0 Gardados para despois

Raquel Rivas Cabanelas

Dúas persoas pobres. Unha es ti

Hai unha imaxe que circula polo Facebook que di algo así como que detrás de cada prenda dunha multinacional, hai dúas persoas pobres, a que a fai e a que a compra. É obvio que son dúas pobrezas dispares, xa que a persoa que a fai non tería os cartos para comprala. Pénsoo sempre que leo a frase, pero despois recapitulo e creo que ten a súa verdade, que as dúas somos pobres.

Máis un ano comezan as benqueridas rebaixas e corremos para comprar a roupa que necesitamos, ou que cremos moitas veces necesitar. Ninguén pensará que esaxero cando digo que rematamos mercando máis de aquilo que considerabamos imprescindíbel. Nestas mesmas datas en 2016 os saldos de xaneiro arrancaban con un 5 % máis de compra estimada. En agosto as rebaixas aumentaron de media un 5 % as ventas. Habería que sumarlle os datos de blackfridays e outros saldos de nova creación.

Compro en rebaixas. Case sempre só en rebaixas convencida de que así non entro no xogo do mercado e non lle dou tantos beneficios como el quixera. Esquezo tres verdades, a do principio, quen está detrás da prenda. A verdade do segundo parágrafo, que compro máis do que preciso. E unha terceira, que os saldos son un mecanismo que busca aumentar o consumo dunha sociedade xa consumista de seu. Esquezo isto, porque me convén esquecelo. Para seguir comprando feliz.

E esas compras teñen consecuencias. Consumir responsablemente quere dicir consumir menos. As consecuencias dun consumo masivo van alén do feito de ter o armario repleto de cousas que non nos poñemos e para as que non temos espazo. As consecuencias de non reciclar a roupa van máis alá dunha mingua nos nosos petos.

Este verán, estando de voluntariado en Cíes fíxenme consciente dun feito do que non matinara anteriormente. En Cíes había uns seres que estaban relativamente estendidos por Europa chamados visóns europeos. Naceu a trampa, todo o mundo quería abrigos de pel. Puxéronse trampas, os visóns morreron. Pero non morreron só diso. As fábricas trouxeron visóns americanos, máis agresivos e que se reproducían máis doadamente, é dicir, que daban abrigos máis rápido. Había visóns en Vigo fronte as Cíes, visóns dunha fábrica para facer os abrigos que quería a xente. E os visóns, que vivían engaiolados e amontoados, que trouxeran os humanos a esta beira do Atlántico, fuxiron. E nadaron, nadaron o espazo máximo que podían nadar, que xusto era o espazo que separaba Vigo das Cíes. Os visóns americanos, máis agresivos que os europeos, fixéronse coas femias. E os visóns europeos deixaron de existir en Cíes, e noutros tantos sitios. Agora están en perigo de extinción.

Sei que quen me le non ten os cartos para os abrigos de pel, pero valla o exemplo para ilustrar as consecuencias dun consumo masivo. Non só mingua o noso peto, non só hai xente escravizada, tamén mingua o malquerido mundo que debería ser mellor querido que as nosas rebaixas.

Hoxe levo posto un vestido que me deu unha amiga porque a ela xa non lle servía, e síntoo como novo. Tamén sinto nova a roupa que lle collo a miña irmá. Gústame a roupa máis do que querería que me gustase, non é algo que eu escolla. Gústame porque lle gusta a sociedade na que vivo, na que un xersei se ten bolos xa non serve malia que abrigue. Unha sociedade que decidiu esquecer a compra para as medras, para mercar unha prenda axeitada para cada ocasión. Por iso non só reciclo roupa, senón que tamén merco, porque mo impoñen.

Aínda con iso, coa certeza de que ese gusto me vén imposto, sinto grandilocuente o adxectivo vítima cando acompaña a sociedade de consumo. Ser vítima vén acompañado dun trazo de pasividade. Non queres ser vítima, es vítima. Gústame a roupa non porque o decida eu, gústame. Porén, neste caso, creo que ás veces somos vítimas cómplices, cando mercamos conscientemente máis do que precisamos. E é que cando decidimos esquecer as consecuencias para comprar felices, decidimos ser partícipes de todo o que veño relatando.

Seremos pobres e só poderemos consumir de multinacionais. Ou poderemos ser pobres, consumir do negocio local, e ter un par de zapatos no canto de dous. Ou consumir nas multinacionais, mais facelo responsablemente. E si, sei que ás veces non hai escolla posible.

Dúas persoas pobres, unha es ti. É certo que temos poucos cartos, que non temos os suficientes para gastalos no que quixeramos e que, por iso, aínda que prefeririamos mercar no comercio local, facémolo nas multinacionais. A frase coa que comecei é verdade. Pero non é menos certo que mudar consumir por reciclar ou consumir por consumir menos, se consumir fose necesario, contribuiría a mudar o noso xeito de actuar. E quizais podería mudar a realidade plasmada nesa frase. Eu, persoalmente, teño a firme convicción de que si.

Acerca de Raquel Rivas Cabanelas