A morte de Rita Barberá e a hipocrisía do PP

A morte dun ser humano sempre é unha traxedia, entre outras cousas porque ese é o final que nos espera a todos tarde ou cedo e, cando sucede un feito luctuoso, ademais da maior ou menor dor que sintamos pola ausencia da persoa en concreto, lémbranos tamén o noso propio destino.

O que me parece de todo punto inaceptable son as declaracións de membros destacados do Partido Popular que, despois de esfolar viva a esta señora, atribuírlle todos os adxectivos cualificativos relacionados coa falta de decencia, dignidade e honradez, despois de deixala máis soa que a unha, facendo como se non a coñecesen e nunca a visen na súa vida, todo iso motivado polas repercusións que puidesen ter nas súas respectivas cadeiras de brazos, agora rachan as vestiduras e amósanse moi compunxidos e chorosos.

Pero de todas as declaracións, a que me causou maior estupefacción é a do Ministro Rafael Catalá que dixo sobre este asunto: "Cada un terá sobre a súa conciencia as barbaridades que dixo sobre Barberá".

Parece ser que o Sr. Catalá, desde o 24 de xullo de 2013, recuperou a conciencia e a conmiseración polo resto dos seres humanos, porque cando sucedeu o accidente do tren de Santiago, con 81 mortos e 144 feridos o que dixo foi: "A industria ferroviaria pode quedar excluída de concursos internacionais". Non tivo unha soa palabra para as vítimas.

De todas as declaracións a que me causou maior estupefacción foi a do señor Catalá. Cando sucedeu o accidente de Santiago, con 81 mortos e 144 feridos, o que dixo foi: "A industria ferroviaria pode quedar excluída de concursos internacionais". Nin unha palabra para as vítimas

Probablemente, ao Sr. Catalá 81 mortos e 144 feridos anónimos parecíanlle e séguenlle parecendo unha "bagatela". A final de contas eran vidas humanas sinxelas e normais, cidadáns aos que ninguén coñecía, que non ocupaban cargos políticos de interese e que, desde logo, para el  a súa morte ou as súas secuelas non parecen revestir a máis mínima importancia. Por iso, ouvir esas declaracións por boca do Sr. Catalá, para nosa desgracia Ministro de Xustiza de España é, sinceramente, vomitivo.

Non sei o peso que terán sobre as conciencias dos dirixentes do PP que se dedicaron a falar da señora Rita Barberá coma se da peste negra se tratase, a pesar de que era a súa compañeira e, nalgúns casos, a súa "amiga", ata que puxo en perigo os seus intereses persoais. Seguramente, máis que ás súas conciencias, afectará á súa imaxe, que é o único que parece importarlles.

Pero se isto fose así e existise unha mínima sombra de conciencia de culpabilidade por iso, cousa que dubido, o Sr. Catalá xa non podería conciliar máis o soño durante todos os anos que queden de vida, non podería mirarse ao espello, porque a imaxe que vería sería a dun lobo salvaxe capaz das peores fechorías, e no seu subconsciente ouviría constantemente as voces de todas esas vítimas que reclaman Xustiza, esa Xustiza que el, o Sr. Catalá, está incapacitado para representar.

*Artigo orixinalmente redactado en castelán pola autora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.