De novo fun maltratada

Novamente, coma hai anos, sinto a dor do maltrato. Tampouco nesta ocasión hai pegadas na miña pel. Ningún morado revelador, nin tampouco unha pinga de sangue delator.

O que si sinto igual que entón, cando non era quen de reaccionar , cando o terror me paralizaba, é a humillación, o desprezo, a crueldade de quen me considera un obxecto,  un obxecto de pouco ou ningún valor, un obxecto que se pode usar, danar e destruír sen o mais mínimo escrúpulo.

Alguén que se fai chamar xornalista (será, eu non vou a cuestionalo. A diferenza del eu non xulgo, non son quen) manifestaba hai poucos días que as mulleres maltratadas somos “vítimas do noso sexismo”, e mesmo nos tachaba, sen ningún empacho, de “escravas sexuais” que na procura da “éxtase” que os nosos maltratadores nos proporcionan, somos quen de arriscar as nosas vidas nas suas mans.

Ou, dito doutro xeito, e para entendernos, que ante a un bo “revolcón” (e perdoádeme a expresión) deses que nos van facer ver, como mínimo, fogos artificiais, non dubidamos en vivir nunha constante ruleta rusa que nos pode costar a vida en calquera momento... Que non e doado atopar un “machirulo” coma o noso verdugo en todas as esquinas e un orgasmo épico ben vale correr o risco... É máis, poida que exerza un efecto afrodisíaco en nós, “vítimas do noso sexismo”!.

Eu quixera ter a este señor diante de min, cara a cara, e mirándolle aos ollos, explicarlle como eu, igual que calquera muller que viviu o inferno dos malos tratos, sentín a parálise do pánico mais atroz, da anulación,  da vergoña, e como tragando a dor, o terror, e o noxo máis intenso que se pode sentir, me vin na obriga de deixar que meu corpo fose o xoguete de quen tentara matarme non había máis que unhas horas, porque permitir que me sometese, que me violase, porque eso e o que fai o maltratador que te obriga a ter relacións sexuais queiras ou non, violar, era a única e mínima  posibilidade que tiña de salvar a miña vida, unha vida que, mais dunha vez, en momentos coma eses, desexei que rematase, e con ela o insoportable sufrimento.

Eu non sentín éxtase, nin fun unha “ionqui” do sexo con ese malnacido. Tan so quería sobrevivir, e deixar que me aldraxase era o único recurso e, ademais, tampouco tiña forzas para rebelarme.

Quixera dicirlle a este individuo que as manifestacións que fai no seu artigo teñen un nome: violencia de xénero, e que grazas a personaxes da dubidosa catadura moral que el demostra, non soamente é case imposible erradicar o feminicidio que tantas e tantas vidas de mulleres se está a cobrar, senon que temos o caldo de cultivo perfecto para que medre de día en día

Ainda así fun afortunada. A miña mente sempre tivo moi claro que non todos os homes actúan igual, e, ao contrario que moitas mulleres, que, con toda lóxica, quedan marcadas para sempre por unha experiencia tan traumática negándose ás posteriores relacións satisfactorias que merecen, fun quen de volver á normalidade.

Tamén mirándolle aos ollos, e ben alto e clariño, quixera dicirlle a este individuo que as manifestacións que fai no seu artigo teñen un nome: violencia de xénero, e que grazas a personaxes da dubidosa catadura moral que el demostra, non soamente é case imposible erradicar o feminicidio que tantas e tantas vidas de mulleres se está a cobrar, senon que temos o caldo de cultivo perfecto para que medre de día en día.

E mirándolle a os ollos diríalle que vostede si é escravo. Escravo dun machismo letal que provoca e tolera que se sigan asasinando mulleres , escravo duns prexuízos enfermizos que ven as mulleres coma lixo.

Foi vostede quen, primeiro, de enfurecerme coas suas barbaridades, cos seus despropósitos, pero agora, refrexionando detidamente, sabe que? Creo que e vostede digno de auténtica lástima. Ten que ser enormemente triste ver a vida, as persoas, do xeito que o fai, e o único que me queda por desexarlle é que un día, cando esperte, teña a lucidez precisa para poñerlle nome a o que fai coas suas manifestacións.

É sinxelo: Maltratar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.