xa desafiuzadas ou en risco de desafiuzamento: unha media de 2.000 familias son desafiuzadas en Galiza cada ano.

Por certo, falando de carencias: non atopo por ningures proposta ningunha referente a unha reforma do sistema bancario galego. Algo imprescindible se se quere recuperar a oferta monetaria e así atender as necesidades de financiamento das familias, as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo.

Son, xa que logo, moitas as insuficiencias e as carencias do discurso da nova investidura de A. Núñez Feijoo a presidencia da Xunta de Galiza. Como é moita a falta de credibilidade das súas promesas vistos os antecedentes. Pero son poucas as dúbidas de que á maioría dos/as galegos/as –moi especialmente os de rendas medias e baixas- lles espera unha lexislatura, de novo, dura e difícil con políticas que seguirán turrando dos intereses dos galegos de rendas altas ao tempo que prexudicarán aos de rendas medias e baixas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.