Un home afortunado

Este é o titulo dun dos mais fermosos libros de John Berger, obra feita coa colaboración do fotografo Jean Mohr. Trátase dun libro a cabalo entre a antropoloxía e a narración, unha lúcida reflexión sobor da vida humana e a medicina como sanamento físico e humano. Este pensador, critico de arte, poeta, ensaísta, cronista, narrador, cineasta, debuxante e un longo etcétera, home comprometido que lle deu a palabra aos oprimidos, ás silenciadas, ao campesiñado, ás xentes explotadas, á humanidade vítima da dor e do sufrimento. Que desde a súa Inglaterra natal fixo de seu espazo vital o universo-mundo; que percorreu co seu ollar cheo de vida, coa sua voz sempre agarimosa e coa beleza e a ética da sua obra todas as temáticas que o ser humano pode abranguer.

Percorreu Europa en Aquí nos vemos. Denunciou a desaparición da sabedoría, a cultura e os coñecementos do campesiñado na triloxía Das súas fatigas afirmando que "a destrución do campesiñado do mundo podería ser un acto final de eliminación histórica". Sinalaba en G, novela gañadora do premio Booker, como feminista que afirmaba ser, "as mulleres xa non son propiedade dos homes e a sexualidade masculina xa non é a unica". Concluía en O tamaño dunha bolsa que o intercambio entre persoas iguais pode ser un muro de resistencia e de vida fronte "ao que esta a ocorrer hoxe no mundo, esa perversidade, ese ocultamento e ese feixe de enganos que pretende que traguemos".

Por iso a humanidade, nesta estrea do novo ano 2017, sente o frío e o silencio da orfandade coa morte de John Berger. Por iso a mellor lembranza que se lle poida facer a este home bon e xeneroso, que atopou nas súas estadías na Galiza agarimo e amizade e o mellor recoñecemento do seu inmenso traballo a prol dunha humanidade mais xusta e igual, sexa a de ler as súas obras, facer estas lecturas en amizade, con agarimo; encher as bibliotecas cos seus libros; sentir a quentura das súas palabras coa tenrura e a quentura do viño ancorado na terra e madurado co sol, e así ser un disidente mais da inxustiza e a dor.

Grazas, John Berger, pola túa escrita tan inmensa e chea de xustiza e tenrura, sempre quedará así connosco; que a terra agarimosa e cálida que tanto amaches te acolla por sempre con sosego e ledicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.