Inditex sabe navegar na mundialización neoliberal

Polos resultados económicos obtidos nos derradeiros anos, mesmo ao longo desta interminable crise, non cabe dúbidas de que a sociedade multinacional galega Inditex é unha empresa de éxito e que o empresario galego Amancio Ortega é tamén un empresario de éxito. Non debe resultar estraño, xa que logo, que se fagan diferentes avaliacións particulares encol dalgunhas das razóns que explican estes indiscutibles éxitos económicos e comerciais.

Empecemos por sinalar que entre os fenómenos mais característicos da actual mundialización económica neoliberal cabe destacar os cambios habidos tanto na produción como no mercado laboral. No ámbito da produción a mundialización económica e comercial abriu a porta a unha crecente fragmentación da produción que facilita a separación dos procesos produtivos facendo posible que distintas partes dun produto se fabriquen nun país e ensámblense e comercialícense noutro. O través destas novas formas de realizar a produción que lograron unha maior flexibilidade, competitividade e un mercado cada vez mais globalizado, tense que os patróns de industrialización imperantes deica os anos setenta se viran modificados mediante un proceso de reestruturación que é recoñecido por múltiples aspectos, entre os que destaca sobre todo a flexibilización social do traballo. Unha fragmentación da produción que no caso da confección téxtil se acompaña dunha deslocalización de parte da mesma, un xeito de outsourcing que consiste en separar os lugares de produción dos de consumo: fabricar alí onde é menos caro e hai menos obrigas (laborais, sanitarias, ecolóxicas e outras) e vender onde existe poder de compra.

Inditex, por caso, divide a produción entre distintos procesos realizados en diferentes lugares: o deseño e a patronaxe (elaboración do modelo) faise preferentemente nos centros españois (Zara en Arteixo) para posteriormente, unha vez aprobado o patrón industrial proceder a súa produción en grande escala no exterior segundo prenda (Marrocos, Portugal, China, India, Bangladesh….). Unha vez fabricada a prenda regresa a España ás plataformas loxísticas de distribución que proceden a revisión do produto, o planchado e o embolsado previos ao seu traslado ás tendas que nun 65% están cubicadas en Europa. Un eficaz sistema de separación dos procesos de produción moi característico da actual mundialización.

Isto supón para Inditex un grande abaratamento de custos, pois nos estados do Sur as condicións laborais son peores, os salarios mais baixos, as xornadas mais prolongadas e, con frecuencia, os custos do material, do equipo e das ferramentas corren a cargo dos talleres contratados onde, incluso, pode haberen empregados nenos/as. Velaí que sexan cada vez mais frecuentes as denuncias sobre as condicións laborais nestes talleres de confección téxtil. Segundo os datos de que dispoñemos unha elevada porcentaxe (>50%) da produción de Inditex-Zara faise mediante subcontratación externa (Marrocos, China, India, Bangladesh ….) quen facilita unha grande diferenza de custos con Galiza e España tal que poden ir dende 1 a 9 (Marrocos) a 1 a 18 (India, Bangladesh..).

Como era previsible nunha sociedade de tal dimensión, Inditex acode cada vez con maior intensidade ao uso das novas tecnoloxías, e mais en concreto ao traballo autoprogramable por ordenador e a conexión interna por Internet. Un sistema que lle permite un enorme aforro de tempo e de diñeiro. Así, e a xeito de exemplo, mediante a dixitalización de patróns, a empresa consegue un grande aforro de material e de tempo, un máximo aproveitamento do material e unha nova e mellor configuración dos deseños. Todo elo tradúcese nun enorme incremento da produtividade. Un sistema que tamén lle permite manteren unha rede interna de información rápida sobre a situación a nivel internacional do mercado téxtil tal que posibilita a fabricación just-in-time que permite unha mellor adecuación da oferta a demanda de cada momento.

Todos estes cambios na produción e na organización do traballo que favorece a mundialización neoliberal están inmersos na lóxica da división internacional do traballo cuxo fundamento é a redución dos custos de produción para unha maior ganancia. Non hai lugar a dúbidas de que Inditex-Zara sabe aproveitar con indubidable éxito empresarial tódalas vantaxes que a mundialización económica neoliberal lle ofrece as empresas manufactureiras multinacionais como ela mesma   –Inditex, Benetton, Levi-Strauss, Adlas, Burton…-.

Unhas vantaxes que a mundialización neoliberal tamén estende ao ameto da fiscalización, ao pago de impostos especialmente cando se trata de grandes fortunas como o caso que nos ocupa. Como é ben sabido a auxe da mundialización neoliberal trouxo consigo un forte impulso dos paraísos fiscais nos que grandes fortunas atopan refugo e amparo escapando as normas tributarias dos seus países e, xa que logo, evitando o pago de impostos. Uns territorios off-shore onde o número de empresas domiciliadas ligadas a Zara-Inditex medra cos anos: de 13 sociedades no ano 2009 pasaron a 20 no 2013 pero, con seguridade, na actualidade serán algunhas mais. Sociedades cuxa actividade neses territorios non ten nada que ver coa confección téxtil pero si moito coa enxeñería financeira. Grazas as mesmas esta multinacional do téxtil, aproveitando a liberdade de movementos de capitais que promove a mundialización neoliberal, logrou recentemente transferir case 2.000 millóns de dólares a unha empresa que pertence ao grupo -ITX Merken- que, amais de estar domiciliada nun paraíso fiscal, opera en Holanda e Suíza onde a fiscalizade para as sociedades e moito mais benigna. Segundo algunhas fontes (Bloomberg News) por este procedemento Zara-Inditex evitou o pago de mais de 325 millóns de dólares en impostos nos derradeiros anos.

As tácticas seguidas polo grupo, como sucede con outras multinacionais, para evitar o pago de impostos son os chamados dobre irlandés e/ou sándwich holandés. “Quizás o mais coñecido sexa o dobre irlandés: como é sabido en Irlanda o tipo do Imposto de Sociedades é do 12,5% e, ademais, a súa lexislación posibilita en boa medida o traslado de beneficios das empresas deica territorios de escasa ou nula tributación. Por exemplo, para que unha empresa galega, ou española, poda beneficiarse deste fiscalizade mais vantaxosa bástalle con crear dúas empresas irlandesas. Unha destas empresas tería a súa sede nun paraíso fiscal, e posuiría os dereitos internacionais da propiedade intelectual. A outra sociedade, con sede en Irlanda, sería a que vendería ao resto do mundo, pagándolle a primeira por eses dereitos. Deste xeito, e trasladando a sociedade española a práctica totalidade dos beneficios da radicada en Irlanda, e esta a súa vez, a través do pago dos dereitos, facendo o mesmo deica a radicada no paraíso fiscal, o resultado é que a maioría dos beneficios ou non tributarían ou faríano escasamente, mentres que unha pequena parte faríao en Irlanda ao 12,5%” (Carlos Cruzado (Gestha):”As multinacionais e as súas vacacións fiscais”. Tempos Novos xullo 2015).

Por outro lado está o sándwich holandés que é aínda un pouco mais rebuscado que o anterior. O seu obxectivo é, combinado co dobre irlandés, evitar incluso o pago desa pequena parte de impostos en Irlanda aproveitando que a lei irlandesa permite que o pago de roialties estean exentos do Imposto de Sociedades si se pagan a outra empresa. Grazas a esta realidade fiscal, Zara-Inditex pode “crear unha sociedade en Holanda que cobra roialties por utilizala propiedade intelectual da sociedade con sede en Irlanda e logo transferir o 99% do que recibe a sociedade cubicada noutro paraíso fiscal. En definitiva terá residenciando a case totalidade dos beneficios finalmente en dous paraísos fiscais, eludindo o pago de impostos nos países onde realmente se xeraron os ingresos”  (Carlos Cruzado (Gestha):”As multinacionais…..”). Vantaxes da mundialización neoliberal.

O fenómeno Inditex ten tamén outras caras e non tan favorables para o conxunto do sector galego de confección téxtil. Inditex creou un modelo empresarial de éxito (nas áreas de produción e distribución principalmente) tal que moitos creadores galegos e españois tradicionais tentaron de imitar. Un modelo que, nembargante, foinos separando das súas orixes, cando eran artesáns de pret a porte, e rematou levándoos a ruína. Algo do que non se pode acusar a Inditex pero que si é consecuencia da súa irrupción no sector: o seu éxito é a ruína doutros. “Un modelo empresarial de éxito que se beneficia da falta de novos creadores fora das grandes sinaturas: é imposible, para as pequenas sinaturas, competer nestas condicións e chegar a xente. A velocidade a que producen as prendas as grandes sinaturas, e as rebaixas nos custos que conseguen, colócanas no mercado cunha enorme vantaxe nos prezos e no tempo fronte ao que os pequenos creadores non poden competir a pesares do seu sobreesforzo que, polo contra, fai que na maioría dos casos rematen queimados” (Rosana Berruga: “O milagre da téxtil galega”. Tempos Novos, xullo 2015)

As distintas sinaturas de Inditex poñen no primeiro lugar de importancia a imaxe. “Se na moda de vestir a feitura, e execución, a calidade e a duración así como outras características moitas veces indispensables nos tecidos son moi importantes, no modelo Inditex estas pasan a un segundo cando non a un terceiro plano. Prodúcese así unha perda do concepto de prenda ben feita, de prenda duradeira. Deste xeito desaparece o que era termo medio e cando o/a cliente quere unha prenda de fondo do armario ten que irse a marcas de luxo o que, nin sequera nestes casos, é unha garantía de calidade. Inditex nunca foi pioneira nestas liñas de produto. Limitase a captar, dun xeito moi eficaz ben é certo, os diferentes cambios de tendencia nas demandas do consumidor, como por caso nos últimos tempos os conceptos de produto ecolóxico, de fabricación sostible ou de código ético. Pero, non crea tendencias senón que as caza e as axeita convenientemente aos seus intereses. Este é o modelo de Inditex, un modelo empresarial de éxito sen lugar as dúbidas. Pero un modelo de confección téxtil no que os conceptos de prenda ben feita ou prenda duradeira non teñen cabida” (Rosana Berruga: “O milagre……)

E ben certo que Galiza pode presumir hoxe de ter a mais grande multinacional do sector da confección téxtil e de que o home mais rico do mundo é un galego. Pero os galegos tamén podemos preguntarnos: en que se beneficia realmente Galiza, a nivel de riqueza, emprego, fiscalizade, de todo iso?. Mentres Inditex bate récords de beneficios o sector téxtil galego non para de perder empregos e de pechar talleres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.