0 Gardados para despois

Carme Adán

Sobrevivir, vivir

Sobrevivir

Nun cuarto de hospital unha muller acoitelada explica entre bagoas a outra muller que o que máis lle doe e que agora o saben todos. Xa non é posíbel ocultar máis o inferno no que vivía. Cando vaia ao supermercado o saberá a caixeira, a mestra dos nenos, a perruqueira, os seus pais, os seus fillos, as primas… O mundo…

Nun cuarto de hospital unha muller vestida de secretaria xeral de Igualdade, escoita e mira a outra muller. Ao pouco fica espida e confesa que foi vítima de agresión sexual na infancia e non é quen de contalo,  nin de  compartilo. Só silencio. Choran.

Pouco importan os detalles, tanto das agresións de violencia machista como da conversa. O importante é que hoxe as compartimos ao fío da campaña #PrimAcoso. Campaña que anima ás mulleres a denunciar nas redes sociais a primeira vez que viviron, ou que lembran ter vivido, o acoso dos seus amigos, compañeiros ou quen for. A campaña funciona como un zoom que amplía o silencio cotián das mulleres. Obriga a mirar e ver o que está diante dos ollos. As nenas, as mozas, as mulleres calamos. Por que? Ben fácil, séculos de silencio ensinan moito.

Denunciar é algo máis que ir a un xulgado. Denunciar é poder dicir sen vergoña. Ter claro que enfronte existen séculos de prexuízos e desigualdade que xulgarán a túa vida

Pouco máis de tres décadas de palabras, denuncias ou leis sepárannos de agochar, invisibilizar ou normalizar a violencia contra as mulleres. Transitamos en moi pouco tempo dunha penalización social da vítima a un case obrigado “denuncia”. Denunciar é algo máis que ir a un xulgado. Denunciar é poder dicir sen vergoña. Ter claro que enfronte existen séculos de prexuízos e desigualdade que xulgarán a túa vida. Hai pouco máis que unha década as leis ou os xornais aínda empregaban termos como violencia doméstica ou de crimes pasionais… como non van faltar as palabras.

Rachar co silencio é difícil sempre, é difícil para todas. Eu necesitei que pasasen corenta anos,  moitas horas de terapia, un espazo segurizador para construír a verdade e o empurrón dunha campaña institucional para poder falar. Máis que nunca considero a importancia das palabras, de chamar aos feitos polo seu nome, de indagar nunha cartografía política que nos permita resignificar en clave de liberdade persoal e colectiva.

Vivir

Hai poucos anos camiñaba por Compostela cando unha muller maior paroume de súpeto. Despois dunha aperta sincera, escoitei un relato detido sobre os seus últimos anos saíndo dunha situación de décadas de maltrato. Finalizou aquel contar cun resumo inmellorábel: "Despois de tantos anos puiden saír de todo aquilo. Agora estou soa, traballo moito facendo limpezas, pero estou contenta. Vivo".

Por se o voso corazón necesita sabelo, a muller acoitelada do cuarto de hospital logrou vivir. Tamén.

O movemento feminista debe sentirse orgulloso de ter sido quen de mudar conceptos, leis e visións do mundo

O movemento feminista debe sentirse orgulloso de ter sido quen de mudar conceptos, leis e visións do mundo. Creo que é o momento de recoñecérmonos nun traballo colectivo, que vai moito máis alá das etiquetas que utilicemos para definírmonos, desde ideoloxías diferentes, con disensos, con erros e con acertos todas temos tentado sumar. E cando digo todas, quero dicir todas. Debemos sentirnos orgullosas de ter obrigado “ao lexislador” a ter carne, porque as leis, ao igual que os corpos, son historias de dor e superación.

Orgullosas de estar na rúa, nas institucións e chegar até o interior das casas mesmas para seguir creando palabras que nos permitan falar. As cicatrices só indican onde estivemos, non os camiños que temos por diante.

"Vamos a andar
trenzadas de manera
para llegar
que no haya soledad
"

Acerca de Carme Adán

Doutora en filosofía pola USC. Catedrática de filosofía de ensino secundario. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía entre os anos 1999 e 2005. En 2003 publica “Feminismo e Coñecemento”. Secretaria xeral de Igualdade (2005-2009) da Xunta e deputada do Parlamento galego polo BNG ata 2016.