A crónica (politicamente) incorrecta de Molares do Val

Crónicas Bárbaras é a columna de Manuel Molares do Val distribuída vía axencias e publicada en xornais como El Correo Gallego ou Atlántico Diario. Ten un blog co mesmo nome. No seu twitter conta que é "Periodista. Ex-corresponsal EFE en México, Bélgica, RP. China, EE.UU. Analista políticamente incorrecto de la sociedad española y de otros países y culturas". Non sei se o de bárbaras é polo boas que son ou polas análises politicamente incorrectas.

O conto é que Molares do Val publicou en El Correo Gallego ou Atlántico unha crónica bárbara sobre violencia machista. Dita crónica empeza cun "El miedo al feminismo radical consigue que pocos medios informativos se atrevan a recordar que hay mujeres que se entregan voluntariamente a hombres violentos sabiendo que pueden matarlas". Explica o autor que, basicamente, isto é debido a que ás vítimas lles gusta deitarse cos seus maltratadores que, ademais, son uns machotes súper bos na cama "porque esos hombres son buenos amantes que establecen una relación morbosa". O que está claro é que iso da fase de lúa de mel a Molares do Val sóalle a canción de Joaquín Sabina, ou algo así.

Pois ben, o maltrato adoita ter tres ciclos: acumulación de tensión, agresión e reconciliación (coñecida comunmente como lúa de mel). Indo ao que nos interesa, en dita fase, tras os episodios de violencia, o maltratador pide perdón, móstrase amable, chora, é agarimoso, xura, ponse de xeonllos, promete que o que ocorreu nunca volverá pasar. Perxura que a quere, faille crer, mesmo, que a situación de violencia a provocou ela con algunha actitude. Unha das cousas que os maltratadores adoitan dicirlle á vítima é que os axuden a cambiar. Por desgraza, isto é só unha fase do ciclo, que volve derivar na acumulación de tensión. Esta sucesión de fases é o que explica que moitas vítimas de malos tratos volvan co agresor e cheguen a retirar as denuncias interpostas. Isto e non as artes amatorias dos suxeitos en cuestión. Tamén é o que explica o asasinato, nunha fase de agresión, da muller.

Esta sucesión de fases é o que explica que moitas vítimas de malos tratos volvan co agresor e cheguen a retirar as denuncias interpostas. Isto e non as artes amatorias dos suxeitos en cuestión. Tamén é o que explica o asasinato

Que Molares do Val publique iso no seu blog paréceme ben. A fin de contas é del e se lle reporta algún problema tamén será problema del. O que non me parece tan ben é que llo publiquen porque, entendo, un xornal revísao alguén. A FAPE recolle, no seu código deontolóxico que "o xornalista debe extremar o seu celo profesional no respecto aos dereitos dos máis débiles e discriminados", tamén que "debe manter unha especial sensibilidade nos casos de información ou opinión de contido eventualmente discriminatorio, ou susceptible de incitar á violencia ou prácticas humanas degradantes". E FAPE, que non eu, introduce o matiz "de información ou opinión". Porque baixo o paraugas da opinión non todo vale. Podería ser que unha persoa que non fose xornalista non tivese nin idea disto, pero asumo que Molares do Val, coa súa traxectoria, será coñecedor destes principios e asumo que os medios nos que publica, tamén. 

Para a audiencia dos medios de comunicación a realidade toma significado a través das palabras que se usan, das imaxes que se elixen, de como se conta a historia do asasino ou da vítima

No seu comunicado, a respecto desde tema, o Colexio de Xornalistas afirma que "é urxente que os medios de comunicación asuman a súa responsabilidade na erradicación da violencia machista. O seu compromiso ten que ir alén das declaracións de boas intencións; debe evidenciarse nas informacións e textos de opinión que cada día se elaboran e publican, sen que iso supoña unha renuncia a informar con veracidade. Se os medios transmiten estereotipos sexistas, frivolizan os asasinatos e culpabilizan as vítimas, contribúen a perpetuar as causas da violencia". E si, a linguaxe é un dos recursos máis poderosos dos sistemas patriarcais, racistas ou clasistas para manter a suxección dos pobres, as etnias e as mulleres. Para a audiencia dos medios de comunicación a realidade toma significado a través das palabras que se usan, das imaxes que se elixen, de como se conta a historia do asasino ou da vítima. A través dos conceptos que usamos, da clasificación que establecemos, dos valores que asociamos á realidade da que informamos, os xornalistas dan significado.

En resumo, que non sei se a crónica bárbara de Manuel Molares do Val é politicamente incorrecta. Incorrecta desde logo, porque confundir unha fase do ciclo de maltrato coas boas artes amatorias do maltratador ten o seu aquel. E senón sempre quedará o argumento de que eu son unha feminista radical. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.