Castro na historia

O réxime castrista (certamente unha ditadura) non pode ser comparado, nin na súa xénese nin na súa evolución, cos réximes represivos de Pinochet, Videla ou Franco, que xorden de cadanseus golpes militares contra a legalidade constitucional.  Nin tampouco coa revolución bolxevique de Lenin, que constituíu un golpe violento dunha minoría contra o goberno constitucional ruso. Calquera destes réximes baseouse nunha represión sanguiñenta, no que os mortos se contan por ducias de millares (mesmo por millóns no caso soviético), xa que o que se pretende é a aniquilación dos cadros políticos do adversario. Ninguén pode negar que no  castrismo non houbera represión nin presos políticos, mais os niveis represivos non admiten comparanza ningunha.

Porén, se Castro entrou na historia foi polo xorne popular e interclasista da súa revolución, desenvolvida fronte a ditadura sanguiñenta de Batista, só apoiada pola mafia do xogo e polos terratenentes do azucre. O movemento dos barbudos, como a Fronte Sandinista na Nicaragua do 1979 foi quen de xuntar unha potente coalición de clases medias e populares e elementos intelectuais fronte un ditador odiado que só resiste pola violencia.

Ben é verdade que Castro prometera no 1959 unhas eleccións libres que nunca convocou, coa xustificación  da invasión norteamericana de Playa Girón no 1961. Esta agresión norteamericana obrígalle ao réxime castrista a xogar a tope a carta da URSS como aliado. Castro, entón,  enfrontou a tarefa de construír o seu modelo colectivista e esqueceu o pluralismo.

No 1959 Cuba era un país con certo grao de desenvolvemento que excluía na miseria a un terzo da poboación e onde os analfabetos contábanse por millóns.  A revolución castrista acadou uns niveis sanitarios e educativos propios de Occidente, malia o bloqueo sofrido, nomeadamente intenso dende 1990 por mor da caída da URSS. E, malia os efectos deste bloqueo, acadou que as clases populares desfrutasen, no conxunto destes 57 anos, dun nivel de vida superior ao destes estratos sociais no resto do Caribe e Mesoamérica.

O bloqueo USA blindou toda evolución posíbel do castrismo. Agora o arquivamento da apertura de Obama polo novo presidente Trump pode frustrar unha eventual evolución democrática, desexada tamén por millóns de cubanos que hoxe choran a Castro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.