O carril bici de Pamplona e outras utopías

Nun pleno do concello de Pamplona celebrado días atrás, onde se debatía unha proposta de Pamplona En Común sobre ampliar el carril bici da cidade, o concelleiro de UPN Juan José Echevarría xustificou o seu voto contrario coa seguinte argumentación: "As utopías, esas que a vostede lle gustan tanto, conduciron á URSS, á Unión Soviética, a Siberia, aos campos de concentración, a 20 millóns de mortos, si, si... as súas utopías, si, as súas, a iso conduce a utopía. Logo, chegan os talibáns e esas utopías convértense en férreas realidades.” Non sei que dicir. Cando pensas que escoitaches de todo, que xa nada che vai facer regalar os ollos de asombro, pois nada, aparece un Juan José por aí e déixache os ollos birollos para unha boa tempada. O meu maxín desenfreado xuntou unha cousa coa outra e xa me vía percorrendo o carril bici dende Pamplona ata Siberia; pasando por Lalín, faltaría mais. Paul Valery afirmou en certa ocasión que a política era a arte de manter a xente apartada dos asuntos que verdadeiramente lles concernían.

Xa que de utopías se trata, señor Juan José, podemos tamén falar das moitas que hai detrás do libre mercado, que como cre nelas seguro que nin se atreve a cuestionalas. Por exemplo, a famosa soberanía do consumidor, que din vostedes que no mercado o consumidor é o rei, o que mais manda e ordena, o que di que produtos se fan e cales non, que servizos se prestan e cales non. E nun principio puidera parecer que así é. O éxito de programas de tele como “Sálvame” (que ninguén ve, por certo) ou dos botes de Cocacola, responde a que son produtos moi demandados polo consumidor. Pero son eleccións libres, conscientes e responsables? Na Unión Soviética de Juan José, o universo de consumo debía ser moi limitado e pouco poderías escoller; incluso no Cadrón da miña infancia, que non era ningunha república soviética, tampouco vaiades pensar que había moito onde escoller: se non che entraba o caldo de verzas tiñas un pe no camposanto. Pero insisto, na fermosa economía de mercado española, son as decisións de Juan José libres, conscientes e responsables?

A asoballante maquinaria da publicidade comercial moderna emite con teimosía unha mensaxe única: a felicidade consiste en mercar cousas. Cos medios mais refinados e coa axuda de investigacións de tódalas disciplinas científicas -psicoloxía, psiquiatría, socioloxía, semiótica, lingüística, estadística....), a publicidade desentraña os nosos mais profundos desexos, descobre as nosas debilidades ocultas e puntos febles coa esperanza de poder influír nos nosos actos de consumo. Unha axencia de Chicago chegou a estudar o ciclo menstrual da ama de casa e as súas consecuencias psicolóxicas co fin de determinar como aguilloala para mercar certos produtos alimenticios. As imaxes subliminais diríxense ao noso subconsciente e desatrancan a nosa defensa crítica. O desenvolvemento da telecompra nos anos 90 (mando a distancia e tarxeta de crédito) e a Internet nos tempos actuais (tendas virtuais, ordenadores, teléfonos móbiles) suscita pulsións de adquisición instantáneas. As estratexias preparadas nas grandes superficies comerciais para facer caer ao consumidor son asombrosas. Téñense construído hipermercados-laboratorio co fin de estudar polo miúdo as condutas de compra: espreitando os seus acenos a través de espellos sen azougue, o percorrido que fai, as súas paradas, as súas dúbidas, o camiño que segue a súa mirada polos estantes dos produtos (gravado polo Eye Movement Recorder)... E todas estas observacións sobre as motivacións de compra van permitir, coa colaboración de arquitectos, decoradores e iluminadores, modelar os espazos comerciais para estimular o consumo. Lonxitude dos corredores, tamaño dos andeis, localización dos produtos, iluminación, cores, ..., todo está calculado para que o cliente se mova mais devagar, se deteña perante un máximo de produtos e que, ademais do imprescindible, merque tamén o superfluo. Que os electrodomésticos adoiten estar situados na entrada dos almacéns, non é porque así lle cadrou: o carro da compra debe estar baleiro para poder meter nel un embalaxe grande, e o seu prezo servirá de referencia, xa que todo o que veña despois parecerá mais barato.

Así as cousas, é realmente o consumidor o rei do mercado? Hai que ter moita fe para crer no que non vemos, porque a soberanía do consumidor mais ben semella unha monarquía de atrezzo ou cartón pedra, onde o consumidor reina así coma quen, pero quen goberna é o lado produtor da economía. Son os produtores os máximos interesados en que a felicidade consista en mercar cousas, porque así non só encherán os petos de cartos, senón que estarán producindo literalmente felicidade a darlle cun pau. Pode haber algo mais fermoso?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.