A vosa temeridade dáme medo

Cando está a piques de rematar o ano, o balance, no que atinxe a violencia de xénero, non pode ser mais desolador. Os asasinatos por mor da violencia machista sucédense, e non se vislumbra a solución. Pola contra, semella que retrocedemos na loita contra esta plaga envelenada que tantas vidas de mulleres está segando.

Compre loitar, e nalguns ámbitos así se está a facer, para que esta dantesca situación mude, pero, á vez que esto acontece, quen de verdade tentamos axudar nesta loita, estamos a observar  un “fenómeno”  que, malia que non era descoñecido, dun tempo a esta parte está a facerse patente dun xeito que da arrepíos. Estou a referirme a proliferación de grupos ou colectivos que din traballar contra a violencia de xénero.

Neste, coma en todos os eidos, hainos que realmente cren no que din facer e así o levan a práctica, pero, na outra faciana da moeda, están eses outros que xorden coma fungos, e que, dun xeito temerario, sen outro aval que o afán de notoriedade e, moi a miúdo, na procura duns beneficios ou estabilidade de quen os dirixe e aproveitándose da situación de extrema vulnerabilidade das víctimas do maltrato, lanzan consellos e “sentenzas” imprudentemente, sen ter en conta que estamos a falar de vidas humanas, e que un destes consellos mal dados, por ignorancia... Ou por arrogancia, pode implicar un fatal desenlace para unha víctima de violencia de xénero.

Eu non podo evitar facerme, e facervos a siguinte pregunta: Se vos atopasedes enfermos, ademais de gravidade, onde acudiríades para tentar curarvos, a xunto de alguén cualificado, cos coñecementos precisos, ou a o “listillo” de quenda que vos promete unha curación case milagrosa e nun tempo record? E outra máis: Credes que alguén enfermo, e, polo tanto, coas suas capacidades como mínimo, alteradas, pode ser de axuda a quen acaba de contraer a mesma enfermidade, ou, pola contra, o único que provocará será un contaxio nocivo e pode que letal?

A loita contra a violencia de xénero é algo moi serio. Non é un negocio, tampouco un medio para medrar social e laboralmente, e menos ainda un instrumento para satisfacer a egolatría de quen ten o convencemento de estar na posesión da verdade

Pois ben, malia que custe creelo, algo moi semellante a estes exemplos está a acontecer no eido da violencia de xénero. Cando eu comecei a miña andaina formando Si, hai saída, era (e sigo sendo, a día de hoxe) moi consciente das miñas limitacións. Sabía positivamente que, sen o apoio dun equipo que cubrise as carencias, os coñecementos que eu non posúo, o meu proxecto non sería viable, non tería futuro. Nin toda a empatía do mundo, nin toda a humanidade, por si soas, son bastantes para unha tarefa de tal calibre .

É obvio que non todo o mundo pensa así, e que o afán de acadar os seus obxetivos non lle permite a aqueles que xogan a “salvadores” ser conscientes do risco tan grande que entraña a sua temeridade para as mulleres que solicitan a sua axuda. Vemos, con asombro e con gran preocupación, coma algunha muller que ainda se atopa inmersa de cheo nunha situación de violencia de xénero, ou arrastrando graves secuelas, e obviando o proceso de duelo polo que é inevitable pasar, un proceso que e longo, e non doado,  se erixe en autoridade na materia e lanza consellos que poden provocar uns resultados moi graves.

A loita contra a violencia de xénero é algo moi serio. Non é un negocio, tampouco un medio para medrar social e laboralmente, e menos ainda un instrumento para satisfacer a egolatría de quen ten o convencemento de estar na posesión da verdade. Por eso a vós, a quen con tanta lixereza vos permitides xogar coas vidas, coa seguridade de tantas mulleres, das suas crianzas, pídovos un chisco de humildade, de prudencia. Que non é xusto, nin ten perdón, usar a dor dun xeito tan descarado para acadar os propios fins, e crédeme que non esaxero cando vos digo que a vosa temeridade dame medo, moito medo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.