A morte de Fidel nos medios: Verdades coma balas

Doe. A moitos. O feito de que a túa condición humana, as portas que abren e fechan diante túa, ou o valor que tes para a xente, non dependan da cantidade de billetes que sacas da carteira. Dóelles. E moito.

Vou ser directo. É moi fácil falar de democracia, de dereitos e liberdades desde a comodidade do tertuliano. Provócanme bastante graza este tipo de persoas que se fan chamar "constitucionalistas" e reparten diariamente leccións sobre a vantaxe que España ten en materia de liberdade e dereitos fundamentais con respecto ás terribles repúblicas bananerocastristas-bolivarianas. Neste caso particular refírome a Cuba. E refírome aos columnistas do diario La Voz de Galicia Gonzalo Bareño e Roberto Blanco Valdés.

Non se preocupen, señores, non lles acusarei de ningunha sorte de conspiración xudeomasónica coa CIA para desprestixiar a imaxe de Cuba en columnas pagas con dólares norteamericanos. Máis quixesen. Aínda sendo catedrático, señor Valdés, non o len a vostede nin na súa casa. Refírome ao seu xornal. Ese mesmo que leva décadas vivindo das rendas dunha Xunta de Galicia que retroalimenta con subvencións ao medio que lle serve de altofalante. Como vai falar mal este xornal dunha institución que lle outorga sumas anuais que chegaron a alcanzar practicamente o millón de euros no ano 2010 (datos do Boletín Oficial do Estado), 700.000 euros máis que, por exemplo, Faro de Vigo. Da mesma forma que non vai falar mal dunha gran superficie que pon centos de miles de euros en publicidade, aínda que se dea algún escándalo no seu seo. Onde está entón a liberdade de expresión dos seus xornalistas?

Pero volvendo ao tema de Cuba, para Bareño, por exemplo, parece que en España «hay una mayoría de medios y partidos que simpatizan con el comunismo estalinista», cando non facemos máis que ver portadas e faladoiros nos que se fala de Fidel Castro como o peor ditador desde que o mundo é mundo. O rojo do saco. O coco caribeño. O terrible asasino que ademais de conspirar para matar a Kennedy (ou foi á inversa?), axudou a Manolo o electricista a meter no seu galpón o Códice Calixtino. E sabe deus o número de desgrazas das que é responsable xunto a Corea do Norte e Satanás e aínda non coñecemos. Supoño que o señor Bareño referírese a eses xornais -os menos- que, como fixo a ONU, recoñeceron a Castro como un símbolo da solidariedade mundial. Eses medios que eloxiaron os logros do castrismo e á vez quixeron sinalar as deficiencias do propio sistema que, como absolutamente todos, é imperfecto. Logo están os que só cospen odio nas súas palabras, como estes columnistas.

Nun ton máis irónico e arrogante expresouse o día 27 o profesor Roberto Blanco Valdés, quen non dubidou en, ao máis puro estilo Pérez-Reverte, outorgarse a autoridade moral de xulgar como inferiores a todos eses izquierdosos que viven cegados polo seu idealismo: «(...) «(...)  el mito de Fidel ha resultado tan potente como para encandilar a millones de personas, que, subyugadas por una absoluta fantasía, han demostrado durante años y años ser incapaces de ver, o de aceptar, la realidad que se esconde detrás de todo ese grotesco teatrillo: una terrible dictadura y una sociedad que, paralizada por un patológico culto a la personalidad, ha soportado decenios de autoritarismo y de miseria».

Ao contrario que Gonzalo Bareño (que foi hai 25 anos co seu cartafol forrado coa imaxe do Ché e non se sabe se volveu -interesarse pola illa-), eu non estiven en Cuba, e non me sinto coa autoridade de falar pola súa xente, como vostedes fan a diario. Pero o que si sei e sinto, é carraxe. Carraxe ao ver como estes catedráticos do show mediático son capaces de sacar peito en materia de dereitos e liberdades con respecto a Cuba desde un país que presenta serias carencias tanto duns como doutros. E é que desde a súa poltrona de billetes gañados a través dunha insulsa berborrea, señor Valdés, o seu "Ojo Público" non é capaz de apreciar a realidade. Convídoo encarecidamente a que pase unha noite nun dos moitos CIEs do Estado español, eses espazos de apartheid exentos de legalidade onde os dereitos humanos soan como un rumor ao lonxe; a que dea un paseo pola fronteira de Melilla e tente sortear as súas concertinas ou a que conte os metros de cola dos comedores sociais. Convídolle a que explique aos 2,3 millóns de nenos e nenas que viven baixo o limiar da pobreza en España, coa mesma clarividencia coa que critica o sistema cubano, por que esa noite non van cear ("Demagoxiaaa!, Populismo! uh... Vai pra Cuba!"). As verdades doen coma balas.

Pero o que a vostedes, amigos, realmente lles doe, non ten que ver tanto con Fidel Castro, coa opinión do mundo cara a súa figura ou co legado que vaia deixar e o futuro de Cuba. Non. O que lles doe é que nestes países, a liberdade non cha dá un billete. Os cartos que desbalda La Voz polas súas columnas non lles daría o respecto das súas xentes. Cos seus lustrosos traxes de marca e a súa "posición social", non terían o título de intocables. Ao contrario que en España, a súa condición de seres humanos non se mide pola cantidade de ceros da súa conta corrente. E iso, aos que cobran por unha columna o que un bolseiro por un ano de traballo, férelles profundamente.

Por iso, aos que consideramos que a liberdade está en poder comer todos os días, en poder acceder á Universidade de forma gratuíta e en vivir con dignidade, e non en decidir se compro Lacoste ou Ralph Lauren mentres na miña rúa dormen corenta persoas sen teito, Fidel Castro perdurará coma un exemplo de que, ás veces, os ideais gañan aos billetes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.