A xerencia do FMI ou como burlarse da democracia

Hai uns días o Fondo Monetario Internacional reafirmaba a confianza plena na súa directora xerente, Christine Lagarde, pouco despois de ser declarada culpábel de neglixencia pola xustiza francesa. As organizacións dos poderosos, unha outra vez, puñan en coñecemento do resto dos vulgares que o poder amósase con soberbia, que o estatus ten de visibilizarse ostentosamente e que as diferenzas, para que disciplinen, teñen que se manifestar. Porque as actuacións dos últimos catro directores xerentes desta institución do capitalismo global deixaron constancia de que a indecencia persoal e política debe considerarse un mérito para dirixir o saqueo e o desposuimento da plebe.

Xa o alemán, Horst Köhler, que dirixiu o organismo entre 2000 e 2004 e a seguir pasou á presidir o seu país durante seis anos consagrouse cando, cun cinismo extraordinario, xustificou dentro de territorio afgano, a invasión dese país por razóns de interese económico, provocando tal escándalo que se viu forzado a dimitir.

O seu sucesor, Rodrigo Rato, abandonou o cargo, sen dar explicacións e inmerso nun oscurantismo insultante, para liderar o proceso de fusión que deu lugar a unha Bankia que tivo que ser intervida cuxo resultado foi unha xestión indecorosa e unha ringleira de imputacións que van desde fraude, alzamento até branquexo de capitais.

O seguinte no cargo foi Dominique Strauss-Khan, que rematou o mandato sendo detido pola suposta violación da traballadora dun hotel de Nova Iorque. O proceso xudicial pechouse tras unha indemnización á denunciante, e sen que os escándalos que o envolven finalizaran aí.

No último episodio figura Christine Lagarde, da que un tribunal francés especial para aforados confirmou a súa actuación neglixente nun caso de desvío público de diñeiro a favor do empresario Bernard Tapie cando desempeñaba o cargo de ministra de economía, finanzas e industria no goberno de Sarkozy. Malia o recoñecemento da actuación ilícita non se lle impuxo pena algunha nen anotación no rexistro de penados.

A historia do FMI desvela a realidade agachada tras principios tales coma o de fomentar a cooperación monetaria, o de eliminar as restricións cambiarias que dificulten o comercio mundial ou o da correción dos desequilibrios das balanzas de pagos. A historia, diciamos, desvela unha práctica constante na procura de artellar os mecanismos precisos para a transferencia de rentas dos pobres aos ricos e das periferia aos centros. Os instrumentos, tan recorrentes coma catastróficos, acabaron nunha ladaíña perversa recitada polas boas ou polas malas ao longo do planeta.

Austeridade orzamentaria, co correspondente recorte en gastos sociais e públicos. Privatizacións en masa de recursos correctores da desigualdade e rescate de desfeitas que, unha vez saneadas, se entregan aos responsabeis das mesmas. Contencións salariais que ampliaron enormemente as fendas entre as rendas da maioría e as fortunas obscenas. Incremento da vulnerabilidade e da pobreza dos segmentos máis febles e máis necesitados de protección. Acumulación por desposuímento e expropiación dos bens e dos saberes comúns. Destrución impune e sen precedentes do medio natural en beneficio da grande empresa.

Non aportamos nada novedoso  ao estimar que dunha institución ao servizo dun modelo de primacía do mercado, do lucro e do egoísmo non se pode agardar un comportamento ético que considere ao ser humano, e en especial aos máis desfavorecidos, o centro de atención e de actuación. O esperado, neste escenario, é o apoio  a unha casta privilexiada de bons vivants requintados, esquisitos cumpridores co mandato de lexitimar os intereses do capital trasnacional e ferventes defensores da austeridade dos sometidos mentres exhiben un glamour construído sobre a traxedia de millóns de empobrecidos que padecen as súas directrices e chantaxes. Mais que isto sexa o esperado non debería significar paciencia nin contención. A moderación e o conformismo son o marco dun discurso de hipocresía deseñado para que as vítimas nunca superen esta condición. As elites saben vivir comodamente no inmediato porque se apropian do presente e secuestran o futuro.

A contestación a este estado de cousas sitúanos nunha situación difícil na que no horizonte que se enxerga só parece asomar o triunfo da barbarie. Porén, a rebelión emancipatoria é aberta e está aberta a novas concepcións, loitas e categorías e aquí reside a súa fortaleza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.