Andalucía, Galicia, España e o futuro

Rebrota ultimamente o tema de se Andalucía é nación ou non, e non é a primeira vez; nin será a última; xa o verán.  Como galego solidario e respectuoso con eles, pouco teño que dicir, pero direino coloquialmente: non me molesta nada que os andaluces, mentres a min non me pidan cartos, se declaren nación.  Están no seu dereito, e “qui iure suo utitur neminem laedit”, como dicimos os xuristas.  Esto é liberalismo político (único recomendable, pois os liberalismos económico e ético poden diminuír a liberdade): ou sexa, ti goberna a túa vida e eu a miña, como lle dixo unha vella a outra por un buraco da porta; e todos tan amigos. (Hoxe, ninguén ignora que o liberalismo de moda non é “vive e deixa vivir” senón “confórmate coa corrección política”, ou cós obxectivos de déficit, ou os plans da Troika).

Supoño que namentres Andalucía —cuxa historia e identidade son evidentes— siga a ser a icona da españolidade, e mentres siga fortemente subvencionada, non vai plantexar problema serio ningún a España.  O PSOE opera na práctica, como di o meu amigo o Prof. Bastos, como partido nacionalista andaluz (rebáixese o efectismo un pouco se se quere, pero a idea non vai desencamiñada: sen dúbida é o partido que defende Andalucía). O peso e protagonismo de Andalucía en España son moi grandes, e considerada como comunidade autónoma xa desbancou a Galicia do terceiro posto.  Se os cataláns tiveran ese protagonismo, e recibiran esa morea de cartos, e se a imaxe de España fora Cataluña, dubido que teimaran tanto pola independencia.  Pero ambas as dúas cousas —ser a imaxe de España e recibir fondos— poderían algún día mudar.  Na Europa de hoxe, ese “protectorado alemán tolo por falar inglés” chamado España xa non aposta tanto polo toureo como por “La Roja”, e algún día poderían escasear os cartos.

Sexa como sexa, tírase de aquí unha cousa importante, aínda que nada nova: que nas mans dos galegos estará afundir, ou non, a Galicia, pero non salvar nin soldar a España, fagamos o que fagamos, renunciemos ou non a toda pretensión de autogoberno, como semella pretender o Feijóo; renunciemos a cultura e identidade ou non.  Sería sacrificarse por fume. Se Galicia desaparecese no mar, e así a homoxeneidade fora máis doada de conseguir, o futuro de España non ía estar máis seguro en absoluto.  E eso é extensivo a boa parte do territorio español situada no oeste dunha liña imaxinaria de Euskadi a Huelva: León, Palencia, Cáceres, e mesmo tal vez á outrora importante e rica Asturias: non contan, non contamos gran cousa.  España éche así.

O proxecto españolista e máis feijooista de reducir o pouco autogoberno que haxa na Galicia e diluír toda posible nacionalidade galega, é un ir cara ningures. Nin enfortece a asendereada España, nin mellora a saúde do idioma español, nin fornece unha cousa que España precisa como o osíxeno: un sentido, un propósito (nisto pásalle, aproximadamente, como á UE).  Servirá, tal vez, para afondar na desigualdade territorial e aumentar o PIB e poboación de Madrid. Ou para que os xefes de Feijóo no PP-Madrid algún día o promocionen a máis altos destino a carón da Cibeles.

¿Ou nin para eso?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.