Grazas, Fidel

A Fidel o sumatorio dos seus anos agasallárono con outras cualidades alén da expresión docente dun mestre, que desenvolveu de ben novo. Quizais unha das máis características foi un profundo sentido do humor que quixemos atribuír á circunstancia de ser galego de pai. Brincou ben de veces coa súa propia desaparición e no seu repertorio de citas depositou: “El día que me muera de verdad nadie se lo va a creer”.

A tristura pola morte de Fidel non se relata. Non ten unha lóxica posíbel. Ou se sinte ou non. Non é un novo trámite burocrático co que despedir. Hai quen queda conxelada diante do televisor, hai quen substitúe cunha profunda rabia anticapitalista a súa incapacidade para dicir adeus. Hai quen ten unha compulsiva necesidade de acudir moi de mañá ás súas camaradaxes diversas a través do whatsapp para atopar acochos colectivos ou un certo conforto e calor. Hai quen xoga a escribir para non pensar. Hai quen procura entre os retratos en branco e negro de 1959 e posteriores algunha lembranza política e persoal. Mais o que si se agocha atrás do desacougo inmenso que esta perda nos provoca é unha moi determinada posición de clase e unha moi concreta visión da xustiza social.

Moreas de revolucionarias de todo o mundo sobrepóñense con dificultade á nova da desaparición deste galego-biranés, entre a consternación e a loita interior por non querelo crer, poñendo en valor o éxito das políticas revolucionarias na redistribución do ben común, por moi litimado que este for no material, e desexando poder construír (ou recontruír) coa súas propias mans, un sistema social autóctono e xenuíno pero orientado na mesma dirección. As máis pobres nacións do mundo sinten agora máis do que ninguén como propio o patrimonio herdado da coraxe das cubanas e cubanos a quen representou no conxunto Fidel.

Certos sectores da esquerda acomodaticia occidental sentíron apuro por comezar a matizar e mesmo traer para o obituario contradicións que a propia Revolución Cubana superou con dor

Mais a progresía da Europa Occidental sempre ten a necesidade de morder primeiro. Certos sectores da esquerda acomodaticia occidental sentíron apuro por comezar a matizar. Poñerlle ao relato cubano unha sombriña aquí, tirar daquel vello cliché, ou mesmo traer para o obituario contradicións que a propia Revolución Cubana superou con dor. Porque mentres a esquerda revolucionaria mundial no seu conxunto sinte o deber moral de celebrar o significado que a Revolución Cubana tivo para a humanidade e de despedir ao seu Comandante en Xefe outros, pola súa vez, interesáronse máis en non molestar cos seus discursiños progresistas ao relato cultural hexemónico do benpensante e democrático espolio neoliberal.

Despois dunha morea de anos de derrotas políticas do movemento obreiro, nos que Cuba sostivo coma poucas nacións no mundo a noción da vitoria posíbel, ou da votria-dentro-do-posíbel, houbemos aprender que unha cousa é someter unha concreta situación á crítica transformadora, e outra diferente compracer aos que un 26 de novembro prenderon a máquina do fango contra o país máis libre do mundo actual. Eis a perigosa e fina liña entre a crítica política e o aliñamento co inimigo, que a hai.

É un día triste para os mercaderes da Habana ou do Parque Céspedes en Santiago, ou de calquera outro punto quente do turismo internacional en Cuba. Coa morte de Fidel veñen de ficar sen coartada para adobiar as súas enxeñosas maneiras de estafar ou, se cadra, de sobrevivir

É un día triste para os mercaderes da Habana ou do Parque Céspedes en Santiago, ou de calquera outro punto quente do turismo internacional en Cuba. Coa morte de Fidel veñen de ficar sen coartada para adobiar as súas enxeñosas maneiras de estafar ou, se cadra, de sobrevivir. Mais sobre todo é un día enternecedoramente fodido para todas esas xeracións de cubanas e cubanos que sostiveron con dificultades o facho dunha República Socialista aos pés embrutecidos dun dos imperios máis salvaxes que o mundo debeu coñecer. E a nova é especialmente dura non só pola desaparición humana dun compañeiro, amigo ou camarada, senón porque nin Raúl, ni o Partido, nin o Sindicato, nin os CDR teñen o potencial aglutinador que sempre tivo Fidel.

O pobo cubano vivirá con maior rigor as súas propias contradicións económicas, políticas, sociais e culturais. A caravana co sepelio de Fidel partirá da Habana para Oriente. Nos cafetais desta vella provincia comezou o ascenso dos núcleos guerrileiros cara ao ceo, e puideron tocar coa punta do fusil os soños máis altos. Nos teitos da cidade de Santiago de Cuba onde o Comandante tomará terra para sempre fica pendurada a lenda Santiago es Santiago y juntos venceremos. Agora si, agora definitivamente teremos que o crer. Grazas Fidel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.