Freo do TJE á paranoia expansionista marroquí

O pasado día 21 de decembro, o Tribunal de Xustiza de Europeo sentenciaba que o Sahara Occidental non forma parte de Marrocos. Puña así fin aos máis de 40 anos de saqueo das riquezas naturais do pobo saharauí por parte de Marrocos e coa complicidade dos estados membros da Unión Europea.

Dita sentenza, que responde a un recurso presentado polo Consello da Unión e a Comisión para evitar a anulación do Acordo de Asociación e de Liberalización con Marrocos, conseguiu salvar o texto, pero tendo que excluír ao Sahara Occidental do acordo de pesca entre a Unión Europea e Marrocos.

Esta sentenza que supón unha importante vitoria para a Fronte Polisiario, e en consecuencia para o Pobo Saharauí, infrinxe un duro golpe a Marrocos que ve como a máis alta entidade xudicial europea delimita claramente as fronteiras do Sahara Occidental. Golpe que se suma a outros como a resposta da Unión Africana ás pretensións de Marrocos de integrarse na Organización africana, na que lle lembra o artigo 29 da súa constitución que estipula, entre outros temas, "o respecto das fronteiras existentes no momento de acceder á independencia", condición esta que non cadra de ningún modo co comportamento de Marrocos con respecto ao Sahara Occidental.

En relación á conclusión do Tribunal de Xustiza Europeo e en declaracións á Cadea Ser, Gilles Devers, avogado da Fronte Polisario, afirmaba que a Fronte Polisario non está en contra da explotación da pesca, pero que non van renunciar ao seu control. Polo que quen queira facer negocios no Sahara Occidental deberá chegar a un acordo co Polisario que solicitará que se aplique o acordo do tribunal. En palabras de Gilles Devers, xa non se trata de saber se a súa actividade favorece ou non ao pobo saharauí. O que di a sentenza é que se necesita do consentimento da Fronte Polisario, como lexítimo representante do Pobo Saharauí.

Non debemos esquecer, que a Corte Internacional de Xustiza da Haia emitiu unha Opinión Consultiva, o 16 de outubro de 1975, solicitada en 1974 pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas a iniciativa de Marrocos e Mauritania que alegaban que a aplicación do principio de autodeterminación do Sahara Occidental afectaba á "súa integridade territorial". Na devandita Opinión a Corte concluíu que non existía ningún vínculo de soberanía territorial de Marrocos ou Mauritania sobre o territorio do Sahara Occidental.

A única solución para unha relación comercial legal co Sahara Occidental é a conclusión da descolonización, polo que España debería tomar nota desta sentenza e obrar en consecuencia empezando por declarar nulos os Acordos Tripartitos. Acordos, asinados en Madrid o 14 de novembro, nos que España repartiu o territorio saharauí entre Marrocos e Mauritania de forma ilegal, xa que devanditos acordos son contrarios á Carta das Nacións Unidas e as resolucións da Asemblea Xeral da ONU e contradín o espírito e os principios da descolonización tendo en conta que nunca se contou a opinión da poboación do devandito territorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.