A gobernabilidade das cidades galegas

O proceso de elaboración e aprobación dos orzamentos das sete cidades galegas colocou no primeiro plano das prioridades mediáticas o problema de gobernabilidade das mesmas. Os resultados dos comicios de maio de 2015 só proporcionaron a maioría absoluta á candidatura encabezada por Abel Caballero en Vigo. Nos demais casos, a investidura dos alcaldes de Ferrol, A Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra e da alcaldesa de Lugo só foi acompañada dun acordo de goberno conxunto no caso de Ferrol. Nos restantes non houbo pactos explícitos e permanentes que permitiran asegurar, dende o comezo, a maioría necesaria para aprobar os orzamentos da institución municipal.

As dificultades derivadas desa carencia de pactos afectaron a todas as forzas políticas aínda que a meirande parte dos medios de comunicación teñen centrado a súa atención -e a maior carga das críticas dos seus analistas habituais- nos gobernos onde están presentes a Marea Atlántica, Ferrol en Común e Compostela Aberta. Para semellantes observadores, Ourense practicamente non existe e o alcalde do PP que preside esa Corporación non atura a correspondente responsabilidade pola inexistencia de orzamentos e pola incapacidade na adopción de medidas de impacto estrutural no desenvolvemento da cidade. Esta “obxectividade” informativa encaixa adecuadamente coa estratexia establecida pola dirección do PPdG despois da vitoria do pasado 25 de Setembro: reconquistar o goberno das cidades, sobre todo daquelas administradas polas Mareas.

Para tratar de acadar semellante obxectivo Feijoo está aproveitando calquera circunstancia que permita sementar dúbidas sobre a capacidade de goberno das equipas municipais e sobre a viabilidade futura das mesmas. A falta de sintonía ou a división reiterada que se rexistra entre as Mareas, o PSdG e o BNG alimenta un clima social pouco favorábel ás expectativas dunha colaboración futura entre as forzas que conforman, hoxe, a oposición na Cámara do Hórreo.

A forza electoral acadada polas Mareas no 2015 -sobre todo nas tres cidades da provincia da Coruña- pode explicar a reacción defensiva daquelas organizacións -PSdG e BNG- que viron emigrar unha parte relevante dos seus apoios electorais cara estas novas formacións. Tamén é coñecida a tradicional resistencia dos dirixentes socialistas a compartir gobernos que non son encabezados por persoas pertencentes á súa sigla. Pero o volume de coincidencias programáticas e o interese común de curtocircuitar un hipotético avance do PP no 2019 ofrecen incentivos moi sólidos para buscar unha colaboración permanente entre as tres organizacións. Porque, de dúas unha: ou, na vindeira cita electoral municipal, o partido de Feijoo acada a hexemonía que anda buscando ou terá que existir un acordo de gobernabilidade solvente entre os grupos da esquerda e do nacionalismo. Máis aínda: para que no 2020 exista algunha posibilidade críbel de substitución do PP na Xunta será condición imprescindíbel un entendemento plural nos concellos. Alguén podería acreditar na viabilidade dun goberno alternativo en San Caetano se perviven as situacións de conflito e desencontro que hoxe se viven nunha boa parte das cidades do noso País?

O Partido Socialista deberá solventar a dúbida que está no escenario político dende a  abstención que posibilitou a investidura de Rajoy: prefire compartir a oposición municipal co PP para erosionar o goberno das Mareas ou está disposto a buscar aquelas fórmulas que aseguren unha colaboración construtiva ate o 2019? A resolución deste dilema terá unha grande transcendencia na evolución da política galega nos vindeiros anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.