Stalingrado, Leningrado..., Lalingrado?

Teño un amigo e veciño -incluso algo familiar- co que partillei varias cousas durante os anos mozos: unha grande devoción polo saber agochado nos libros, un desapego polo rural que nos tocou habitar e un certo ánimo contestatario e irreverente. A primeira bandeira galega na aldea foi obra nosa: puxémola na póla dun piñeiro a carón da taberna, un 25 de Xullo de 1978, unha franxa plástica azul de saco de mineral cosida sobre un anaco de saba branca. E ámbolos dous presidimos as primeiras mesas electorais da parroquia, que con criterio aquelado, alguén dispuxo foran colocadas na taberna de Reino, templo sagrado de troitadas e naipe enzoufado de cartos. Non vou dicir aquí o nome do amigo, mais que nada por precaución, que en Cadrón os asuntos de honor resólvense nun santiamén, á carta mais alta; e o perdedor remata apedrado no adro da igrexa, á saída da misa dominical e a maior gloria do santo patrón Estevo, lapidado el tamén no seu día.

Aqueles tempos fican lonxe. Hoxe, o meu amigo é un reputado profesor universitario e eu son o que xa sabedes. Un día destes que pasou quedei con el nun bar, a medio camiño entre Santiago e Vilagarcía. Falamos de todo un chisco, pero sobre todo do novo alcalde de Lalín. “O alcalde Cuíña é un pequeno ditador pailán e fáltalle ao respecto á xente...converte os Plenos en repugnantes, violentes, bastos, ordinarios e irrespectuosos ...fáltalle moita educación, respecto, humildade e formación en democracia“, díxome. Eu conteille que o coñecía de antes de ser alcalde e que non tiña precisamente esa idea del. Moito debeu cambiar ese home, pensei. “Ademais...”, engadín, “...medio tiña idea de que estaba asesorado e supervisado por persoal docente e das administracións...” Tal cousa dixen que aínda o acendín mais. “E que?...Tamén tiñan asesores Hitler, Putin, Trump, Franco e Mussolini... Iso xa o tiña moi claro Cicerón no seu discurso “O candidato”, ou Hitler en “A miña loita”, e Mao no “Libro Vermello”...os asesores son o que Lenin chamaba ”lacaios”, Gramsci “intelectuais orgánicos” e na cultura popular chamámoslles “enchufados”, “amigos” ou “camaradas”...Ostrás! Intentaba recuperar da memoria ao amigo de antano e non conseguía reter a lembranza o tempo necesario. Só a súa erudición me cadraba cos tempos mozos.

Quixen tornar a conversa cara outras leiras da vida, pero non dei ou non souben. Sempre había unha regaña por onde furaba Lalín e mailo alcalde. Pregunteille se lle fixera algo malo o tal Cuíña e díxenlle que tal como falaba, o seu mais parecía odio puro e duro que crítica necesaria e saudable.

“Non, diso nada...non é odio. Só é crítica a un político inútil, prepotente, narcisista, ególatra, nefasto...que cobra unha diñeirada do erario público por non facer nada positivo...que ao que se adica é a destruír o que outros fixeron en Lalín...” Namentres seguía a falar viñéronme aos ollos as imaxes do Castro Tecnolóxico medio escagallado, o Lalín Arena comesto pola matogueira e o ferruxe, o Auditorio destellado, a Igrexa das Dores sen campanario, o porco Lalino descabezado... De ser certo a metade do que contaba o meu amigo, o panorama era desacougante, por veces case estarrecedor. “...pechou a UNED, liquidou a Encomenda do Cocido, a Gala da TVGA...Ían vir para Lalín mil e unha empresas, pero viches ti algunha?...” Como me repetiu a pregunta, eu díxenlle que non sabía, que había tempo que non pisaba aquelas terras. “Non creas que eu vou moitas veces, pero cando vou véxoo todo deserto, non hai movemento de xente...claro, se cadra teño mala sorte e non acerto co día...” Santo Ceo! Lalín, un deserto! Recuncaron as imaxes aos meus ollos, coma se as tivera diante dos fociños... a rúa Principal cuberta de area fina, case po...algunhas ventás das casas estaban entreabertas e batíanse cos refachos de vento, outras xa non tiñan cristais...no Quilómetro Cero o manto de area era mais fino e podíanse adiviñar os pasos de peóns de Tuno Valdés e Luís Areán... o nordés arrebolaba carqueixas resecas na praza da igrexa...igual non me credes se vos digo que ata me pareceu ver o vello Pat Garrett baixando dacabalo pola estrada de Rodeiro...

Despois da conversa co meu amigo e veciño, e dando por certa e verdadeira a súa análise da situación lalinesa -non teño motivos para dubidar da súa competencia científica e imparcialidade emocional-, debatíame eu entre só dúas explicacións posibles: quer Rafa Cuíña era o Anticristo, o monstro das sete cabezas e dez cornos; quer Deus castigara os lalineses por ter botado ao seu servo Crespo do templo municipal. Ou as dúas cousas á vez. Fun pasar a pasada Noitevella a Cadrón e tiven que pasar por Lalín. Cando cheguei á rotonda do Hotel Villanueva collín a circunvalación norte, díxenlle á muller e aos fillos que  agocharan as cabezas nos asentos,  e pisei o acelerador a fondo. Aínda non estou preparado para ver tanta desfeita xunta. Síntoo polos lalineses que aínda queden vivos...el que será deles, meus pobres?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.