0 Gardados para despois

Isidro Dubert

A Santa Alianza: Xunta, Igrexa e Universidade

“Por que falar a quen non ten oídos?...”
Jean-Paul Sartre

Poucas veces o historiador ten a oportunidade de asistir á formación por parte das clases dominantes dun bloque hexemónico coa intención de converter a súa particular visión do presente e do futuro en  algo “natural”

Poucas veces o historiador ten a oportunidade de asistir á formación por parte das clases dominantes dun bloque hexemónico coa intención de converter a súa particular visión do presente e do futuro en  algo “natural”, “válido” e “universalmente aceptado” por todos os galegos grazas, neste caso, á manipulación do pasado. Normalmente a formación deste tipo de bloques é froito dun proceso longo, que en Galicia pareceu pecharse en primeira instancia o pasado 20 de decembro de 2016. Foi entón cando se fixo público o convenio asinado entre a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, a Igrexa e a Universidade de Santiago para a creación dunha “Cátedra do Camiño de Santiago” destinada a difundir na sociedade os “valores asociados ás peregrinacións” (!?), grazas os 40.000 euros achegados pola Xunta.

O 1 de novembro de 2016 Praza Pública informaba da existencia dese convenio e puña o acento no dereito de veto que as autoridades da catedral de Santiago tiñan tanto a respecto da persoa nomeada polo reitor para facerse cargo do negocio como da posibilidade que este lles outorgaba de nomear cargos de dirección na citada cátedra.

A nova non suscitou reaccións salientábeis na USC, malia non ser un asunto menor ou anecdótico

A nova non suscitou reaccións salientábeis na USC, malia non ser un asunto menor ou anecdótico. Non o é que o reitor, cabeza visíbel dunha universidade pública, asuma o veto e a censura eclesiástica neste asunto, xa que supón que a USC empregará na súa vida académica os criterios ideolóxicos da Igrexa á hora de seleccionar o historiador escollido para xestionala, excluíndo así a tod@s aquel@s que teñen unha visión histórica crítica coas peregrinacións xacobeas e a suposta pegada que os seus valores tiveron na historia de Galicia. Tampouco o é que un reitor “progresista” acepte que os cartos públicos financien as actividades docentes que unha institución privada como a catedral de Santiago vai promover no seo da USC. E menos aínda que consinta en darlles cobertura académica á custa de socavar as bases da renovación historiográfica que a Historia experimentou en Galicia nos últimos corenta anos, após liberarse dos vellos esencialismos e valores pseudohistóricos predicados polo Franquismo e a Igrexa durante a Ditadura.

O reitor da USC e o seu consello de goberno puideron evitar todo isto, xa que foron informados do que suporía a sinatura dese convenio nunha carta que o pasado 18 de novembro lles remitiron varios profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Malia iso, o primeiro non dubidou en ratificalo publicamente un mes despois. Un feito que non deixa de ser paradoxal nun equipo de goberno auto-cualificado de “progresista”, e xa que logo, supostamente, defensor do ensino público, laico, gratuíto e de calidade. Aínda que máis rechamante é que sexa unha reitoría “progresista” quen feche en primeira instancia o proceso de hexemonía cultural que Manuel Fraga Iribarne, antigo ministro de Información e Turismo de Franco, puxo en marcha en Galicia a mediados da década de 1960 coa axuda das clases dominantes do país. Na altura, intentaran aproveitar o Ano Santo de 1965 para converter as peregrinacións xacobeas nun evento propagandístico do réxime franquista con fins turísticos e relixiosos.

O reitor da USC e o seu consello de goberno puideron evitar todo isto, xa que foron informados do que suporía a sinatura dese convenio nunha carta que o pasado 18 de novembro lles remitiron varios profesores da Facultade de Xeografía e Historia

Xa en democracia, esta vez como presidente de Galicia, Fraga Iribarne volvía sobre ó asunto co gallo do Ano Santo de 1993, creando o Xacobeo e involucrando nel a Igrexa, os axentes económicos, as elites sociais e culturais, os medios de comunicación… En estreita colaboración con todos eles, a Xunta promoveu a celebración de actos culturais de claras implicacións políticas, ideolóxicas e turísticas. Para iso contou tamén cunha nómina de eruditos e curiosos, ós que se sumaron algúns historiadores profesionais. Así, co patrocinio da Xunta ás grandes exposicións, simposios e unha liña editorial propia, moitos deles procederon a interpretar a historia de Galicia “en clave xacobea”. Insistían pois nesa peculiar vinculación de Galicia con Europa e España que servía para alimentar ideoloxicamente a idea de autoidentificación coa que Fraga Iribarne trataba de combater a crecente inclinación dos galegos a votar en clave nacional (en 1997 un 25% dos votantes o fixo polo BNG).

No ano 2016 a estratexia conservadora deu un paso máis. Agochando a responsabilidade histórica que os gobernos do PP e as elites sociais do país teñen no deseño e fracaso das políticas económicas que causan a emigración dos nosos mozos, a Xunta acelerou desde 2011 a introdución do natalismo en Galicia. Toca pois insistir en que somos un país de vellos e en que tanto o seu futuro como o dos nosos fillos pasa indiscutibelmente polo desenvolmento do turismo. Pasa, en definitiva, por recorrer ás bases da vella política económica que Manuel Fraga Iribarne impulsara no Levante español durante a década de 1960. As peregrinacións xacobeas convértense así na cerna da “nova” política económica da Xunta e o Ano Santo de 2021 está aí, polo que cómpre darlle o contido “histórico” que a Axencia de Turismo e a catedral demandan á universidade. Neste contexto, as autoridades da USC decidiron sumarse a este peculiar proxecto de país botando man de historiadores que no seu día foron refractarios á renovación historiográfica que Galicia coñeceu. O custo científico e social desta aposta para ese mesmo país nada lles importa.

As peregrinacións xacobeas convértense así na cerna da “nova” política económica da Xunta e o Ano Santo de 2021 está aí, polo que cómpre darlle o contido “histórico” que a Axencia de Turismo e a catedral demandan á universidade

Así se conforma esa Santa Alianza. Mais é obvio que moitos historiadores profesionais nin estamos por nin participamos deste estraño negocio. Por iso o reitor e o seu consello de goberno non quixeron escoitarnos ou darnos unha explicación do franco menosprezo que amosan polo exercicio da Historia coma ciencia social ó pretender aliñala ideoloxicamente. Porén, ó facelo, non sabían que se convertían no mellor exemplo que os historiadores poderán pór ós seus alumnos acerca da capacidade crítica que posúe a Historia, ó estar en condicións de explicar, dentro e fora das aulas, os intereses que se agochan trala manipulación que esta Santa Alianza pretende facer do pasado histórico de Galicia.

Acerca de Isidro Dubert

Isidro Dubert, catedrático de historia moderna na USC, desde onde estuda diferentes aspectos da historia social, demográfica e familiar de Galicia