0 Gardados para despois

José Luis Sucasas

Os Nenos Cantores de Cadrón e Fuxan Os Ventos

Vinde ver o neno, que está espidiño e aniñadiño ao pé dos seus pais, e máncano as pallas en que está deitado e o noso pecado aínda o manca mais... Con esta estrofa comecei eu a miña andaina musical, que foi curta pero chea de éxitos clamorosos e sen parangón. Eramos tres voces ventureiras -dúas das miñas irmás e mais eu- e unha pandeireta de xoguete. Non ensaiabamos: o noso era “duende”, “soul” ou chámalle como queiras...ou telo ao nacer ou asubíalle. Polo día santo de Reis, despois de xantar, colliamos a pandeireta e percorriamos os camiños e congostras do Castelo, Cadrón e Lamas, entrando nas casas e cantando o noso repertorio. A xente sentaba no banco da cociña e escoitaba abraiada a sublime conxunción vocal, á altura dos xa daquela famosos “Peter, Paul & Mary” ou “The Mamas & The Papas”. Rematada a función, a xente pedíanos outra cantiga mais e botábanos na pandeireta caramelos e galletas,  pesetas e pesos, agradecida por tanta divina regalía para os seus ouvidos.

“Vinde ver o neno” era a nosa tarxeta de presentación e o meirande éxito comercial. Pero tiñamos mais no repertorio. Rematados os acordes do neno nas pallas, arrancabamos mirando como bebían os peixes no río por ver o Deus nacido... Estabamos nada mais empezando a nosa carreira musical, pero non queriamos poñerlle cancelas ao noso futuro: na Valouta falaban todos coma nós, pero en Agolada City e Lalín City había xa algunha xente de poder e requilorio que falaba distinto, ben porque non sabían ou porque non querían saber. Por iso, e por se algún día iamos cantar os reis a Mansilla de la Mulas, incorporamos ao repertorio “Los peces en el río”... beben y beben y vuelven a beber los peces en el río por ver al Dios nacer...La virgen se está peinando entre cortina y cortina, los cabellos son de oro y el peine de plata fina... Cantabamos coma se tal cousa, pero a letra producíanos desacougo; non é que non a entenderamos, que os tres eramos alumnos aplicados na escola de “doña” Cándida, pero o neno do que falaban non semellaba o mesmo. Ao noso neno mancábano as pallas, e nós sabiamos ben como chuzaba unha palla de punta; pero a nai deste segundo neno puxera cortinas nas bufardas do cortello, tiña os cabelos de ouro e un peite de prata fina, que non prata bruta calquera. En fin, cousas da vida.

“Adeste fidelis” era a terceira panxoliña do noso repertorio. Era a mais aplaudida na casa de Fidalgo e na do mestre Belisario. Por suposto, aquí si que cantabamos por puro pracer de cantar, porque nada entendiamos. Pero tiña tamén as súas vantaxes, xa que igual ca nós, a xente que nos escoitaba tampouco entendía e podiamos trabucarnos, cambiar as palabras de sitio ou mesmo inventar a letra, que o publico seguía a escoitar con devoción coma se o canto fora así de toda a vida. Ademais, a estas alturas da función, xa nos viñamos arriba e desapareceran os nervios e maila vergoña escénica das primeiras tocatas. Outro tanto nos pasaba coa peza que remataba o concerto, unha tal “Silent Night”, que así se chamaba, pero que para nós foi sempre Sailen Nai, que así a aprendemos. Aquí tamén podiamos cambiar as palabras ou meter un xalalá se nos esqueciamos dalgunha, e non pasaba nada. O único importante era non perder o compás do cantar e darlle para adiante. Con todo, o noso profesionalismo forzábamos a cometer os menos erros posibles. Lembro que nunha ocasión, cantando en Lamas, na casa da Xoana, había alí un mozo nativo de Minnesota que viñera coñecer á familia; cando rematou o Sailen Nai, aplaudiu coas orellas e díxolle aos familiares que cantaramos no seu idioma. Xa vedes, os Nenos Cantores de Cadrón -na Galiza profunda, na beira sur do Río Grande- cantaban panxoliñas en catro idiomas diferentes e ían dereitiños camiño do éxito mundial. Logo, dun día para outro, medráronllelos corpos, mudóullela voz e comeron arolas con torresmos o resto dos seus días. En fin, o que ven sendo una vida vulgar.

Hai anos contoume o cura Mato que, estando el de párroco en Lalín, cadroulle asistir por casualidade a un dos nosos concertos na casa de Fidalgo, que tamén tiña crego de seu. Díxome que ficara pampo dunha executoria tan sublime, e que foi nese preciso intre cando pensou en fundar Fuxan Os Ventos, o que logo sería o meirande grupo de música folk da historia de Galiza. Don Xesús, que de parvo non tiña nada, era consciente de que a nosa excelencia era inalcanzable, pero deu coa solución: mais instrumentos e mais xente. Para iso xuntou case unha ducia de mozos e mozas e subministroulles  zanfonas, gaitas, guitarras, frautas, cítaras e berimbaos. “Se non pola calidade, chegarei á excelencia pola cantidade”, pensou. E vaia se pensou ben don Xesús!

Acerca de José Luis Sucasas