O encontro VII. Aproximación sen fortuna á ferida do vento dun home de moita fortuna

A Anton Riveiro Coello,que me fai un  men good fortune  coas súas lembranzas.

A meu pai Pedro Peaguda Penín,  que fuxía do vento na rúa san Roque .

Que inventen, pues, ellos y nosotros nos aprovecharemos de sus invenciones.
Miguel de Unamuno.

A escrita é unha mellora artificial da memoria.
Fritz Mautner

Los objetos son tiempo concentrado, Fidelet. Si los conservas, no se gastan nunca: siempre explican historias.
Miqui Otero.

I

Un ourensán, da avenida da habana e de moita fortuna, ao que a súa ilimitada paciencia*, por primeira vez e sen contalo, empezaba a rebordar os límites xenerosos da súa redonda humanidade  says.

A historia que vou contar  ten lugar en Santiago de Compostela nun tempo no que non hai na cidade nin elefantes rusos a vista nin mortos de Xinzo de Limia na rúa do Franco por causa do xogo e nos centros comerciais soa Just as you are de Robert Wyatt**. Os tempos, por fin, cambiaron ,  Mr Dylan. Ágora, ademais de soar nos centos comerciais a canción de Robert Wyatt e de non haber a vista elefantes rusos nin mortos de Xinzo de Limia por causa do xogo na rúa do Franco ,hai ras que veñen de Antioquía, que se poden comer  acompañadas dun  Dubonnet on ice no Café Gramola. O dono do café recomenda esta  estraña mestura. Con ela di que podes transportarche sen saír da Praza de Cervantes a Limia e a un café de Berlín no que foxen sempre da Sad Song.

Un home de corenta e dous anos e que ten por principal afección aprenderse de memoria as letras das cancións pouco sofisticadas de Tom Waits e os poemas de Fiz Vergara Vilariño e Frank´O Hara  garda todas  as súas lembranzas, que non son moitas, en unha carpeta de cor azul  e en tres pequenas caixas de cartón no faiado da súa casa, na rúa José Ángel Valente.

Este home de fantástica memoria, nado en mil novecentos setenta e catro e lector entusiasta de Fritz Mautner , é dos que pensa que o eu ten que calar para que falen as cousas. É o Loris de Conxo sen el sabelo.

Para chegar a carpeta de cor azul e as caixas de lembranzas, o home, que elixiu libremente aprenderse as cancións de Tom Waits e non as letras do Berlín de Lou Reed, ten que apartar unha bicicleta estática, unha pelota de Pilates, un berce, unha árbore de Nadal, unha lamina do cadro de Natalia Goncharova titulado O ciclista, unha maleta chea das sorpresas dos ovos Kinder, unha bolsa con cinco pares de zapatos e tres caixas do Gadis chea de libros, que van baleirando mediante un sistema da súa invención e no que non se contempla a lectura dos libros. Cada día baixa do faiado ao cubo do lixo o libro que corresponda ao día do mes, para que unha veciña, tamén de corenta e dous anos,  cóllao e  léveo a vender ao Cash Converters. O primeiro que baixou do faiado foi Platero y yo de Juán Ramón Jimenez  e o último foi  El padre de Blancanieves  de Belen Gopegui. Cuestión de azar.

Na carpeta de cor azul, que non ten nada escrito na súa parta superior, o home garda un folio con tres fechas escritas: 15/09/1995, 15/11/2010, 20/09/2015, unha fotocopia da revista Cristal de Pontevedra cun poema de Manuel Gomez del  Valle: Manifiesto pastoril  a los niños pobres del campo,  e mapas de Laxe, A Coruña, Póvoa do Varzim, Lisboa, Porto, Lugo, Londres, Fuerteventura, Madhia, Paris, Barcelona,  Madrid, O Grove, Oviedo, Salamanca,  Washington, Palma, Lanzarote, New York, Praga, Budapest, Agios Nikolaos, Xixón, Roma e Berlín

A primeira caixa leva o nome de OURENSE. Nela o home de corenta e dous anos garda un debuxo seu do tempo da gardería, unha pedra do Colexio Curros Enriquez, o envoltorio duns Donuts, unha foto de Xoán Bosco e Domingo Sabio, as gafas da súa nai,  un LP da Velvet Underground, un CD dos The Remains, un  libro de José Cadalso, unha camisola do Doctor Music Festival 1996,  a entrada do concerto de Sex Museum na sala La Luna, unha folla gastada polo tempo na que se pode ler un poema ,encabezado cuns versos de Ursula Heinze (Viaxa o amor/quen sabe a onde)  e que finaliza cun verso que di :Laxe /principio e fin na noite silente, os apuntes de Dereito Natural nos que o seu mellor amigo escribiu coa pluma, que roubara na papelería Stylo, a palabra Wortaberglaube e uns mapas, que lle regalou o seu pai aos dezaoito anos, de Santiago de Chile, Bos Aires e a Habana.

Na segunda caixa pódese ler o nome de SAN CIBRAO DAS VIÑAS. Esta caixa conten un Quijote sen a súa primeira páxina, un mandil da súa avoa, un pano do seu tío, un bote de Kas de mazá, unha bolsa baleira de pipas facundo, un bote con terra dunha leira chamada “A Ruela pequena”, unha novela de Jorge Ibargüentia cun tícket da cafetería do Hospital  Santa María Nai, que fai as veces de  marca páxinas, na páxina corenta e  catro na que está subliñada a frase: Al entrar en el comedor encontré a mi tío sopeando un bizcocho en la taza de chocolate e anotada na parte superior da páxina hai unha fecha escrita a lapis: 21/08/2011,  un billete do carrito ,un billete de mil pesetas no que esta escrito a bolígrafo con letra francamente ilexible a frase: Pides máis que un cura e un mapa, que lle regalou o seu avó aos dezaoito anos, de Montevideo.

A terceira caixa, a máis pequena en tamaño: Ancho: 27 cm, fondo: 35 cm, Altura: 15 cm, ten escrito nun lateral o nome de XINZO DE LIMIA. A caixa non está baleira del todo pero non conten, iso si,  ningunha lembranza do home de corenta e dous anos,que é capaz de reproducir palabra por palabra Nighthawk Postcards (There's a blur drizzle down the plateglass  .... )  e o poema XIX do libro Poeta muiñeiro á deriva (Catorce de febreiro de mil novecentos oitenta  ….) e ningún mapa. Só hai un bote cunha etiqueta na que pon: Vento de Xinzo da Limia e  as lembranzas do seu pai- nas que destacan sobre todo as relativas as servidumes de luces e vista e as do verán do corenta e dous-, de Carlos Casares e de Antón Riveiro Coello. O home de prodixiosa memorias prefire, antes de encher con falsos recordos esta caixa, facer súas as palabras: 
Que lembren, pois, eles e nos aproveitarémonos das súas lembranzas.

II

Un ourensán, da avenida da habana e de moita fortuna , ao que a súa limitada paciencia***,  por primeira vez e sen contalo, empezaba a rebordar os límites xenerosos da súa redonda humanidade  says.

It was such a funny feeling/ It´s so  windy in Xinzo de Limia.

 

Nota bene

*Non se ten coñecemento de  cal é causa que provoca que a ilimitada paciencia deste ourensán, da avenida da habana e de moita fortuna, empezase a rebordar os limites da súa redonda humanidade. O que si que está claro é que non é a mesma causa que provocou no seu momento que a ilimitada paciencia da súa Ilustrísima empezase a rebordar os limites xenerosos da súa redonda humanidade.

**Quen teña o desexo de coñecer os tempos en que en Santiago de Compostela había elefantes rusos a vista e mortos de Xinzo de Limia na rúa do Franco por motivos de xogo pode consultar o libro do limiao Antón Riveiro Coello Os elefantes de Sokúrov, (Editorial Galaxia, 2015) e un  texto de Antón Fraguas incluído no libro Nuestro amigo Ramón Otero Pedrayo de Severino Cardeñoso Álvarez (Editorial Zyz, 1979) e do que  non podemos facilitar, con moita pena, o seu  titulo, xa quen recolle as palabras do home, da avenida da Habana e de moita fortuna, viaxa cun equipaxe erudito máis ben precario.
Sobre o tempo no que nos centros comerciais non se escoitaba  Just as you are de Robert Wyatt, dicir que non hai bibliografía digna de mención.

*** Non se ten coñecemento de cal é causa que provoca que a limitada paciencia deste ourensán, da avenida da habana e de moita fortuna, empezase a rebordar os limites da súa redonda humanidade. O que si que está claro é que non é a mesma causa que provocou no seu momento que a limitada paciencia da súa Ilustrísima empezase a rebordar os limites xenerosos da súa redonda humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.