0 Gardados para despois

Xesús Veiga

“Mateina porque era miña”

A concentración de varios asasinatos de mulleres nos últimos días –dous deles acontecidos en Vigo e Santiago- ten colocado, de novo, no centro da atención mediática, a persistencia do grave problema da violencia de xénero.

Despois de varios anos de vixencia dunha nova normativa xurídica sobre esta materia, existe unha desacougante sensación de impotencia que debería provocar unha dupla reacción: maior reflexión sobre a natureza e o tratamento desta lacra social e un renovado compromiso práctico de todos os sectores que non aceitamos convivir resignadamente coas intolerábeis estatísticas de vítimas causadas por semellante violencia.

Os últimos episodios confirman, mais unha vez, que as leis son necesarias pero non resultan suficientes para conseguir cambios substanciais nun asunto tan complexo coma este. Requírense, certamente, mais recursos económicos e unha maior eficacia na xestión dos medios humanos e materiais xa dispoñíbeis. Pero hai outros aspectos que demandan actuacións específicas e de longo percorrido temporal. Algo se está facendo mal durante os traxectos formativos de rapaces e rapazas para que –tal e como demostran diversos inquéritos- sigan vivos os estereotipos tradicionais que atribúen aos varóns a capacidade para decidir o xeito de comportamento admisíbel na súa parella feminina. A presenza dun volume relevante de ensinantes que  -sobre todo no ámbito dos centros públicos- simpatizan explicitamente cunha orientación igualitaria nas prácticas educativas debería ser un factor decisivo na batalla por mudar a deriva preocupante na que nos atopamos.

Despois de tantas experiencias tráxicas coñecidas resulta evidente a transversalidade que se constata nos perfís dos vitimarios:homes de distintas idades, diferentes niveis formativos e variados estratos laborais ou profesionais. Tal circunstancia asentase nun denominador común que habita nos seus códigos mentais: o cariño é un sinónimos de posesión que explica a reacción ante o remate do vínculo afectivo por parte da parella feminina. Confesábao un encausado polo asasinato da súa compañeira sentimental no propio xuízo oral: “Quería moitísimo á miña muller. Saber que estaba con outro, derruboume”.

As cifras da violencia de xénero cuestionan radicalmente calquera tentación conformista emanada dos poderes públicos. Mais tamén constitúen un dramático emprazamento para quen desexamos vivir nunha sociedade de persoas libres e iguais. A mudanza nos comportamentos colectivos esixe unha acción pedagóxica singular por parte daqueles homes que non aceptamos reproducir o rol dominante que nos ven atribuído no imaxinario herdado.

Acerca de Xesús Veiga

Economista