En Marea: Carta de navegación

En Marea ten que definir que tipo de forza política quere ser e a súa folla de ruta para conseguilo

Enviando a Madrid cinco deputados e unha senadora nas eleccións do 26-X, e 14 deputados ao Parlamento Galego o 25-S (eleccións nas que esta forza sorpassou o PSdG), En Marea converteuse na segunda forza política galega en número de votos. Agora, tras uns resultados extremadamente exitosos para unha forza política tan nova (aínda que non suficientes como para empuxar dende as institucións melloras substanciais na vida das galegas e galegos), En Marea ten que definir que tipo de forza política quere ser e a súa folla de ruta para conseguilo, tarefa na que deberá envorcarse o novo órgano de dirección de En Marea que sairá elixido a finais deste mes de xaneiro. Entre outros retos, deberán abordarse como punto de partida os seguintes asuntos:


Constitución de En Marea como suxeito político

Unha das cuestións cruciais que debe resolver En Marea é decidir como manterse á vangarda política de España

Unha das cuestións cruciais que debe resolver En Marea é decidir como manterse á vangarda política de España, profundando na construción (aínda embrionaria, e máis electoral que social) dun novo “nós” capaz de integrar non só a nova onda de persoas activadas politicamente tras o 15-M, senón tamén a boa parte do nacionalismo galego e da esquerda republicana. Para a solidificación de En Marea como un único suxeito de vocación maioritaria e coa potencia suficiente como para mudar nunha forza de goberno en Galicia, terá que haber unha vontade firme, unánime e extremadamente xenerosa de interiorizar e poñer en práctica o “é máis o que nos une que o que nos separa”.

Non será posible traballar e conseguir melloras para as maiorías sociais se se dedican as enerxías a facer oposición a compañeiros de proxecto

En clave interna, os inimigos para bater serán as loitas internas entre faccións e a instrumentalización de En Marea para perseguir obxectivos de parte. Será necesario, por tanto, que todos os actores políticos que participen en En Marea sexan conscientes de que os obxectivos de En Marea non teñen por que necesariamente casar cos intereses propios ou os de calquera outra organización na que un milite. Non será posible traballar e conseguir melloras para as maiorías sociais se se dedican as enerxías a facer oposición a compañeiros de proxecto. Ditas metas comúns deben articularse ao redor da xustiza social e ambiental recollidas no programa de En Marea e sintetizadas no slogan das eleccións galegas do pasado 25-S: “un país xusto”. Por suposto, esta unidade ao redor do que é común non debe ser entendida como uniformidade: debemos ser capaces de convivir na diversidade, integrar todas as sensibilidades e enriquecernos coas achegas mutuas. En calquera caso, para evitar as dinámicas de parte, a mellor vacina é a democratización do poder e da toma de decisións, e por tanto será esencial implementar os mecanismos que maximicen esta democratización.

En clave externa, haberá que seguir profundando nun discurso transversal que permita atraer a amplos sectores da sociedade cunha variada procedencia política, considérense ou non de esquerdas, nacionalistas, republicanos, radicais ou de calquera outra categoría. Só así se poderá xerar un “nós” (chámese “pobo galego”, chámese “os de abaixo”) o suficientemente amplo, compacto e potente como para desterrar as políticas neoliberais e caciquís do PP. A unidade da esquerda é requisito necesario mais non abonda: non será posible gobernar Galicia sen convencer a parte do electorado tradicional do PP e do PSOE e sen mobilizar parte da abstención.

Haberá que seguir profundando nun discurso transversal que permita atraer a amplos sectores da sociedade cunha variada procedencia política

Para a tarefa de convencer a “os (e, sobre todo, as) que faltan” debemos ser quen de xerar confianza e certezas, especialmente entre todas aquelas persoas que están de acordo coas medidas que presentamos no noso programa, pero que por un ou outro motivo votaron a outros partidos ou ficaron na abstención. Esa confianza pódese xerar só a través da praxe, predicando co exemplo. Debemos demostrar solvencia, probando unha capacidade intachable de xestión do público para disipar calquera sombra de medo e para demostrar que a imaxe de “bos xestores” do PP é un espellismo. Para iso é fundamental que reivindiquemos e nos apoiemos nos logros das alcaldías do cambio, así como nas iniciativas que saquen adiante os nosos cargos públicos. Hai que evitar tamén evidenciar publicamente pugnas internas (“se non saben gobernar o seu propio partido, como van gobernar o país?”); é dicir, as sensibilidades de En Marea non só teñen que permanecer unidas ao redor do común, senón que tamén han de aparentalo.


Creación de espazos de militancia e de tecido cultural

As sensibilidades de En Marea non só teñen que permanecer unidas ao redor do común, senón que tamén han de aparentalo

Se queremos que as galegas e galegos vexan En Marea non como unha mera forza de representación, senón como unha ferramenta que sintan propia e poidan utilizar para mellorar a súa vida, hai que apostar por seguir abrindo En Marea. Aínda que un elevado grao de apertura non está exento de riscos e contrapartidas, as portas abertas á sociedade civil, sen necesidade de afiliarse, pagar cotas ou presentar certificados de pureza ideolóxica, foron unha das claves do despegue de Podemos a nivel estatal e do florecemento das candidaturas municipalistas a nivel local. As estruturas e asembleas abertas destas organizacións serven como interface de contacto, de debate de propostas e de creación de vínculos sociais entre persoas con escasa mobilización política previa.

Para abrir En Marea será imprescindible multiplicar e facilitar os mecanismos de participación, eliminando calquera tipo de trabas loxísticas e burocráticas. O incremento de encontros presenciais é necesario pero non suficiente, se temos en conta que as necesidades de conciliación por parte da cidadanía galega sempre serán un factor limitante para a asistencia a estes encontros. Os espazos presenciais de militancia de En Marea, por tanto, deben estar complementados por espazos telemáticos; o importante non é que todo o mundo estea a participar acotío, senón que todo o mundo poida facelo sempre que queira. A creación dun portal telemático de participación (https://medrando.enmarea.gal/), onde calquera persoa pode inscribirse en poucos minutos libre e gratuitamente, é un paso importante (que deberá ser seguido por outros) na dirección da apertura. Por suposto, estas ferramentas participativas deben ir acompañadas de ferramentas formativas para todos os niveis, desde as persoas máis implicadas no proxecto ata as que participan só ocasionalmente.

En Marea debe tamén decidir se quere ser unha ferramenta puramente electoral ou se, pola contra, tamén quere promover activamente a construción de movementos e dispositivos culturais para o famoso “carril lento” polo que se circula cando non hai eleccións

Doutra banda, En Marea debe tamén decidir se quere ser unha ferramenta puramente electoral ou se, pola contra, tamén quere promover activamente a construción de movementos e dispositivos culturais para o famoso “carril lento” polo que se circula cando non hai eleccións, como será o caso durante os próximos dous anos. A tarefa prioritaria para este “carril lento” é a construción teórica e a posta en marcha dunha alternativa ao armazón socioeconómico actual, é dicir, a cimentación de “o novo que aínda está por chegar”. Non vale simplemente con negar a realidade que temos. Aínda que é certo que temos xa varias pezas que poden formar parte do debuxo global da alternativa (redes de solidariedade, grupos de consumo e de intercambio, cooperativas, etc.), hai que seguir nutrindo ditas pezas e creando outras novas para, finalmente, poder encaixalas e ter nas nosas mans un modelo distinto ao actual, máis sustentable, máis humano, máis feminista e, en resumo, máis xusto.


Engarce coas forzas do cambio doutras escalas territoriais

Temos tamén o reto de lograr un encaixe satisfactorio de En Marea coas mareas municipalistas e coas forzas progresistas tanto a nivel español como internacional. A escala local, debemos ser totalmente respectuosos coa autonomía das mareas municipalistas, non usurpando nin tentando desprazalas do espazo político que hoxe ocupan. A coordinación con elas será complexa, especialmente a nivel orgánico, aínda que boa parte dos militantes de moitas delas apoiaron, individual ou colectivamente, a construción de En Marea.

A escala local, debemos ser totalmente respectuosos coa autonomía das mareas municipalistas, non usurpando nin tentando desprazalas do espazo político que hoxe ocupan

Respecto da escala estatal e superior, convén resaltar que En Marea xurdiu como forza política específica galega, coas súas particularidades propias, pero non hai que perder de vista que hai outros actores políticos en España (país de países) e no estranxeiro que defenden os mesmos principios de xustiza social que En Marea. Por tanto, desde Galicia temos que explicitar que entendemos por “plurinacionalidade”, e temos tamén que buscar a forma de apoiarnos mutuamente entre as diversas forzas do cambio, mediante confederación ou buscando outro encaixe, mantendo un equilibrio entre a nosa autonomía e a interdependencia coas outras forzas políticas aliadas.


Esquiva de dinámicas perniciosas

Hai dinámicas e riscos inherentes á participación política, e haberá que facer un esforzo activo para non incorrer neles e evitar así que se desvirtúe En Marea como proxecto político do cambio en Galicia. Entre os devanditos riscos inclúense:

- Os repregamentos participativos. A lóxica que permitiu o despregamento actual de forzas do cambio en todo o Estado foi a necesidade de tomar as nosas propias decisións políticas para que ninguén decida por nós, e isto require evitar as estruturas verticais dos partidos políticos tradicionais nos que a toma de decisións queda delimitada a unhas poucas votacións. A apertura e incorporación á vida diaria de En Marea da xente do común (especialmente daquelas persoas que non teñen a vida solucionada e que necesitan con urxencia o éxito dun proxecto de xustiza social) non só valerá como mecanismo de control democrático, senón tamén como motor de ilusión nunha cidadanía que terá nas súas mans unha ferramenta útil para mellorar a súa vida.

A apertura e incorporación á vida diaria de En Marea da xente do común non só valerá como mecanismo de control democrático, senón tamén como motor de ilusión

- Os repregamentos identitarios. Deberemos asumir e demostrar que En Marea non está aquí para “defender o de sempre”, senón para actuar como aglutinante de toda esa maioría de galegas e galegos que non sente representada polas forzas políticas tradicionais. Para as transformacións que queremos levar a cabo non sobra ninguén: necesitamos ás persoas republicanas, nacionalistas, de esquerdas, ecoloxistas, decrecentistas, animalistas, etc., pero só con elas non basta, e por tanto ningunha destas sensibilidades pode erixirse en estandarte de pureza de En Marea. É dicir, será preciso renunciar a moitas etiquetas, pois aínda que algunhas delas poden facer que nos sintamos cómodos sempre haberá persoas que as rexeiten. A nosa única bandeira debería ser, de novo, “un país xusto”.

Será preciso renunciar a moitas etiquetas, pois aínda que algunhas delas poden facer que nos sintamos cómodos sempre haberá persoas que as rexeiten. A nosa única bandeira debería ser, de novo, “un país xusto”

- Os repregamentos de resistencia. En Marea debe renunciar a ser unha forza de resistencia se quere ser unha forza de avance e conquista. Debemos transcender a concepción tradicional da rúa como un espazo de resistencia, un escenario do “non pasarán” no que defender os últimos restos do estado do benestar. Por suposto que non hai que abandonar esas loitas; de feito, fai falta apoialas e intensificalas. Pero tamén é necesario saír á rúa dunha maneira positiva e propositiva, non para dicir o que non queremos senón para dicir o que si queremos. Unha rúa na que celebremos e nos enorgullezamos dos éxitos conseguidos nos concellos nos que xa estamos a gobernar ou das melloras que os nosos cargos públicos no Hórreo e nas Cortes leven a cabo, e unha rúa na que se esixan cousas que a día de hoxe parecen unha utopía, como podería ser a renda básica, para seguir empuxando a barreira do posible.

- Caer na corrupción. Se algo é capaz de retirar apoios a unha forza política e disparar os niveis de abstención (ou de voto de castigo), é o sentimento de que “todos os políticos son iguais”. Por iso, a maiores de irreprochables coa xestión do público, temos que ser extremadamente pulcros e rigorosos co noso código ético. O máis mínimo desvío, o máis mínimo indicio de que nós tamén estamos aquí para enchufar aos nosos amigos e meter a man nas arcas públicas, amplificado por uns medios que esperan ansiosamente o momento de dicir “vedes?, son todos iguais”, levaría á perda da oportunidade de recuperar Galicia para as galegas e os galegos.

En Marea ten por diante o reto de sentar unhas boas bases do que desexamos que sexa un proxecto de cambio gañador, capaz de buscar en común un solución efectiva aos grandes problemas da maioría das galegas e os galegos

Concluíndo, nos próximos meses En Marea ten por diante o reto de sentar unhas boas bases do que desexamos que sexa un proxecto de cambio gañador, capaz de buscar en común un solución efectiva aos grandes problemas da maioría das galegas e os galegos. É un desafío make or break, pero neste país envellecido, en caída demográfica, preso de redes caciquís e coa cuarta parte dos fogares en risco de pobreza, o que non podemos é fallar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.