En Marea, Podemos Galicia e Vistalegre II

Entramos nun novo ano e con el nun novo ciclo político que está a piques de dar os primeiros pasos. En clave galega, temos unhas novas primarias, esta vez para elixir á dirección colexiada que terá a responsabilidade de marcar politicamente os próximos pasos que se deben dar para a consolidación (ou non) do proceso de unidade popular iniciado a mediados de 2015 coa firma do pre- acordo de Mazarelos.

En clave estatal temos un novo proceso constituínte en Podemos, a ferramenta que foi capaz ata agora de crear unha brecha no sistema e que ata fai moi pouco tiveron en xaque e marcaron o ritmo da política española.

O 2015 para a nova política foi o ano da ilusión, o 2016 foi o ano do asalto aos ceos, o cal, finalmente non se produciu, o 2017 debe ser o ano da consolidación dunha ferramenta que non pode diluírse e acabar reducida ás marxes do sistema.

Algo que algúns dan por imposible, xa que consideran que isto non ten marcha atrás, pero que moitos outros, que tivemos que aguantar unha chea de ceas familiares nestas datas vemos como unha posibilidade moi real.

Nas próximas liñas tentarei facer unha análise dos riscos e ameazas dos dous procesos aos que temos que enfrontarnos os galegos que participamos deste movemento político e despois tentarei ofrecer algunha das que eu considero medidas necesarias para ter en conta.

En Marea

Empecemos por Galicia. Conxunturalmente atopámonos cunha ferramenta, En Marea, que moitas, desde todo o espectro da política galega, levamos tentando construír desde hai dous anos.

Esta conseguiu un recoñecemento a nivel estatal a través do Grupo Confederal Podemos-En Comú Podem-En Marea onde os galegos fomos capaces de ter voz propia no congreso e a nivel galego fomos capaces de ser a oposición ao Partido Popular de Feijoo, sendo o único espazo de ruptura a nivel autonómico de conseguilo.

Ademais, conseguimos a través das mareas gañar as alcaldías das tres principais cidades da provincia da Coruña, o que nos deu espazo para poder expor outro tipo de política.

Estes resultados, aínda que curtos xa que o PP conseguiu seguir gobernando nos dous estamentos, expoñen unha base sobre a que poder construír un proxecto atractivo a medio prazo para os galegos.

A folla de ruta, desde a perspectiva de alguén que participa desde Podemos, para poder consolidar esta base e tentar que se amplíe, pasa por un proceso constituínte que conecte aos tres estamentos (estatal, galego e municipal) desde a autonomía propia de cada proceso pero coa suficiente coordinación política como para non danarse mutuamente.

Temos por diante, como antes se dixo, un proceso de primarias onde sairán elixidas 35 persoas que teñen o reto de poder lanzar ese proceso constituínte.

A autonomía e soberanía de cada marea, organización política preexistente ou sociedade civil debe respectarse

Hai que ter moi claro que o que fomos capaces de armar en todos estes estamentos non poden reconverterse nun partido clásico co nome de En Marea, e que a partir de aí naza todo o franquiciado político que preserva este tipo de proceso. A autonomía e soberanía de cada marea, organización política preexistente ou sociedade civil debe respectarse.

Ninguén debe ter intención de diluír, pero si que temos que ser capaces de construír  desde a hipótese política que nos trouxo ata aquí o proceso de acumulación de forzas que amplíe a base e sexa capaz de chegar cada vez a máis xente, un movemento transversal e de ruptura que teña claro que ten que expor ás galegas solucións políticas para o seu día a día e que nos vexan como unha ferramenta emancipadora e capaz de traballar en clave nacional e popular.

Unha ferramenta con liderados corais e con referentes múltiples que sexan capaces desde a súa posición de atraer a todo tipo de xente con ideoloxías e sensibilidades distintas.

O problema dos liderados é algo que non nos podemos permitir a estas alturas. Como tampouco nos podemos permitir que esta ferramenta siga a entenderse como unha coalición de tres partidos, pero tampouco sen os tres partidos. Hai que ser capaces de superar barreiras, de innovar, de ser vangarda política como levamos sendo desde 2012.

Se non somos capaces de entender que iso está por encima de calquera interese de parte ou se algunha parte tenta impoñer as súas teses políticas sobre outras e non se parte desde a igualdade e a fraternidade, remataríamos con este proxecto chamado En Marea, algo, que por certo, algúns están a desexar.

Podemos Galicia

Desde a perspectiva podemista, xa que son militante deste partido e tiven cargos de responsabilidade no mesmo, en Galicia temos á organización partida. É algo que todo o mundo sabe e que hai que asumir para empezar a expor solucións. A Secretaria Xeral e outros compañeiros da outra parte tentan colocar o eixo da discusión nunha que non é propia e que se trae desde Madrid, entre pablistas (Secretaria Xeral e entorno) e todo o que non son serían do sector errejonista.

Desde a perspectiva podemista, xa que son militante deste partido e tiven cargos de responsabilidade no mesmo, en Galicia temos á organización partida

Este intento de expor estes extremos é un marco intelixente por parte da actual Secretaria Xeral galega, xa que, a polarización que vive o partido a nivel estatal, fai que ela e a súa actual dirección queden reforzados fronte aos outros. Este é un marco herdado da dirección anterior á que eu pertencín e onde creo que cometemos un erro, porque en Galicia o debate de verdade nunca estivo nestes termos.

O que algúns dicimos moi claramente e deixamos explícito cada vez que se nos pregunta ou se nos pide opinión é que o marco no que se parte a organización non é ese, senón entre quen aposta polo proceso político de unidade popular chamado En Marea e os que apostan por reforzar Podemos Galicia porque entenden que o partido e a política galega veríase claramente reforzada, xa que funcionaría mellor como antagonista ao Partido Popular de Feijoo. E ademais entenden que o polo  nacionalista que está presente en En Marea dilúe parte das nosas fortalezas.
Ese é o debate que debe poñerse enriba da mesa e no que hai que definirse. Empezarei por min mesmo.

Eu pertenzo á parte crítica coa actual dirección galega como lle gusta encadrar á prensa. Esa parte á que pertencen os nosos dous deputados estatais, catro  dos sete parlamentarios galegos que militan en Podemos e  19 dos 35, a maioría, do principal órgano entre asembleas de Podemos Galicia, o Consello Cidadán Galego, ademais de diversos secretarios xerais municipais das principais cidades do país e unha chea de militancia coma min, que non ten ningún cargo de representación.

Non me encadro nesta parte do partido por ser errejonista, anticapitalista ou pablista, é máis, dentro do encadre que acabo de describir conviven xente destas tres correntes a nivel estatal porque o debate en Galicia non é ese. Moitos destes compañeiros están agora mesmo colaborando coas correntes principais do partido ou con outras para Vistalegre II. Pero sabemos diferenciar os distintos planos e o que nos aglutina a nivel galego é esa hipótese política que leva á confrontación coa actual dirección, xa que a pesar de que a Secretaria Xeral sempre se amosou aberta a construír o proceso de En Marea, iso si, como coalición, o resto da súa dirección política e da xente que a rodea e a apoia ten unha hipótese política de ruptura con este proceso de unidade popular para reforzar ao propio partido. Mentres que a outra parte aposta, decididamente, polo proceso político de confluencia.

Da capacidade que teña a militancia de recoñecer este escenario e saber elixir opcións que aposten por unha cousa ou por outra pasará gran parte do futuro desta organización a nivel galego.

Vistalegre II

Entro na última parte da análise, o proceso constituínte que estamos a vivir en Podemos, a principal ferramenta de emancipación e ruptura que foi capaz de marcar o ritmo na política estatal.

O escenario neste punto é desalentador. A polarización que vive agora mesmo o partido está a recruarse, o que afecta o resto de espazos da nova política no estado e que ademais está a desalentar a moita xente que apostou decididamente por este proxecto.

Despois de ler diferentes artigos estes días quero facer unha síntese de dúas ideas que creo que son claves para poder saír airosos dunha situación na que vai ser difícil saír airosos.
Estou de acordo con Manolo Monereo nunha idea que me parece fundamental, queiramos ou non. Agora mesmo atopámonos con que o réxime está a xogar a reforzar a Iñigo contra a opción de Pablo para romper o partido e diluír como o azucre calquera opción de poder seguir consolidando a opción política de cambio no noso país.

Agora, como ben recolle Santiago Alba Rico, hai un salto entre facer esa análise e colocar etiquetas maximalistas a todo o que agora mesmo quere expor opcións políticas e organizativas distintas ás de Pablo Iglesias e o seu equipo, hai que saber recoñecer a diversidade e traballala para poder ter un partido equilibrado.

A única solución posible a isto como di Santiago creo que é que Iñigo e Pablo se encerren nunha habitación e non saian ata ser capaces de chegar a un acordo, sen esquecer ao resto de xente que pertence a este partido e non quere encadrarse nas dúas principais correntes.

Ao final creo que dependerá do xenerosos que poidan chegar a ser tanto Iñigo como Pablo, pero isto é algo no que os galegos non temos moita capacidade de influencia.

Indo ao tema que nos ocupa, o que creo que deberiamos manter desde Galicia para ese asemblea é moi clara.

1) O recoñecemento e a aposta de En Marea e as mareas como procesos políticos de unidade popular nas que necesitamos seguir afondando.

2) A necesidade de facer efectiva a palabra plurinacionalidade, é dicir, a capacidade de que se nos recoñeza autonomía política e a descentralización de todas as competencias para poder facer efectiva esa autonomía política e organizativa.

3) A necesidade de defender a diversidade. Respectar e deixar traballar dotando de recursos e capacidade de actuación a todas as partes do partido e non só a unha dirección que moitas veces é monolítica en canto ao tratamento do partido a nivel interno.

Chego ao final deste artigo desexando que desde Galicia sexamos capaces de atopar e expor as solucións necesarias para poder seguir ampliando este espazo poliédrico. Oxalá sexamos capaces de conseguilo, non pola xente que estamos agora mesmo nestes procesos, senón pola xente que depositou grandes esperanzas en moitos de nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.