X. M. Beiras e C. Nogueira

Nun breve intervalo temporal, nas últimas semanas, coincidiron dous feitos moi destacados: a retirada definitiva de Xosé Manuel Beiras do Parlamento galego e a merecida homenaxe tributada a Camilo Nogueira pola súa intensa andaina pública. Aínda que non podamos falar do punto final da traxectoria política destes persoeiros, ambas circunstancias permiten facer algunhas consideracións sobre o seu papel na historia galega mais recente.

Beiras e Nogueira personifican, nunha boa medida, o novo nacionalismo galego que xorde na década dos anos 60 do pasado século. A partir do esmorecemento do Partido Galeguista, opera unha ruptura xeracional que incorpora o vello ideario a unha nova matriz caracterizada por unha notábel adhesión ao pensamento marxista. Como figuras destacadas do PSG e da UPG, participaron na forte aceleración política que se rexistrou nos anos inmediatamente posteriores á morte de Franco e viviron, en primeira liña, a combinación de tres factores relevantes que condicionaron o futuro do movemento nacionalista: un destacado medre das estruturas organizativas existentes; a multiplicación da resposta mobilizadora dos sectores mais conscientes do tecido social durante os anos 1976 e 1977; o pouco peso electoral acadado polas formacións nacionalistas nos primeiros comicios ás Cortes Xerais despois de non ser quen de concorrer dun xeito unitario a esa cita decisiva na configuración do novo mapa político.

Beiras e Nogueira formaron parte dunha xeración que apostaba por un novo réxime democrático que recoñecera a plenitude dos dereitos nacionais galegos. A morte de Franco xerou –neles e noutras persoas que participamos no combate contra a ditadura- a lóxica expectativa dunha mudanza substancial que fose pilotada polos referentes políticos construídos naquela “longa noite de pedra”. Catro décadas despois, temos que asumir a constatación de que a maioría da sociedade galega non outorgou a confianza suficiente a dirixentes como Xosé Manuel e Camilo, posibilitando que o autogoberno conseguido fose administrado por aqueles que non acreditaban na súa necesidade.

A pesar desta evidente inxustiza histórica, X.M. Beiras e C. Nogueira fixeron importantes achegas ao patrimonio común do nacionalismo galego. As súas diferenzas na concepción e no tratamento de certas cuestións –a dinámica de construción da actual Unión Europea e/ou a formulación organizativa mais acaida para a ferramenta política nacionalista- non agacharon a evidencia dun poderoso denominador compartido ao longo do seu percorrido vital: a teimosía do seu compromiso militante e a capacidade para innovar, para recrear diversos aspectos do ideario e da práctica do nacionalismo político moderno. Sen esas contribucións singulares, non se podería entender o desenvolvemento do movemento nacionalista nas últimas décadas.

Xa que a historia non foi agradecida con Beiras e Nogueira, as persoas que compartimos unha parte do seu camiño temos unha débeda de recoñecemento co seu labor que non debería prescribir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.