Será constitucional de todo a matanza?

“Un ruído branco de almidóns acompañou a elegante xenuflesión da sor ao se fincar diante do bispo para lle bicar o anelo” (Ilustrisima, Carlos Casares).

Un dos maiores deméritos que lle debemos atribuír á vixente Constitución española é o de facernos adiantar o calendario da matanza, considerada historicamente coma o noso cerimonial festivo por excelencia. Cando o seis de decembro era día solto e non condicionaba estas cousas, o rito da mata tiña máis rigor e fundamento. Agardábase a que a lúa chegase ao cuarto crecente e a que se presentasen as xeadas para conservar mellor as carnes. O normal era matar no sábado, e mesmo se adiaba a festa se había abundancia de comida para cebar os marráns e, de paso, conseguir que o compango durase algo máis, para que o ano –e a fame- non rendesen tanto. Agora todo está determinado pola carta magna. Non sei como nabo se arranxan os fabricantes de almanaques, que sempre acoplan nunha ponte iso que lle deron en chamar o día da Constitución.

A matanza deixou de ser unha homenaxe á fartura e, por imperativo constitucional, mesmo perdeu aquela virtude de data máxica. E así, malia seguir posuída por un alucinante fetichismo, pouco a pouco vai perdendo a súa prodixiosa espiritualidade. Xa non se respecta a lúa, nin o sábado, nin rabos de gaita. Se é mester, por mor dunha revirada indecencia constitucionalista, ata hai quen se atreve a matar en martes. Pero nin con esas! Por moito que se empeñen en pórlle estorbos, os rústicos galegos seguimos sendo a versión pagá deste politeísmo estéril e estúpido que nos transmuta nos monicreques do consumismo global e das festividades oficiais.

O outro día, mentres a oficialidade oficial conmemoraba un novo aniversario da Constitución, tratando de convencernos de que é o mellor que nos puido pasar, os aldeáns das aldeas galegas, malia sermos unha especie en extinción, seguimos vivindo noutra galaxia, sen deixarnos domear polas normas sanitarias, nin polos canons constitucionais da ordes teledirixidas. Somos como somos e, por iso, malia os intentos de lexislar, tratando de homologarnos co resto do mapa, os galegos priorizamos os nosos ritos a calquera outra solemnidade.

Ah! O meu tío Lisardo leva uns días trapeleando sobre a constitucionalidade do estipendio de Feijoo. Para o ano que vén seica vai cobrar un sete e medio por cento máis do que percibe neste ano, a piques de liscarse. Se foramos xente de lei, no canto de laretar tanto, deberiamos loar a austeridade do noso presidente, pois a súa suba é medio punto menos cá do salario mínimo. E, ao fin e ao cabo, a nós que máis nos dá, se andamos ocupados co saleiro, co afumado dos chourizos, coas filloas de sangue,…, ou aguzando a nosa navalliña e labrar un garabato para sacar as febras do lombelo que, dende tempos inmemoriais, se nos enxiren na dentadura.

Pois iso. Mentres escarvar nos dentes non sexa anticonstitucional, mentres sigamos sendo unha especie en perigo de extinción, todo o demais tráenos sen coidado, porque non hai festa menos festiva cá aquela que non festexa ninguén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.