0 Gardados para despois

Ramón Muñiz

Paremos esta tolemia

Os rusos antes eran comunistas e os norteamericanos contábannos o que iso supoñía para noso sistema de vida polo que había que prepararse para responder a unha Unión Soviética cuxa ideoloxía pretendía impoñer unha ditadura nada menos que  do proletariado.  Así comezou a denominada guerra fría que case nos leva a unha guerra nuclear.

Agora os rusos fixéronse bos, deixaron o comunismo e integráronse no capitalismo como os norteamericanos, forman xa parte do noso mesmo sistema de vida, entón a que ven ese impresionante e sofisticado despregamento armado USA nos países fronteirizos con Rusia? Isto indúcenos a pensar que entón os rusos seguen sendo moi malos, debe ser porque simplemente son rusos, e a pesares do que digan, na realidade o que pretenden é invadir os países que lle rodean para convertelos ao rusismo, e aí está o amigo americano para que iso non ocorra. Pero claro se os rusos observan que os que están rodeados por tan impresionante maquinaria de guerra son eles, por que non poden pensar  que son os que corren o perigo e do que se  trata e de invadilos a eles? Polo tanto, parece lóxico que a resposta pola súa banda sexa tomar todas as precaucións rearmándose o máis posible para defenderse  dunha invasión da OTAN. Deste xeito o bucle desenvólvese e agudízase temerariamente con impredicibles consecuencias. Claro que se de invasións e apoios a ditaduras e derrocamento de réximes de países alleos falamos gañan os norteamericanos por goleada, que llo pregunten ao Vietnam, Irak, Panamá, Haití, numerosas ditaduras latinoamericanas e outras.

Así, cando críamos que derrubando o muro de Berlín finalizaba a guerra fría e o mundo podería por fin vivir en paz sen a ameaza dun armaggedon no enfrontamento armado entre as dúas potencias nucleares de ideoloxías totalmente opostas, observamos que volve o temor cando o imperio americano empeza a utilizar toda a súa maquinaria propagandística para facernos crer que os rusos non eran malos por ser comunistas se non por ser rusos, e o país máis imperialista da terra inventa outro imperialismo inimigo para xerar unha nova guerra fría e meternos aos cidadáns, que estábamos por fin tranquilos neste aspecto por algo que críamos superado, nunha incerteza aterradora.

Por que non chocan as cinco os “comandantes en xefe” de ambos países, meten os tanques nos seu garaxes, e dialogan e arranxan os seus intereses capitalistas nunha mesa, de xeito que se nalgún caso teñan que ir a unha guerra que esta sexa económica onde pode haber perdas ou ganancias pero ao menos non serán humanas, e así déixannos a todos tranquilos?.   

O dicharacheiro Revilla presidente da comunidade cántabra, ás veces di verdades como puños é unha delas foi cando afirmou que o exército USA asumía o 3% do PIB, pero que agora subía ao 6%, e as armas son para utilizalas, pois se non, quedan obsoletas, enferrúxanse e non valen, sería tirar os cartos. Todo coincide cos titulares que lía no xornal El País dixital o fin de ano: “EE.UU prepara en el este de Europa el mayor despliegue desde la guerra fría” e o voceiro sentenciaba “Una brigada de hierro frente a la amenaza rusa”. Aí están unha demostración das armas do 6%, e aí está a propaganda que nos meten: “guerra fría” “amenaza rusa” cando a única ameaza que eu vexo é a da OTAN rodeando a casa rusa, porque non vexo  que a casa americana estea rodeada por ningures.

A esquerda internacional debería tomar boa nota e tomarse moi en serio isto para paralo, porque de nada serve loitar contra a pobreza particular se estes irresponsables rematan enviando a todo o mundo á prehistoria, entón a pobreza será absoluta.

Por certo, Obama levou o premio Nobel da Paz.

Acerca de Ramón Muñiz

Licenciado en Ciencias Políticas especializado en socioloxía rural. Presidente da Irmandade Moncho Valcarce