0 Gardados para despois

Carme Adán

Entre vítimas e culpas

Esa saia é demasiado curta. Vas moi pintada. Non son horas para que unha moza ande por aí. Algo farías. Andas provocando e logo…

Hai frases que nos acompañan desde cativas. Pode que non as escoitaramos nunca en primeira persoa ou que de tanto ouvilas ficaramos xordas. Tanto ten. Están pegadas a nosa pel de nenas, mozas e mulleres. Son a transformación en fonemas de séculos de autoculpabilización das mulleres pola violencia que sofren. Son a destilación verbal de séculos de control e dominación, ás veces, enmascarado de amor romántico e, ás veces, espido baixo as formas da relixión ou da tradición.

Unha das súas maiores características é que flotan no aire agardando a ser invocadas para desatar todo o seu poder devastador. Hai un violador en Lugo e a policía recomenda ás mulleres que non camiñen soas. A responsabilidade de novo no lado das mulleres, por ir soas, por levar a saia curta, por pintarse en exceso, por pretender ser libres… vamos, por vivir. A policía podía ter considerado redobrar a vixilancia, pedir reforzos como se dunha manifestación se tratase, sacar un comunicado para que as mulleres se sentisen seguras animándoas  a sair a plantarlle cara ao agresor… mais non, decide pedirlle as mulleres que de novo volvan a culparse por camiñar soas. As rúas non lle pertencen de seu. No fondo seguen a ser unhas intrusas no espazo público, o agresor lémbrallelo e as forzas de seguridade tamén.

A culpa que sente unha nena, unha moza, unha muller logo dunha agresión sexual aséntase na complicidade dunha sociedade que saca os lazos violetas no mes de novembro e garda os minutos de silencio rituais despois dun asasinato, mentres apoia sen cuestionar a penalización social da vítima. Seguro que moitas persoas que ledes este artigo pensades que as cousas mudaron moito, non penso negalo porque anos de activismo feminista na rúa, lexislación e abordaxe da violencia machista forman parte do inicio dunha forte transformación social que agardamos sexa imparábel. Sen embargo, ficar paralizadas pola culpa durante días, se cadra anos, é a peaxe que pagamos moitas mulleres nunha sociedade onde a violencia habita nas rúas e nas casas. Desde os tranquilos corredores da nenez que agochan as coñecidas mans de familiares ou amigos até o anonimato das alamedas desertas de madrugada a vivencia dunha agresión sexual ten moito de autoinculpación só por ser nena, por ser muller.

Estamos diante dun novo 25 de novembro.  Outra vez xornadas, lemas, charlas, vídeos, lazos,  campañas… farán que moita xente reflexione un instante ou uns minutos sobre iso da violencia contra as mulleres. Mais no día a día mentres lle digamos a unha nena, a unha moza ou a unha muller que depende dela non ser agredida o patriarcado seguirá fabricando gaiolas invisíbeis cos nosos medos.

Acerca de Carme Adán

Doutora en filosofía pola USC. Catedrática de filosofía de ensino secundario. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía entre os anos 1999 e 2005. En 2003 publica “Feminismo e Coñecemento”. Secretaria xeral de Igualdade (2005-2009) da Xunta e deputada do Parlamento galego polo BNG ata 2016.