0 Gardados para despois

Antón Dobao

Unha poética nova

Rescatar e rescate. Verbo e substantivo con mala sorte. Primeiro fixéronos aboiar, tiráronos da profundidade do léxico para que desprazaran outras palabras que talvez connotasen máis dureza, escuridade. Agora, despois do traballo encomendado de significar o aparente e ocultar o real, reciben o pagamento do agocho e a prohibición. Quedarán borradas dos textos, dos discursos e, se for posible, mesmo dos dicionarios. É a velocidade da vida, a fugacidade dos significados, a expropiación comunicativa.

O seu triste destino axúdanos a comprender a eficaz poética da dominación: baleirar significados, ocultar palabras, transformar e recrear expresións. Ou sexa, intervir na semántica das linguas, rescatala das poutas do pobo

Segundo o dicionario, rescatar significa librar [alguén] dunha situación perigosa, conseguir a súa liberdade. Ambas as acepcións son positivas, parece por iso que cumprían adecuadamente co seu cometido de suavizar as duras arestas da economía liberal e as súas consecuencias sociais. De invertelas, case. Con todo e iso, pasou o tempo de rescatar e de rescates. Verbo e substantivo morreron de desgaste. O seu triste destino axúdanos a comprender a eficaz poética da dominación: baleirar significados, ocultar palabras, transformar e recrear expresións. Ou sexa, intervir na semántica das linguas, rescatala das poutas do pobo.

Se nos interveñen, pensaremos que nos impoñen o que non decidimos ou que nos operan; se nos rescatan, descansaremos convencidos de que alguén nos libra do peor dos perigos

Chamar intervención a semellantes paquetes de medidas impostas aos pobos asombraríao todo con connotacións negativas. O sufrimento que ocasiona a reestruturación capitalista é inevitable para a supervivencia da actual configuración do mundo, esíxeo o ciclo continuo de explotación e lucro que lle dá sentido ao sistema. Se a base material das nosas existencias vai ser determinada pola intervención de fantasmagóricas entidades alleas aos propios estados -que son burgueses-, a enxeñería comunicativa ten que ocupar campos semánticos negativos con significantes limpos e positivos. Intervención e intervir, substantivo e verbo, ofrécennos idea de imposición dunha autoridade externa, allea, non democrática, e trasládannos á terminoloxía médica, á imaxe de operación cirúrxica, unha agresión contra o corpo, a nosa única propiedade. Pero rescate equivale a salvación. Se nos interveñen, pensaremos que nos impoñen o que non decidimos ou que nos operan; se nos rescatan, descansaremos convencidos de que alguén nos libra do peor dos perigos.

Mais ao final, o pobo volve redactar os seus textos e os seus dicionarios

Mais ao final, o pobo volve redactar os seus textos e os seus dicionarios. A memoria inmediata aliméntase coas imaxes máis luxas da miseria. Imaxes visuais ou verbais. As rúas ardentes de Grecia, as condicións de escravitude e extremada pobreza impostas ás clases subalternas, a destrución violenta de todo o conquistado, suicidios, represión, arrogancia, poder absoluto, expropiación orgánica radical. Pero tamén o bálsamo da rebelión e unha débil luz: a posibilidade de impugnar a verdade do sistema, o seu sentido común criminal. O posible éxito electoral da esquerda rebenta en por si as rexas normas do sistema, que só admite a alternancia das dúas pólas, ambas liberais, do Partido da Orde: a conservadora e a socialdemócrata. Pero non é suficiente para abanear as columnas do templo se non é a expresión dun movemento multitudinario determinado a detelo todo e coller rumbo a outras coordenadas.

Por iso vemos estes días como tatexan. Parecen extraviados, coma se perdesen o don da comunicación que tan útil lles é para dominar e controlar

O equilibrio somnífero que impón o mando mentres opera sen anestesia na destrución de todas as conquistas sociais creba cando a realidade decide asaltar a superficie e expulsar a aparencia. Entón queda ao fresco, desprotexida, toda a tremoia conceptual e lingüística do poder. E é cando os notamos dubitativos, tan medrosos que temen botar man das  fórmulas balsámicas. Rescatar e rescate xa non lles prestan servizo valioso porque o pobo, as multitudes, as clases subalternas teñen a súa propia poética e forza para impoñela e decidiron que ese verbo e ese substantivo significaban dor e miseria, intervención agresiva, pobreza e exclusión, explotación ata o paroxismo. Por iso vemos estes días como tatexan. Parecen extraviados, coma se perdesen o don da comunicación que tan útil lles é para dominar e controlar. Buscan un novo significante somnífero, pero talvez estamos descubrindo as trampas da súa poética e por iso se atrapallan.

Unha nova poética. Liberadora, de emancipación. Unha poética de esquerda, e como tal, xenerosa co substantivo e co verbo e escasa cos adxectivos

As vítimas da violencia desta guerra de clase contra clase teremos que darlle sentido con textos a unha nova poética. Liberadora, de emancipación. Unha poética de esquerda, e como tal, xenerosa co substantivo e co verbo e escasa cos adxectivos. Cando a súa poética e a nosa sexan tan diverxentes que se neguen mutuamente, xa poden celebrarlle funeral á súa grande e miserable farsa liberal. E nós xa faremos a nosa festa común.

Acerca de Antón Dobao

Antón Dobao (Lugo, 1963). Escritor en tempo libre. Guionista e director. Filólogo de formación. De vida profesional ligada á Televisión de Galicia.