Casualidades

As secuelas do último atentado terrorista en Alemaña non deixan de sorprender a calquera que seguise a evolución dos acontecementos a través dos diferentes medios. Xa resulta verdadeiramente estraño que un camión poida desviarse do seu rumbo e entrar por unha vía céntrica de Berlín sen que a sempiterna policía —de tráfico, local e doutro tipo (lembremos que media Europa está en situación de alerta máxima pola cuestión xihadista)— non poida facer nada, non para paliar o accidente, algo que resultaría complicado e difícil, pero si para identificar ao condutor e incluso detelo. Mais, poderíamos outorgarlle ao aparello de seguridade o beneficio da dúbida no caso de que se tratase dun terrorista ben adestrado e coñecedor dos recunchos da capital alemá. Emporiso, todo o que ven a continuación parece unha traxicomedia da peor calidade.

Primeiro deteñen un individuo que, segundo unhas testemuñas non identificadas, é o principal sospeitoso do atentado. Todas as informacións, escasas por certo, van nesa dirección e non se fala de ningún elemento máis de importancia encontrado pola policía que poida sinalar outras posibles autorías. Sen embargo, ante a inconsistencia das probas contra o primeiro detido, ao que se ven na obriga de deixalo en liberdade, aparece oportunamente, como por arte de maxia, un documento de identidade deixado na cabina do camión que serve para localizar ao verdadeiro presunto culpábel do acto terrorista. Aquí temos unha primeira casualidade que vai na liña das famosas pistas das tarxetas de identidade que os islamitas deixan por todos os lados dende o 11-S e que milagrosamente superan bombas, explosións e calquera medida mínima de seguridade que un grupo terrorista debería seguir para evitar que a policía os poida cazar. 

Pero o máis estraño é que a tarxeta de identidade encontrada pola policía non serviu para poñer en alerta ás forzas de seguridade que vixían portos, aeroportos e estacións de viaxeiros de tren e autobuses. Así, Anis Amri puido cruzar media Europa ata Italia sen que ninguén se decatase. Segunda casualidade. Pero o intrépido terrorista, experto en escapar habilmente do cerco policial, é encontrado oportunamente preto dun control en Italia (ás tres da mañá e nunha estación solitaria nas aforas de Milán) e, de forma torpe e suicida, despois da súa brillante escapada, saca a súa pistola e dispara aos axentes que lle daban o alto. Para que non haxa ningunha dúbida e se poida aclarar como é posible que un tipo do que tiña a policía a súa tarxeta e fotografía se poida encontrar en Italia despois de atravesar Alemaña e Francia, aparece a proba definitiva: o billete de tren francés utilizado na súa estraña viaxe. Terceira casualidade, todo encaixa, asunto resolto. Estraño terrorista o tal Amri. Por se non fose suficiente que un perigoso xihadista lle deixase á policía alemá a súa tarxeta de identidade (á que non lle fan caso, polo menos durante 24 horas), moi atento e para que que os italianos non tivesen que perder o tempo investigando, tiña ben gardado na súa mochila o billete acusatorio da súa fatídica viaxe. Ademais, para completar o circo, resulta que o tal Amri tiña antecedentes policiais, estivera preso —curiosamente en Italia—, e sen embargo podía moverse por Europa sen ningún tipo de limitacións. Unha situación similar ao ocorrido con outros “implicados” islamitas en anteriores atentados en diversos países do continente, coas súas forzas de seguridade en máxima alerta dende hai anos.

Algo cheira a podremia en Europa e os efluvios tóxicos intentan que non vexamos o que realmente ocorre. O fracaso da intervención occidental en Siria, o acomodo de alianzas en Oriente Medio, con movementos telúricos de alcance como o afastamento turco de Occidente despois da contundente derrota xihadista en Alepo, ou a consolidación rusa no Mediterráneo oriental, é algo que está collendo cos pés cambiados a algunhas elites transnacionais que non se resignan a aceptar a nova realidade. Non sabemos que pasará con Trump e cal vai ser a súa liña no ámbito internacional, aínda que algo se filtrou, pero as forzas partidarias da globalización a calquera prezo queren, como mínimo, seguir mantendo o statu quo en Europa e farán o indicíbel para que non sexa posíbel a cooperación internacional na resolución dos conflitos. O patético John Kerry anda agora laiándose do seu fracaso durante o anterior proceso negociador sobre Siria esquecendo que firmou acordos que foron boicoteados ao día seguinte polo Pentágono deixando á vista de todo o mundo que en USA non goberna a Casa Branca. Son os mesmos que resultaron collidos por sorpresa polo brexit ou o estraño golpe turco. Os mesmos que aínda non asimilaron a chegada de Trump á presidencia dos EE.UU. Pero diso xa falaremos outro día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.