Xustiza para o funcionariado

Os gobernos central e autonómico están a sacar peito á conta da suba salarial do persoal funcionario para o 2017. Vinculan ese incremento á aprobación dos orzamentos xerais, o que equivale a acusar os partidos da oposición —que se negan a deixalos gobernar como lles pete— de seren os responsables —chegado o caso— de impedir aplicar a suba salarial que merecen eses pailáns. Porque nos tratan pailáns, confundindo con docilidade o que non foi senón responsabilidade e compromiso co noso deber público, sempre á custa do espolio dos nosos dereitos e salarios estes últimos anos.

Sen dúbida, os gobernantes débennos ver como un colectivo de paciencia infinita, capaz de agardar sen límite de tempo a que se lembren de nós e nos concedan unha esmola. Paciencia temos, e moita, porque seguimos co noso traballo cotián —mentres nos deixen— malia que todo o mundo se sinta capacitado para falar de nós ou facer chistes á nosa conta. Aquí estamos, na nosa tarefa diaria, enfermeiros, médicas, xardineiros, administrativas, policías, bombeiros, mestras, xuíces, asistentes sociais, limpadoras...

Somos mil e unha realidades, mil e un oficios e tarefas indispensables para que calquera país funcione. Non obstante, coitados nós como enfermemos e collamos unha baixa! Daquela escoitaremos que somos uns lacazáns. E como collamos vacacións —dereito de todo traballador e traballadora—, ai!, oiremos tamén que son excesivas. E se dispomos dun día de asuntos propios —dereito adquirido, tamén—, será porque somos uns privilexiados. E se paramos para tomar un café a media mañá —figura recollida no Estatuto dos Traballadores e regulada de xeito máis ou menos favorable nos distintos convenios colectivos— é porque non queremos traballar.

O trato negativo que adoito nos dispensan os gobernantes, medios de comunicación e boa parte da sociedade non é algo puntual, senón estrutural: está xa instalado e gravado a lume no adn. A crise económica intensificou a situación e, coma todos os seus efectos perniciosos, non se albisca preto a solución.

O persoal funcionario non é o único prexudicado nesta burla e espolio mal chamado crise. Non somos, nin de lonxe, os máis prexudicados, xaora! Porén, non seremos dóciles ovellas agardando a entrar no matadoiro. Non nos resignamos a un destino inxusto, non renunciamos a que se nos restitúa o que se nos roubou, non renunciamos á nosa dignidade.

Quero aproveitar estas liñas para reivindicar a nosa dignidade, a dignidade de todas as empregadas e empregados públicos do noso país, de todos os funcionarios e funcionarias, dos milleiros de traballadoras e traballadores que desde os servizos públicos —colexios, hospitais, ambulatorios, garderías, residencias, concellos, oficinas, etc.— desde as distintas administracións públicas, están todos os días no seu posto de traballo para sacalo adiante, para ofrecer un servizo imprescindible e impagable, a pesar do maltrato, a utilización e ata o desprezo manifestado pola clase política dominante, polos grandes medios de comunicación, por tantos e tantos cidadáns, por ser inxusto e inmotivado, por tratarse dunha vileza que, non por reiterada, debe permitirse.

Reivindico xustiza para o persoal funcionario, igual que a reivindico para todos os colectivos e persoas maltratadas polas institucións públicas e por certos medios de comunicación, estratexia coa que afastan a lupa das miserias dunha crise que lucra os poderosos e empobrece o resto da poboación, xente que traballa honestamente por un salario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.