0 Gardados para despois

María Xosé Queizán

Atrévete a saber

É o título dun libro de Rita Levi Montalcini, que faleceu en Roma, hai 4 anos, á idade de 103. Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina no ano 1986, foi a dama das Neuronas, polos seus estudos que a levaron a afirmar que o crecemento neuronal non se detén. Aos cen anos, a miña mente é superior que cando tiña vinte, grazas á experiencia, dixo. Esta convicción levouna a considerar que En lugar de engadir anos á vida, é mellor engadir vida aos anos. Ela é un exemplo dos seus descubrimentos. 

Rita Montalcini, nacida en Turín de familia xudía sefardita, debeu soportar anos de fascismo e vida clandestina en Italia. Contrariando os designios paternos de ser unha muller casada e con criaturas, decidiu estudar e ser científica. Permitiuse dicir sendo xa maior: Eu son o meu propio marido. Parte de súa carreira científica fíxoa nos EEUU, onde residiu desde 1947 a 1969, e moitos dos seus estudos na Universidade de Washington de Saint Louis. Valoraba o coñecemento e dicíalle á xuventude Atrévete a saber. O mundo debe inventarse. Hoxe a xuventude xa ten o coñecemento do que sucede no mundo en tempo real, o que se chama visión global.

Tiña unha Fundación para axudar ás mozas africanas a estudar e aprender. Os principios éticos deben dirixir os comportamentos. Deu fe na súa vida. Escribiu As Pioneiras: as mulleres que cambiaron a sociedade e a ciencia desde a Antigüidade. Un libro didáctico e feminista, que debería figurar nos centros de ensino do noso país.

Axudoume esta gran muller a coñecer o negativo do cerebro humano, e insistir no maligno do que na actualidade consideran positivo, os sentimentos e emocións. Unha parte arcaica do cerebro domina os nosos instintos e emocións. Na parte nova reside a nosa capacidade de razoar. Na parte arcaica prodúcese o Holocausto (e o Feminicidio das mulleres, valla a redundancia) e todas as traxedias do mundo.

No libro O as na manga, razoa sobre o crecemento das neuronas e a posibilidade de pensar na idade madura. O corpo fai o que quere. Eu non son o meu corpo; son a miña mente. Por iso non quero vivir cando deixe de pensar e téñollo avisado a fillas e amigas como fixo esta muller sabia. Non quero seguir vivindo cando o meu cerebro deixe de funcionar. 

Cando morreu, hai 4 anos, estaba en Roma o meu amigo Afonso Becerra. Aviseino para que fose ao que sería un importante funeral da insigne científica e Senadora Vitalicia, e levase unhas flores no nome das Feministas Independentes Galegas. Así o fixo, e sei que quedou unha sinatura de FIGA, e das feministas que tanto lle debemos a Rita Leví Montalcini, no libro recordatorio do importante óbito.

Acerca de María Xosé Queizán