Cando a solidariedade se torna hipocrisía

Un total de vintecinco ONG’s veñen de realizar o pasado venres, 8 de xuño, o acto central da campaña SOMOS. A acción visíbel desta iniciativa era saír á rúa cunha prenda ou complemento do revés a xeito de “homenaxe ao colaborador actual” destas organizacións e un convite a novas persoas “para que se sumen ao soño de cambiar o mundo”. 

A campaña en si é moi cuestionábel dende o momento no que ao feixe de ONG’s que a impulsan se suman, en calidade de patrocinadoras ou colaboradoras, empresas de dubidosa reputación en materia de defensa dos dereitos das traballadoras

A campaña en si é moi cuestionábel dende o momento no que ao feixe de ONG’s que a impulsan se suman, en calidade de patrocinadoras ou colaboradoras, empresas de dubidosa reputación en materia de defensa dos dereitos das traballadoras/es, do medio natural ou dos dereitos dos pobos indíxenas. Entidades con escaso cumprimento no seu día a día, máis aló das palabras vacías que agochan os informes de RSE (Responsabilidade Social Empresarial) ou RSC (Responsabilidade Social Corporativa), dos valores que defenden as ONG’s que impulsan esta acción.

Na nómina de firmas que apoian a iniciativa atópanse empresas téxtiles cuxos provedores en Tánger, segundo datos da campaña Ropa limpia coordinada por Setem, someten ás súas traballadoras a condicións de vida e laborais precarias con exceso de horas de traballo, baixos salarios, obstáculos á acción sindical, non remuneración das horas extraordinarias… Entidades financeiras que invirten inxentes cantidades de diñeiro no sector armamentístico e máis en empresas contaminantes, segundo vén denunciando de xeito reiterado a campaña Banco Santander sense armes. Ou empresas eléctricas e de telecomunicacións denunciadas perante o Tribunal Permanente de los Pueblos (TPP) por xogar un papel negativo nas condicións de vida da poboación dos países do sur nos que se asentan e atentar de xeito reiterado contra os dereitos sociais e ambientais.

Cuestionábel é tamén que o conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, se sume a esta campaña, chaqueta do revés incluída, cando forma parte dun executivo que no ano 2011 aplicou un recorte do 40% nas axudas á cooperación

Cuestionábel é tamén que o conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, se sume a esta campaña, chaqueta do revés incluída, cando forma parte dun executivo que no ano 2011 aplicou un recorte do 40% nas axudas á cooperación e ao desenvolvemento, tal e como denunciou no Praza do 18 de marzo de 2012 a Coordinadora Galega de ONGD’s.

En galego actitudes coma esta non se denominan solidariedade senón hipocrisía. E a hipocrisía non pode ter cabida nin en quen practica a política representativa nin entre quen leva a cabo accións políticas, no sentido de transformación social, como é o caso das ONGD’s.

O barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de maio recolle que un 89,7% da cidadanía considera que a situación política é regular, mala ou moi mala; á pregunta de se experimentará unha melloría no prazo dun ano, a resposta dun 70,6% é que a situación será igual ou incluso peor. No relativo á confianza que inspiran os máximos responsábeis das dúas formacións maioritarias no conxunto do Estado (dos únicos dos que ofrece datos concretos o estudo do CIS do mes de abril), as cifras non deixan moito lugar ao alento: un 71,6% ten pouca ou ningunha confianza en Mariano Rajoy e un 78,8% pouca ou ningunha confianza en Alfredo Pérez Rubalcaba. Son cifras que se manteñen constantes mes tras mes o que denota que a crise de confianza é evidente.

No caso das ONGD’s hai tempo que, tal e como sinalan Pau Vidal e Laia Grabulosa no seu artigo Junts cap a la cultura de la transparència, escrito para o boletín do Observatori del Tercer Sector, xa non son vistas como “boas entidades por natureza”, dando paso a “unha crecente visión crítica e a unha maior esixencia social” sobre as mesmas.

Cómpre máis cá nunca reforzar a confianza na política e máis en quen a practica así como nas entidades que traballan en prol dunha sociedade máis xusta e mellor como debe ser o caso das ONGD’s

Vivimos tempos convulsos no económico, no social e no político por iso, porque precisamos referentes, cómpre máis cá nunca reforzar a confianza na política e máis en quen a practica así como nas entidades que traballan en prol dunha sociedade máis xusta e mellor como debe ser o caso das ONGD’s. E isto só se consegue traballando coa honestidade, a coherencia e a sinceridade como bandeira. Do contrario, o descrédito e o afastamento coa cidadanía serán insalvábeis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.